sábado, 15 de xuño de 2024

Mil topónimos de castros e corgas

 

 Mil topónimos de castros e corgas

Este artigo resume un traballo publicado na web, que analiza un milleiro de topónimos galegos pertencentes ás series rematadas en -oiro/a e en -ouro/a (cf. Fontoira, Viloira, Viloura). 

Os resultados poden ser extrapolados a topónimos foráneos, tanto portugueses como doutras zonas do norte peninsular con sufixacións equivalentes en-oro/a, -orio/a (cf. Hontoria, Montoro).


Introdución

Presentamos varias series topónimos que en moitos casos aluden a castros:

  • -            Moitos dos topónimos en –oira, –oiro, –oura e –ouro.
  • -            Parte dos Ouro e derivados (Fonte do Ouro, Oural, Ourela, Ouraño, etc).
  • -            Un subconxunto dos Obra.

Conxuntamente analizamos os derivados do apelativo *aur(i)a, considerados por Bascuas como procedentes da raíz hidronímica indoeuropea *awer-‘humedecer, mollar, fluír’. Estes topónimos confluíron na forma cos previamente mencionados, tal como veremos.

 

Observacións iniciais

Un feito importante, xa indicado por Bascuas, é que a palabra prerromana auria conservou un valor léxico no romance, ata polo menos a Alta Idade Media. Así, atestamentos medievais de Fonte Auria, Valle Auria, Villa Auria, correspondentes coas actuais Fontoira, Valoura, Viloura. Tamén usos nominais:

[..] per illos cubos, per illa aurea [= auria] et per coto de Villar [..], a. 1128[1].

 

Bascuas atribúe a aura/auria un valor hidronímico xenérico, por veces auga, outras regato, etc. Porén, un significado xenérico non semella congruente. A modo de exemplo, sería estraño que unha Fonte Auria remitise a unha Fonte “da auga”, nin un Riboira a un Río “da auga’.

Se o uso da voz aura perdurou no romance, entón debía ter un significado concreto, e non apenas un significado hidronímico xenérico.

 

Na análise destes topónimos  –oira/o, -oura/o, descartados aqueles non relacionados, como moitas das formas co sufixo -doiro  (Lavadoiro, Nacedouro, Cantadoira), quedou case dun milleiro para os que estudamos a súa situación. Despois dunha primeira revisión, usando os mapas do PTG, identificamos dous padróns de situación:

1) Confírmase un padrón xeográfico no que encaixan unha parte dos topónimos,  que é o de “cursos de auga en pendente, con ladeiras relativamente pronunciadas”, aos que nos referiremos como ‘corgas’.

 

2) Tamén se observa outros que non encaixan no padrón de corgas nin incluso no xenérico de hidrónimos, senón que están determinados pola súa situación ao pé de castros. Noutras palabras, remiten a unha ‘fonte do castro’, ‘chan do castro’, etc, aludindo á súa situación próxima.

 

Exemplos da toponimia relacionada 

  Os casos Aurela, Orela, Ourelo, A Urela

Para os topónimos Aurela, preséntase claramente a homonimia indicada previamente, entre castro e corga:

  • O PTG rexistra 18 topónimos Aurela que se corresponden claramente con  corgas, moitos deles en lugares non propicios para castros.
  • Pola contra, hai 23 topónimos, incluíndo Aurela, As Orelas, así como unha A Urela do Castro e un Ourelo, todos eles remiten claramente a castros, dada a súa situación nos castros.

Malia presentaren unha base léxica aparentemente idéntica, deben ter orixes etimolóxicas distintas.

 




Fontoira, Fontedoira

 O PTG rexistra uns 13 Fontoira e un Fontedoira. A maioría, 8 dos casos, quedan preto de castros e non teñen corga próxima. Por outro lado, hai 3 casos que quedan no nacemento dunha corga, sen castro preto, co cal é clara a alusión á corga que alí comeza.

 




Fontoira (Manín, Lobios, Ou)







Reboira, Riboira

Os topónimos Reboira, Riboira, Reboiro, Riboiro, Riboiras, Reboiras, Reboirais son frecuentes, o PTG rexistra unhas 57 ocorrencias[2], incluíndo as formas específicas Reboures e Rebuiras.

O primeiro elemento destas formacións debe ser Rivu ou Ripa. Aludirán, xa que logo, a un rego ou a unha ribada preto de castro ou de corga.

 


Se examinamos a situación, nun 56% das ocorrencias pódese identificar claramente o castro ao que remiten, noutro 15% a corga, en canto un 30% é incerto ou sen corga nin castro. Parte dos casos excepcionais poden explicarse como aludindo a apelidos (de feito, o CAG rexistra os apelidos Reboiras, Reboiro e Reboeiro). Outros casos, como moitas veces, o non coñecemento de castros próximos non exclúe que non os houbese. 


                                                         Reboiro (Nullán, As Nogais) 

 





Langoira, Langoiro, Lengoira, Longoira, Lungoira

Atopamos 19 topónimos con estas denominacións, a gran maioría son Langoira e a variante Langoeira, e os outros 6 restantes coas formas  Longoira, Lungoira e Lengoira. 

En canto á situación, 17 dos 19 están en lugares chans e alongados, e cun castro nun dos estremos. Os outros 2 casos son incertos. Ningunha das 19 ocorrencias ten unha corga preto.

 Deben, pois, aludir a *Longa ou *Longo do castro, chaeiras ou longueiros que rematan nun castro.


 




 


Lendoiro

A poboación de Lendoiro (Cecebre, Cambre, A Co) atópase xusto a leste do Castro de Pravío, cun rego por medio que non é corga. Non debe ser outra cousa máis que un *Alén do oiro ‘á outra banda do (río do) castro’.

 

Viloira, Viloura

O PTG rexistra tres núcleos de poboación Viloira e un Viloura.

  • No caso de Viloura (l. de Castrelos, Vigo, Po), ten a leste o Castro do Piricoto, e non existe ningunha corga preto.
  • Igualmente Viloira (l. de Viloira, O Barco de Valdeorras, Ou) queda preto do Castro da Escrita nun coto a SW. Tampouco existe ningunha corga preto.
  • Polo contrario, no caso de Viloira (l. de Requeixo, Chantada, Lu), esta queda ao pé dunha corga, sen ningún castro preto identificado.
  • Finalmente, Viloira (l. de Santalla de Bardaos, O Incio, Lu) queda preto dunha corga pronunciada a oeste, polo que debeu referir á corga. O castro de Santalla queda xa máis lonxe, non semella que aludise a el.

