luns, 25 de xaneiro de 2021

A Faladora ou a Faladoira ?

A respecto da polémica sobre se o nome correcto da Serra é Faladora ou Faladoira, aporto aquí o meu gran de area, xa publicado no blog sobre toponimia de Mañón, pero é verdade que é máis xeral, ao servir esta serra de límite de varias freguesías, xa "desde tempo inmemorial". 

Primeiramente, indicar que o topónimo foi inicialmente aplicado á pena do mesmo nome, e de aí por extensión a toda a Serra. 
Semántica e gramaticalmente, ambos os dous nomes teñen sentido, se ben semella encaixar mellor a primeira opción. Se for "Faladora",  teríamos unha adxectivación metafórica da pena como axente, indicando que fai ruído, "que fala moito". E se fose "Faladoira" remitiría á acción que presenta o lugar ou se leva a cabo nel (tal como "lavadoiro", "aparcadoiro", etc), indicando que o lugar "fala" ou no lugar "se fala". En calquera dos dous casos o topónimo remitiría ao "bruído" do vento, dun xeito similar á "Punta Roncadoira" (Xove), ao "Monte Bufadoiro" no Vicedo, ou tamén "A Pena que Fala" en Frexulfe (O Valadouro).

Documentalmente é dificil chegar a unha conclusión esmagadora,  pois atopamos ambas as dúas formas. Historicamente a forma claramente predominante é "Faladora", aínda que os documentos son relativamente modernos (1752 e posteriores)En calquera caso, os feito de estaren en castelán a maior parte dos rexistros documentais antigos conservados engade máis néboa ao asunto.

Entre as atestacións existentes atópanse (lista non exhaustiva):
  • O Catastro de Ensenada (1752) atéstaa en varias ocasións como "Faladora":  "Marco de la Faladora" (cf. Catastro das Grañas), ".. por la Pena y Monte da Faladora al marco del propio nombre" (cf. Catastro dos Devesos). No entanto, é verdade que ao ser un documento en castelán queda a dúbida de se era o nome orixinario ou o escribiron xa "traducido" a partir de "Faladoira".
  • Un século despois, figura no Dicionario de Madoz (1845-1850) como "la Faladora".
  • Por outro lado, aparece unha mención a "la Faladoira" en 1880 nun artigo de xeografía (no cal fala de "Conejera" e das illas "Loberas", co cal non parece que sexa artigo con intencións galeguizantes), e volve a aparecer como Faladoira en 1904.
  • Federico Maciñeira, menciónaa como "Faladora", xa no