 

Camoira, As Camoiras

O PTG rexistra catro ocorrencias, todas en vales ou altos chans, lonxe de corgas e preto de castros:

  • As Camoiras (l. de Vilalvite, Friol, Lu), nun val, a nordeste está o Castro da Rodela.
  • Camoira (l. de Camoira, Lugo, Lu), en lugar chan; a  wikipedia rexistra un castro xusto a norte da igrexa, na Castronela Os Fornos.
  • Camoira (l. de Aguas Santas, Palas de Rei, Lu), nun val,  a sur está o Monte do Castro.
  • Noutra freguesía queda A Chousa de Camoira (O Mato, Palas de Rei, Lu), nun val; a sur dela está O Castro.

 

Viadoiro, Lamboira, Cantoiro, Angradoira

Ao pé do Castro de Vilaronte queda Viadoiro (l. de Vilaronte, Foz, Lu), sen corgas preto. Debe remitir por tanto a unha *Vía do Oiro ‘Camiño do castro’.

Ao pé do Castro Canzobre atópase A Lamboira (Morás, Arteixo, A Co) e, neste mesmo concello as terras As Lamboiras (Arteixo, Arteixo, A Co) quedan ao pé do Castro das Penouqueiras. Nos dous casos son terras maiormente chás, e sen corgas próximas. Deben provir dunha *Lomba-Oira ‘a lomba preto do castro’. O paso de *Lomboira para Lamboira explícase talvez por etimoloxía popular, co alcume “lamboira”, xa rexistrado por Valladares, ou pola vacilación /a/-/o/ en formas prelatinas, non só nas da hidronimia.[3]

Tamén A Cortiña do Cantoiro (Nogueira, Montederramo, Ou) queda ao pé dunhas terras Castrelos, e sen corgas. Debe tratarse dun *Canto do Oiro ‘canto (recuncho) preto do castro’.

No caso de Angradoira (Leiro, Abegondo, A Co), podemos interpretalo como *Angra do castro, xa que seguindo a "angra" (retorta, enseada) onde se sitúa, chégase por zona chá ao Castro de Leiro.

 

Oural

Se a voz aura perdurou no romance, é natural que tivese as formacións derivadas típicas, con sufixos latinos, entre elas aurale > oural. É un caso análogo ao dos topónimos Rial[4], O Regueiral, Os Arroxais[5].

Poderíamos postular para Oural, xa que logo, un “Lugar no que se orixinan corga(s)”. De feito, a maioría dos topónimos Oural están ligados a cotos e lugares no alto. No entanto, hai veces que se ve que a corga acaba tomando tamén o nome de Oural, transvase común na toponimia.

 


Lamas de Oural (Espiño, A Veiga, Ou) tamén encaixa no padrón de situarse preto dunha corga.

O mapa mostra Coto Oural (As Estacas, Fornelos de Montes, Po), preto do comezo dunha corga.

 

 

 




A Chan de Oural (Araúxo, Lobios, Ou): requeixo nun couce, a leste discorre a Corga de Teixugueiras  e a oeste a corga Río de Lobios. É interesante a presenza próxima d’O Dourado e A Chan Dourada, preto de corgas, que deben provir dun O (Monte) d’Ourada e A Chan d’Ourada respectivamente. Os tres topónimos confírmanse mutuamente.

 

 

 





Os Ourales
(Castro, Cerdedo Cotobade, Po). A localización é análoga ao caso d’Os Riás (Olveira, Ribeira, A Co), formacións en plural a partir de  “aura” e “rivu” respectivamente.






 Ouralla


No caso da Fonte Ouralla (Covelo, Viana do Bolo, Ou), vemos a formación co sufixo diminutivo/despectivo, que encaixa ao ser unha corga curta (actualmente máis aínda ao desaugar no encoro).


 

Breadouro

As terras chamadas Breadouro (Coruxo, Vigo, Po) quedan ao pé da praia, sen ningunha corga preto. Enfronte queda a Illa de Toralla, a cal estaba unida no pasado con esta praia por unha pequena barra de area.

En vista do anterior, e sabendo que na Illa de Toralla houbo un castro[6], inferimos que Breadouro corresponde cunha antiga *Vereda de Orio, aluden a esta vrea,  unha barra de area que permitía cruzar ata o castro da illa. Esta hipótese reafírmaa o feito de que a praia á beira da que se atopa Breadouro chámase Praia do Vao. 

A Fraga do Ouro, A Bouza do Ouro

O PTG rexistra A Fraga do Ouro (Requiás, Muíños, Ou) e A Bouza do Ouro (Mociños, Quintela de Leirado, Ou), ambos os dous ao pé de corgas e sen ningún castro preto. Remiten, por tanto, ao aurio (corga) ao pé do que se atopan. 

Fonte do Ouro

No caso das Fonte do Ouro, xúntanse as connotacións mitolóxicas de fontes e de ouro, polo que semella probábel que unha parte destes topónimos remitan ás abundantes lendas, mitos e anécdotas relacionados.

Con todo, das aproximadamente 46 Fonte de Ouro, Fonte do Ouro, Fontouro e Fontoura que rexistra o PTG, aproximadamente 1/3 delas quedan á beira de corgas ou na nacente de corga, e outro terzo preto de castros.

Esta interpretación que facemos desmitifica, xa que logo, boa parte das fontes do ouro e remíteas a elementos tanxíbeis existentes, sen relación co metal homónimo. Parece que, por veces, o topónimo creou a lenda, e non ao contrario.

 

A Corga do Ouro, O Regodouro, Rego do Ouro, Redouro

Das catro ocorrencias, tres delas quedan preto dunha corga, en canto que o Rego do Ouro (Moreira, Castroverde, Lu) discorre por lugar chan e debe remitir ao castro A Croa situado augas arriba, non moi lonxe[7].



O Regodouro (l. do Freixo, As Pontes de García Rodríguez, A Co) é o nome dun casal, que o tomou do Rego do Ouro, tal como se ve no mapa.

 

 

 

 

 

 

  

 

O Carrozo de Ouro

O dicionario rexistra a voz carrozo como  “Torrenteira”, “Torrente entre montes” (cf. DdD). Este significado é coherente coa situación d'O Carrozo de Ouro (Lousada, Pedrafita do Cebreiro, Lu), pois atópase preto do nacente dunha pequena corga. Por riba está a Pena da Fonte do Ouro.

 

O Pozo do Ouro

No caso do Pozo do Ouro (A Capela, A Capela, A Co)  queda xusto ao pé do Castro de Bretoña, logo é clara a referencia ao castro.

Polo contrario, O Pozo do Ouro (Burgueira Oia, Po) queda ao pé dunha corga, en canto que o castro máis próximo (Castro da Cividá) queda lonxe.

 

A Cunca de Ouro, Agro Douro

Estes topónimos quedan tamén ao pé de corgas.

A Cunca de Ouro (Santa Marta de Meilán, Riotorto, Lu) é unha pequena bacía ao pé da corga Rego de Cagaleixos.

Igualmente Agro Douro (Rarís, Teo, A Co) queda preto da corga Rego da Pía, sen castro próximo.

 

Agro Douro (Rarís, Teo, A Co)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  

 

O Cabo do Ouro, A Canteira do Con do Ouro, A Pedra do Ouro

Trátase de tres “Ouro” que remiten a castros:

  •         Cabo do Ouro (Loureda, Boqueixón, A Co) queda, tal como nos indica o nome, pegado a onde remata un castro, neste caso o Castro da Eirexa.
  •         A Canteira do Con do Ouro (O Grove, O Grove, Po) ten unha canteira ao sur. O mapa indica, xusto onde o topónimo, un Castro Xaniño.
  •         A Pedra do Ouro (Morás, Arteixo, A Co) queda preto do Castro de Canzobre; podemos conxecturar que aluda á existencia dunha pedrafita que marcase lindes do castro.

 

O Ouriño, Ourín, Rebourín

Outros tres que remiten a castros:

  •         Ouriño (l. de Rodís, Cerceda, A Co) o mapa marca “Castro” a oeste.
  •         Ourín (l. de San Martiño de Asperelo, Rodeiro, Po) ao pé do castro da Veiga dos Castros.
  •         Tamén as terras Rebourín (Riomol, Castroverde, Lu) tamén preto de castro e sen relación con corgas.

 

Rego da Uranza, O Ouraño

O Rego da Uranza (Carnota, Carnota, A Co) trátase claramente dunha corga e non hai castro preto. Igualmente O Ouraño (Prado de Limia, Muíños, Ou)  queda nunha corga clara, a Corga de Varedo[8].

Para A Uranza, que na forma orixinaria debeu ser *Aurantia, superpóñense os sufixos -nt- e -ia, ambos os dous típicos da lingua da hidronimia.[9] No caso do Ouraño, a forma orixinaria *Auranio inclúe unha sufixación frecuente en topónimos galegos de orixe prelatina, como Caamaño, Bermaño, Viaño.

Son coherentes, por tanto, as sufixacións que presentan, pois estas son frecuentes na lingua da hidronimia.

 

Ouroxo, Auroxal, Os Ouroxales, Rego do Ourixario

Ningún deles queda preto de castros, e todos remiten a corgas:

  •  As terras Ouroxo (Corvelle, A Pastoriza, Lu) quedan nunha ladeira, xusto nunha corga clara.
  •   No caso de Auroxal (Boazo, A Teixeira, Ou), está situado xusto no nacemento dunha corga. 
  • Tamén Os Ouroxales (Golmar, A Laracha, A Co) quedan ao pé dunha corga. Teñen un segundo sufixo latino en -ALE.
  •  Igualmente o Rego do Ourixario trátase dunha corga e non queda preto de ningún castro. É de notar a conservación semiculta do sufixo -ARIO. Pode ter a orixe na formación *Ouroxario. O paso a Ourixario sería a típica palatalización do vocalismo pretónico, tal como ocorre en Foxoa > Fixoa, ou Toxoso > Tixoso[10]. 

Deben ser derivados de Aur(i)a ‘corga’, coa sufixación en -oxo como, por exemplo Montoxo.

Outros topónimos relacionados con castros: A Obra, Obra, Obra de Paño

No conxunto de topónimos Obra conflúen primeiramente aqueles que remiten ao apelativo común; outros parecen aludir á Obra Pía. Hai un terceiro grupo deles que poderían ser solucións diverxentes da serie de topónimos en –(o)bre galegos. De feito, Villar (1991: 487) incluíu algúns deles nesa serie.

Os topónimos A Obra (l. de Foxás, Touro, A Co) e Obra  (l. de Obra, Vila de Cruces, Po) quedan en meandros contiguos, ao pé de cadanseu castro no coto.

O Prado da Obra (Duarría, Castro de Rei, Lu) atópase preto do Castro de Duarría e non ten corgas preto.

Obra de Paño (l. de Lubre, Bergondo, A Co), queda moi preto do Castro de Lubre e sen ningún curso de auga significativo próximo. O sintagma “de Paño” debe tratarse dunha reinterpretación doutra forma que descoñecemos, co final en -año, típico de formacións de orixe prelatina.

Estas variantes Obra fronte Obre (Obre, Paderne, A Co), preto do Castro de Obre, son explicábeis como hipercorreccións da relaxación do -a final, fenómeno relativamente frecuente na toponimia galega (cf. Pedride, Mexilloíde, Valincobe).

 

 



[1]  (Bascuas 2014: 145).

[2] Na realidade, filtramos por coherencia as duplicidades, pois ás veces o PTG rexistra varias veces o mesmo topónimo, ou incluso un grupo deles, como Fonte da Reboira ao pé dun Reboira, nestes casos contabilízanse unha soa vez.

[3] Cf. S.v. “lamboira”, DdD.

[4] Uns 350 recollidos no PTG.

[5] O topónimo Arroxo, así como as formas en diminutivo Arroxoá, Roxoá, Rexoá etc son relativamente frecuentes. Trátase obviamente dunha variante de arroio, o mesmo que a parella Laia/Laxa, ou Foio/Foxo.

[6] Cf. wikipedia, https://gl.wikipedia.org/wiki/Vila_romana_de_Toralla.

[7] Descoñecemos se está recoñecido oficialmente, pero no mapa de relevo (mapa gris) identifícase claramente como castro.

[8] Hai un erro de  desprazamento da etiqueta do PTG e o mapa: O Ouraño queda preto do Coto de Varedo, segundo o mapa.

[9] Para as formas -antia, vid, p. ex. (MORALEJO, 2005).

[10] Para máis detalles ver (MARTÍNEZ, 2016)

mércores, 9 de agosto de 2023

Algúns lugares de axustizamentos na Mariña e o Ortegal

 A toponimia dános por veces pistas moi claras sobre a historia dos nosos lugares e, por tanto, sobre a nosa historia.

É interesante o caso dos topónimos Picota e Rollo que atopamos na nosas bisbarras, e que nos informan da historia dos axustizamentos, e en concreto de lugares nos que se aplicou a pena de morte. 

A Picota, ademais da acepción de cima dun monte", designaba o pau espetado, poste ou columna no que se executaban as sentenzas ignominiosas impostas aos criminosos. 
O termo "Rollo", voz importada de Castela, xunto co seu uso executivo, era practicamente sinónimo de "picota". 
A diferenza consistía en que a Picota podía estar situada en calquera lugar, en canto que o Rollo soamente se erguía nas vilas capital de señorío xurisdicional.

Xa Viterbo (Elucidário, 2: 478) definía a “Picota” como o «pelourinho com suas cadeias evargolas, onde os criminosos eram expostos à vergonha. Era a picota sinal de jurisdição». 

O dicionario de Marcial Valladares (1884) define "rollo" como "A picota, ou forca, feita de pedra e en forma redonda, ou de columna. Era insignia da xurisdición de vila, odiosa para as poboacións." (Cf. Marcial Valladares, 1884). "Diccionario gallego-castellano").

Elixio Rivas rexistrou en Marín o caso do "Outeiro do Rollo", que tamén é chamado "Outeiro da Forca".

 De seguido presentamos unha escolma destes lugares con historia conservada na toponimia, os restos que atopamos na zona da Mariña e do Ortegal.

Antes de continuar, convén notar o feito de este artigo estar baseado en datos exclusivamente toponímicos, polo que deberá de ser constrastado con datos e rexistros históricos que confirmen ou desmintan cada unha das hipóteses.

A CRUZ DO ROLLO (VIVEIRO)

Esta cruz, aínda que actualmente se atope na ponte de Viveiro, indícanos claramente polo nome que foi traída aí desde o lugar onde se facían os axustizamentos . A cruz presenciou execucións de penas de morte, vaia.

A PICOTA (Suegos -- O VICEDO)

No caso que nos ocupa, trátase dun lugar situado preto do curuto de monte,  entre O Folgueiro e Suegos. Por tanto, non queda claro se foi lugar de execucións. A favor desta especulación está o feito de ter sido Suegos un couto específico, con concello nalgunhas épocas.

 A PICOTA (Benquerencia -- BARREIROS)

A acepción desta picota semella claramente a de lugar de execución. De feito, ao pé deste topónimo de Benquerencia atópase o topónimo "Rollo". Ambos os dous, xa que logo, confirman a interpretación mutuamente.

AS PICOTAS (Silán -- MURAS)

Neste caso, as posibeis dúbidas sobre a interpretación de "Picota" son frouxas, pois dáse o feito de que, ao pé desta finca de Silán atópanse O Cárcere e mais A Casa Vella do Concello. Uns topónimos confirman os outros.

Finalmente notar que, aínda que este topónimo estea en plural, isto non é significativo.: o máis probábel o lugar se teña chamado "A Picota" e pasase a chamarse "As Picotas" cando a finca á que dá nome se partillou entre varios propietarios, o cal é un feito recorrente na toponimia.

A PICOTA (lugar da Pena Vaqueira, Roupar --- XERMADE)

Esta "Picota"  atópase no medio da poboación e non se trata dunha cima, así que semella plausíbel pensar que debeu ser  o lugar de axusticiamento.

É de notar a existencia dunha "Picota" na freguesía de Burgás pero atópase na cima dun monte" e ademais ben lonxe dos núcleo de poboación, polo que a acepción de "Picota" nese caso semella encaixar mellor como "picouto, curuto de monte".

A PICOTA (lugar do Burgo, Oirán --- MONDOÑEDO)

Esta "Picota"  atópase moi preto da Igrexa de Oirán, no lugar do Burgo, e non se trata dunha cima, así que tamén semella plausíbel pensar que debeu ser  o lugar de axusticiamento.

O ROLLO (Rececende --- A PONTENOVA)

Este lugar atópase preto de Rececende de Arriba, moi preto do lugar do Pacio. Como noutros casos, suficientemente preto e á vez suficientemente lonxe da poboación para non ter lugar a execución no centro. Por tanto, semella plausíbel pensar que debeu ser  o lugar de axusticiamento, máxime quedando preto do Pacio, que se supón que daquela aínda sería residencia señorial.

O ROLLO (Vilaoudriz --- A PONTENOVA)

Este lugar atópase preto da Igrexa de Viloudriz. Como noutros casos, suficientemente preto e á vez suficientemente lonxe da poboación. Por tanto, semella plausíbel pensar que debeu ser  o lugar de axusticiamento,.

A PICOTA (Bares -- MAÑÓN)

A situación deste microtopónimo queda nun lugar apartado, mais moi preto do Porto de Bares, suficientemente preto e á vez suficientemente lonxe para non ter lugar a execución no centro da poboación. Non queda nun picouto ou cume de monte, polo que emella claro que debe tratarse dun antigo lugar de axustizamento.

O MONTE DA PICOTA (Os Casás -- CERDIDO)

A situación deste microtopónimo queda nun lugar apartado, mais relativamente preto da Igrexa. Como no caso de Bares, suficientemente preto e á vez suficientemente lonxe para non ter lugar a execución no centro da poboación. Porén, aínda que non no cume, si que queda nun monte, polo que non permite descartar que fixese referencia a un curuto de monte e non a un lugar de axustizamento.


venres, 14 de outubro de 2022

Notas curtas da toponimia na Colección diplomática da Catedral de Mondoñedo (parte I)

 Este artigo analiza a toponimia recollida nun documento medieval datado no ano 916, no que o rei Ordoño II e a súa esposa Xeloíra outorgan terras e igrexas na costa de Lugo. A través da súa transcrición, podemos identificar numerosos nomes de lugar que demostran a continuidade da organización territorial galega desde a Alta Idade Media e axudan a comprender a historia local na comarca.


“.. ecclesiam sancte Marie de Monacorum et villas que in giro sunt seu homines qui regali mee dictioni obedire striti sunt et aliam uillam nomine Uaris ..”

“.. per terminum de aqua de ectario et inde per montem dominicum ast per pennam Iuliani / et per Montarion usque ad illum portum de Delfino atque Sauris siue ostrarias uel diuesas seu piscarias per aquam de Uilare Berilli ..”

A transcrición consultada foi a do P. Enrique Cal, na súa “Colección diplomáticamedieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo”.


Topónimos “coñecidos de vello”

“.. ecclesiam sancte Marie de Monacorum et villas que in giro sunt seu homines qui regali mee dictioni obedire striti sunt et aliam uillam nomine Uaris ..”

A sancte Marie de Monacorum correspóndese coa actual de Sta. Mª de Mogor.

Tamén é claro que a uillam nomine Uaris correspóndese coa actual Bares[1], aínda que non é seguro se se refire ao Porto de Bares ou á Vila de Bares. Talvez á Vila ou ao lugar onde estaba a Igrexa antiga, pois se se referise ao Porto, sería probable que o mencionase o documento como tal, igual que fai co Portum Delfino. No entanto, non semella verosímil que se trate do lugar onde estivo tamén a vila romana datada entre os séculos IV-VI d.C., pois non se atopou actividade ocupacional clara novamente ata os séculos XV-XVI. Este lugar queda ao pé da praia de Bares, preto do extremo oposto ao Coído, no lugar chamado actualmente A Torre.

Chama a atención que se mencione só a uilla e non, como acontece para Mogor, ás “uillas que in giro sunt”, dando a impresión de que non houbese ningunha de arredor. Mais é estraño se temos en conta que a toponimia recolle a existencia de varias uillae alto medievais na freguesía de Bares, como a que debeu ser a actual Vilela. Talvez pertencesen a Mogor. No entanto, estas cuestións requiren unha análise histórica máis especializada.

No caso de Sauris, a identificación co río Sor non presenta dificultade, pois consta en fontes medievais como Saurio, Saurem ou Soure, ademais do Sauris deste documento.

Novos topónimos identificados a partir desta lectura

A partir do seguinte parágrafo do documento poden ser identificados outros topónimos:

“.. per terminum de aqua de ectario et inde per montem dominicum ast per pennam Iuliani / et per Montarion usque ad illum portum de Delfino atque Sauris siue ostrarias uel diuesas seu piscarias per aquam de Uilare Berilli ..”

Unha tradución groseira, cos topónimos identificados, sería:

“.. pola linde do Rego de Esteiro e de aí a través de Montedónigo e pola Pena Xeán e polo Alto de Monteirón ata o porto de Delfino e o Sor, e tamén as ostreiras e mais as devesas, e as pesqueiras no Rego de Villabril..”

Análise detallada

A aqua de ectario, malia o erro do copista, correspóndese claramente co Rego de Esteiro .. non hai outro Esteiro en toda a volta (nin tampouco ningún “eiteiro”).

O Montem dominicum ‘monte do señor’ tamén é doado asocialo co actual Montedónigo.

Canto a Montarion, pode tratarse de Monteirón ou ben do Alto de Monteirón. Dada a situación de ambos os dous, semella máis coherente que corresponda co Alto de Monteirón.

O Portum de Delfino non existe na actualidade e carece de máis constancia documental. A posible situación deste porto é dficil de delimitar, pero considerando as lindes que marca o documento, debeu estar enfronte de Monteirón. Non semella que fose o actual portocelo de San Fiz, pois non queda enfronte de Monteirón; debeu quedaro nalgún punto entre a actual ponte do Barqueiro e San Fiz. É unha zona que encaixaría que houbese un pequeno porto, pois aí o Sor ten profundidade ao pé de costa. Enfronte, nas Negradas, queda o lugar de Portovedro, que tamén remite por tanto a un antigo porto.

Finalmente,  Uilare Berilli é máis complexo, primeiramente porque é citado nas lindes xa despois de mencionar o Sor, sen indicar en que dirección queda. Tendo en conta a escaseza de regatos neste lado da ría para estableceren as pesqueiras mencionadas, e reparando en que na outra banda da ría queda o Rego de Villabril, a identificación é evidente. Efectivamente, Villabril foi un vilar do que soamente quedan as ruínas, e no rego que por alí pasa encaixa que houbese pesqueiras (aínda que non queda pegada, obviamente).

Villabril estaba aínda habitado a principios do séc. XX. Madoz rexistra que 14 persoas moraban alí por volta do 1850.

O topónimo provén, xa que logo, dun Uillare Berildi, remitindo á antiga posesora altomedieval, cun nome de orixe xermánica (PIEL/KREMER, 1976). Tería evolucionado Uilla(re) Berildi > *Vila(r)brille > *Vilabrille e finalmente para Villabril. Este último paso debeu ser por influxo do castelán, aínda que figuraría xa así atestado no século XVII, con este nome.

Cabo

A identificación presentada amósanos que a toponimia preservouse ben co decorrer dos séculos; todos os topónimos mencionados perviven agás o Porto de Delfino, probablemente pola súa desaparición, non por razóns de preservación do topónimo.

Destácase, tamén, a pervivencia das demarcacións parroquiais galegas, testemuño da continuidade territorial da comarca ao longo dos séculos.


Bibliografía e referencias

·       E. CAL, “Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo”.

·       P. MADOZ, 1845-1850. “Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar” 

·       PIEL, J. M. / D. KREMER, 1976. “Hispano-gotisches Namenbuch”.

·       E. RAMIL GONZÁLEZ. “Villa Romana de Bares. Escavación arqueolóxica no xacemento Eirexa-Vella de Bares -Concello de Mañón- (A Coruña). Campaña 1997” in BRIGANTIUM, 2003, vol. 14, pp. 185-224

Recursos Web

•        CODOLGA = Corpus Documentale Latinum Gallaeciae.Centro Ramón Piñeiro

•        González, X. L. (2014). “Toponimia do Concello deMañón” 

 *      González, X. L. (2014). “Microtoponimia do concello do Vicedo".

•        NG = Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia (2004) "Nomenclátor deGalicia: toponimia oficial das provincias, concellos,parroquias e lugares"

 



[1] Permítome insistir en que, dada esta clara mención de Uaris a comezos do séc. X, deberían cuestionarse as hipóteses de Bares provir dun tema prerromano *bar-. A grafía con U- inicial do nome recollido semella clarificadora, ao darse nunha época na cal aínda diferenciaban a pronuncia de /v/ e /b/, polo menos en posición inicio de palabra. A hipótese dunha orixe prerromana hidronímica, no tema *awer- 'auga, mollar, chover, fluxo' semella máis plausible.

Máis comentarios ao respecto, ver BARES (Bares)

luns, 25 de xaneiro de 2021

A Faladora ou a Faladoira ?

A respecto da polémica sobre se o nome correcto da Serra é Faladora ou Faladoira, aporto aquí o meu gran de area, xa publicado no blog sobre toponimia de Mañón, pero é verdade que é máis xeral, ao servir esta serra de límite de varias freguesías, xa "desde tempo inmemorial". 

Primeiramente, indicar que o topónimo foi inicialmente aplicado á pena do mesmo nome, e de aí por extensión a toda a Serra. 
Semántica e gramaticalmente, ambos os dous nomes teñen sentido, se ben semella encaixar mellor a primeira opción. Se for "Faladora",  teríamos unha adxectivación metafórica da pena como axente, indicando que fai ruído, "que fala moito". E se fose "Faladoira" remitiría á acción que presenta o lugar ou se leva a cabo nel (tal como "lavadoiro", "aparcadoiro", etc), indicando que o lugar "fala" ou no lugar "se fala". En calquera dos dous casos o topónimo remitiría ao "bruído" do vento, dun xeito similar á "Punta Roncadoira" (Xove), ao "Monte Bufadoiro" no Vicedo, ou tamén "A Pena que Fala" en Frexulfe (O Valadouro).

Documentalmente é dificil chegar a unha conclusión esmagadora,  pois atopamos ambas as dúas formas. Historicamente a forma claramente predominante é "Faladora", aínda que os documentos son relativamente modernos (1752 e posteriores). En calquera caso, os feito de estaren en castelán a maior parte dos rexistros documentais antigos conservados engade máis néboa ao asunto.

Entre as atestacións existentes atópanse (lista non exhaustiva):
  • O Catastro de Ensenada (1752) atéstaa en varias ocasións como "Faladora":  "Marco de la Faladora" (cf. Catastro das Grañas), ".. por la Pena y Monte da Faladora al marco del propio nombre" (cf. Catastro dos Devesos). No entanto, é verdade que ao ser un documento en castelán queda a dúbida de se era o nome orixinario ou o escribiron xa "traducido" a partir de "Faladoira".
  • Un século despois, figura no Dicionario de Madoz (1845-1850) como "la Faladora".
  • Por outro lado, aparece unha mención a "la Faladoira" en 1880 nun artigo de xeografía (no cal fala de "Conejera" e das illas "Loberas", co cal non parece que sexa artigo con intencións galeguizantes), e volve a aparecer como Faladoira en 1904.
  • Federico Maciñeira, menciónaa como "Faladora", xa no primeiro traballo que fai sobre a estación arqueolóxica das Pontes ou dos dolmens desta serra no 1895.
  • Bernardo Penabade indica as referencias documentais como "Faladora" en Vaamonde Lores, 1897 " Prosas varias", e mais López Cuevillas no número 40 da Revista Nós (1927).
  • Volvemos atopar  "la Faladora" en 1917 nun artigo que tamén menciona "Couzadoiro", e igualmente "La Faladora" en 1933 e 1944. Sería estraño que se fose "Faladoira" non o respetasen nese artigo, toda vez que si o fixeron para Couzadoiro.
  • Xulio Dávila menciónao tamén como "Faladora" en 1931 (cf. "Geografía descriptiva de la comarca de Ortigueira).
  • Dado que podería haber dúbidas por seren en castelán a maioría das atestacións,  tórnase esclarecedor un artigo en "El norte de Galicia", do 23/01/1906 (páx. 2), de J. M. Riguera Monteiro, natural de Ourol e por tanto coñecedor da zona. Ao enumerar unha chea de topónimos da zona (co cal é de supoñer que repararía nos detalles), indica as súas versións, tanto en galego como castelán (Barqueiro, Negradas, Grañas, Xistral/Gistral, Freixo). O feito clave é que menciona "A Faladora" como o seu nome en galego. Semella improbable que fose "Faladoira" e que este autor coñecedor desa toponimia o referise erroneamente.

Infelizmente, se botamos man do resto da toponimia galega, non  se clarifica a cuestión, pois atopamos ambas as solucións; así o Nomenclator rexistra unha "Pena Faladora" en Faro (Viveiro) e, ao contrario, unha "A Faladoira" en Goá (Cospeito) e "Faladoria" en Xuances (Xove). Sería preciso analizar cal é a forma oral que é usada neses topónimos.

Ao non haber conclusión esmagadora, o feito máis determinante debería ser a forma usada oralmente , no cal non hai dúbida, sendo totalmente predominante  "A Faladora". Así o confirma o filólogo Bernardo Penabade, nacido e coñecedor da comarca, que indica que a forma oral  e real sempre foi "Faladora" e non "Faladoira" (cf. Revista Ortegal). 


Tendo en conta o anterior, todo apunta a que o nome orixinario foi "A Faladora", incluíndo os testemuños orais. Ao contrario, non hai razóns de peso para escoller a  forma  "Faladoira", ao ter apenas ocorrencias esporádicas na tradición escrita e oral. O  peso dalgúns dos escritores que a referiron como "Faladoira"  nesgou esa solución e fomentou o seu uso mediático e escrito, pero iso non pode ser motivo de asentar unha forma non tradicional.

sábado, 16 de maio de 2020

O Ferradal e os Ferradás

Para os topónimos "Ferradal" e o seu plural "Ferradás" atopamos máis de medio cento de referencias en Galiza (Nomenclator). Na zona da Mariña e o Ortegal atopámolo desde Ortigueira ata Foz e Alfoz.

Poderíamos pensar nunha relación co "ferrado", a medida tradicional galega de capacidade e  de superficie. Esta é a interpretación do filólogo Gonzalo Navaza, por exemplo [1].
Por outro lado, Nicandro Ares indica  que "O Ferradal parece un derivado de ferrum ‘ferro’, quizabes onde se ‘ferraban’ os cabalos de posta...", así como que "Tamén podería aludir a un terreo de cor de ferro" [2].

Analizados distintos casos, penso que a explicación real deste topónimo é clara e simple:  xa en latín chamaban "ferratae aquae" ás augas ferruxinosas (e.g. Séneca). Eís por tanto as "augas ferradas", de onde "ferradal" funcionaría como abundancial, aludindo a un lugar (fonte, pozo) onde abundan as "augas ferradas".
As referencias a "augas ferradas" danse en Galiza, así como en Portugal as

Por outro lado, non chega que encaixe etimoloxicamente, así que precisamos tamén do traballo "de campo" que o confirme:

Primeiramente vemos que unha parte importante dos topónimos Ferradal e Ferradás están relacionados con fontes, regatos, pozos, lameiros, prados e muíños. En Portugal atopamos a "Fonte das Águas Ferradas" en Izeda (Bragança).

Especialmente clarificadora é a información que recolle o dicionario de Madoz, para a parroquia ourensá de "Fagoaza" (O Barco):
        "Las aguas son buenas, aunque las hay también ferruginosas, especialmente las del barrio de Ferradal"

Tamén Rodríguez Colmenero, nun estudo histórico sobre a Galiza romana, inclúe "Ferradal" entre os topónimos que "detectan explotaciones de hierro" [4].

En Portugal atopamos referencias ás "águas ferradas", así nun libro do séc XVIII menciónase como remedio "as águas ferradas, usadas por muito tempo, mas en pequenas quantidades" [5].

Para rematar, indicar que na comarca de Aliste (Zamora) de fala astur-leonesa con moito vocabulario galego, aínda se mantén vivo o apelativo "ferradal", co significado indicado de nacencia de augas ferreñas ou ferruxinosas (cf. aquí).

En Castropol tamén atopamos o lugar de Ferradal, onde hai un
   "manantial fue utilizado para lavar leprosos, ya que era considerada con propiedades curativas para la piel (cf. aquí).

--- Bibliografía ---

[1]  Gonzalo Navaza Blanco, "Fitotoponimia galega".
[2]  Nicandro Ares Vázquez.  "Estudos de toponimia galega". Volume II.
[3]  Madoz, 1847. "Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de ultramar", Volume 9.
[4] Antonio Rodríguez Colmenero, 1977. "Galicía meridional romana".
[5] Samuel Tissot, 1786. "Aviso ao povo a'cerca da sua saude", Volume 2


sábado, 23 de febreiro de 2019

Un "novo" río Sar e as súas implicacións

A investigación da toponimia semella por veces un puzzle no que, ao encaixar unha peza, de súpeto xorde o encaixe para outras moitas. Neste caso, ocorre cos topónimos Sar e Serantes, tal como veremos.

UN NOVO SAR
É ben coñecido o río Sar, afluente do Ulla, xa citado por Pomponio Mela no século I.
O amigo Martín Caínzos informoume da existencia dun outro hidrónimo Sar, o río Sar que desemboca en Esteiro (situado entre Loiba e Mañón). A antigüidade do topónimo confírmanola o  pequeno afluente que ten, o"Sarela", co antigo diminutivo -ela, que era usado para nomear os afluentes ou a parte alta dos ríos (así, o Sar de Santiago ten igualmente un afluente Sarela, e máis preto, o Sor, ten o Sorela, o Tambre o Tamarela, ou con outro sufixo, o Ulla ten o Ulloa).
En efecto, revisando documentación, xa Luís Monteagudo recollera a súa existencia nun artigo (cf. Luis Monteagudo, 1999. "Hidronimia gallega"). Porén, non recolle o afluente Sarela que indicamos.

O nome oficial actual é "río de Esteiro", remitindo ao esteiro (estuario) no que desemboca. É interesante ver que xa desde o século X aparece como Río de Esteiro (cf. X. L. González, "Anotacións sobre algúns topónimos na Colección diplomática ..". Xa que logo, os dous nomes levan convivindo máis de dez séculos.

RELACIÓN CO LUGAR DE SERANTES
Por outro lado, no veciño concello do Vicedo, non moi lonxe dese río está situada o lugar de "Serantes", un dos múltiplos nomes de poboación chamados Serantes. É coñecido que a terminación -antes figura en topónimos de orixe prerromana, e que varios autores afirman que estes nomes terían  relación con nomes étnicos . O interés deste lugar de "Serantes" reside no feito de estar situado na faldra da montaña, lonxe de ríos e regatos, co cal tería pouco sentido que se refirise a un inexistente río ou regato que pasase por alí, nin tampouco que teña un significado xenérico de "habitantes dos ríos, da ribeira".  Pola contra, unha vez coñecida a súa proximidade ao dito río Sar, podemos ben pensar que se refiría a "oriúndos do val do río Sar que discorre entre Loiba e Mogor (Mañón). Xa que logo, os habitantes iniciais  terían chegado ao actual Serantes hai  talvez máis de 2000 anos e provirían do val do mencionado Sar.

É de clarificar que a forma medieval predominante para estes topónimos é Sarantes, e non Serantes, polo que encaixa que proveñan dunha raíz *sar- e,  como postulamos, directamente aludan a poboadores dos vales destes ríos Sar. No caso de Serantes do Vicedo, como indicamos, remitiría a un movemento de poboadores, da ribeira do Sar ata este lugar. Igual referencia a oriúndos deste río puido ter a poboación de Serantes (Veiga, Ortigueira), aínda que puido provir do apelido dun antigo posesor do lugar. 

 O carácter de etnónimo parece confirmalo o seu atestamento xa desde tempos romanos:  Leite de Vasconcellos (1931)  falou da lápida de Trás-os-Montes, na antiga Gallaecia, coa inscrición 
 TRIDIAE MODESTI F. SEURRA TRANSM(INIENSE) 'C' SERANTE. 
Dado que o "C" invertido é interpretado cun significado  de "castro, poboación", a dita lápida estaría mencionando, xa que logo, un "Castro Serante", reforzando esta idea de nome étnico. 
Similarmente, Boullón Agrelo interpreta Serantes como xentilicio/etnónimo, referido a 'habitantes do río, da ribeira ou da lagoa'; ou sexa, sen remitir a un río concreto (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

Por tanto, esta interpretación que facemos como etnónimo semella probábel. Nesta liña interpretativa, poderíamos levar a que os topónimos Barbantes referiría a "oriúndos do  val do río Barba" e, no caso de Ourantes, "oriúndos do val do Ouro. Outro tanto ocorrería para Arantes, Barrantes, Cervantes, Cesantes.

Por outro lado, Gonzalo Hermo rexeitou a relación destes Serantes con ese antigo SERANTE, da lápida de Trás-os-Montes, indicando que os da toponimia galega figuran como Sarantes na Idade Media. Porén,  semella difícil desligalos e admitir que a vacilación de Sarantes <> Serantes non puido acontecer similarmente en períodos históricos previos.

RAÍZ ETIMOLÓXICA
É comunmente aceptado que o hidrónimo Sar ten a orixe na raíz indoeuropea *ser 'movemento, fluxo',  posibelmente pertencente á hidronimia antigo-europea.
Desembocadura do río Sar, no estremo leste da praia de Esteiro
Xa que logo, Serantes derivaría de *ser-anti 'fluínte, corrente'. Esta orixe élle atribuída por varios autores; hai un estudo de G. Hermo, no cal aborda a análise etimolóxica dos topónimos de base Sarand- e Serant- (Serantellos, Serantes). Cf. aquí.
Tamén Boullón Agrelo interpreta Serantes como prelatino, referido a 'habitantes do río, da ribeira ou da lagoa', mais "Sar" derívao da base celta *sar- 'auga' -- cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"

Teña a raíz sar- orixe antigo-europea ou celta, non muda a interpretación de Serantes como nome étnico.

domingo, 10 de febreiro de 2019

O Gregorio e mais A Gorgoria


Atopamos o topónimo "A Gorgoria" en San Román (O Vicedo) e mais en
 Foz. Hai cadanseu "O Gregorio", na Insua (Ortigueira), nas Somozas e en Riós. Todos os anteriores poderíamos interpretalos como referencias a antigos propietarios de dito nome e, sen atestamento histórico que probe o contrario, é imposible de rexeitar tal interpretación.
Porén, semellan ter unha frecuencia excesivamente alta tantos Gregorio e Gorgoria".

Por outra banda, é interesante reparamos na existencia dunha ducia de "A Gorga", así como "As Gorgas", e os correspondentes diminutivos "A Gorguiña" e "A Gorgua". Tamén atopamos formas abundanciais en "A Gorgosa" e "O Gorgal", coas variantes "O Guergal". Atópase tamén un Gargacido en Cariño, probablemente deturpación de Gorgacido.

Logo, que é gorga? os dicionarios de galego referen por "gorga" o nome de varias plantas, entre elas a tamén chamada "barbas de raposo", polo que poderíamos relacionar gorga e gorgal con ditas planta. Pero de aí non derivaría "gorgoria".
Felizmente, Sarmiento deunos unha pista no século XVIII co rexistro da acepción "gorgo" como  hidrónimo ("... es gorgo en gallego un remanso de agua, sitio propio para que a él vayan a desovar las salmonas").
Esta acepción recollida por Sarmiento parece guiarnos por bon camiño interpretativo se asociamos "Gorgoira" cos hidrónimos rematados en -oira, tales como "Viloira", "Fontoira" e certamente "As Oiras" (Alfoz). En efecto, E. Bascuas analizou este topónimo As Oiras dentro da serie de hidrónimos derivados da raíz *awer- 'fluír', relativa a correntes de auga (cf. pp. 178-179 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014). 

Volvendo ao tema "gorg-" que atopamos nos mencionados topónimos, estaría relacionado cos apelativos do latín tardío gurga 'pantano' e gurgulione 'borbollón' O apelativo "gorgollón" está rexistrado nos dicionarios galegos como 'chorro de auga que brota con forza e ruído, chapuzón'. Proviría do tema antigo-europeo *gur-g-, do cal tamén deriva "gorgullo", "gorga", etc, tema formado a partir da raíz indoeuropea *gwer- "tragar" (cf. p. 326-341, E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 

Hai outro dato importante que reforza a anterior interpretación de "gorg-": sendo ben coñecida a oscilación entre as vogais o/a na hidronimia paleoeuropea, poderíamos esperar tamén a existencia de "garga". En efecto: atopamos máis dunha ducia de topónimos "A Garga" en Galiza, moitos deles claros hidrónimos como "Ponte da Garga", Rego da Garga ou Muíño da Garga. Tamén atopamos "gargacido", o abundancial de "garga" en Cariño. Igualmente relacionado é o hidrónimo "Fonte do Gargalón", presente en tres lugares da provincia de Ourense, así como "A Cavaxe do Gargalón", que semella un tautónimo e designa unha valgada. O apelativo galego "gargalo" 'pescozo' tería a mesma orixe, así como "garguelo" 'terreo máis ben de rocha descuberta e en pendente'. E mesmo o apelativo hispano "garganta", que Corominas postula como de orixe onomatopeica, mais que Bascuas inclúe, certamente, neste conxunto (cf. p. 330 do mesmo libro), indicando a orixe no indoeuropeo *gwrg-nt- que Pokorny asigna para o antigo irlandés bragae 'pescozo'.

En resumo do anterior, o topónimo Gorgoira sería un composto do antedito tema hidronímico gorg-/garg- co tamén comentado tema hidronímico "oira".
Entre outros topónimos relacionados atopamos "O Gargacido" (Cariño"), outra variante de abundancial de "garga", e igualmente os topónimos Gargallón e Gargalán. Tamén atopamos múltiplas A Gurgulla, Fonte Gurgullón, Os Gurgullos, simplemente variantes na escrita.

Por outra banda, deixamos de lado a planta "gorga" (herba do raposo), pero tamén tería a mesma orixe etimolóxica, tal como explica Bascuas (cf. p. 336 do mesmo libro). Igualmente o apelativo "gorgón" 'salmón pequeno', ten a mesma orixe e supoñemos que orixinada pola presenza deste peixe nas fervenzas, bulindo con elas. Moitos outros do léxico común como "gorgorexar/gorgolexar" teñen igual orixe.

--------
Nota 0: sendo de orixe paleouropea, a súa extensión vai moito alén da xeografía galega, así atopamos por exemplo un río Gorgos en Alacante.

Nota 1: Cremos que os topónimos "A Gorxa", "A Gorxiña", "O Gorxal" derivarían directamente do apelativo "gorxa" que, en última instancia, deriva do latín gurges 'remuíño', e este á súa vez tamén da mesma raíz indoeuropea *gwer-. 


Nota 2: o topónimo Górgola tamén semella relacionado.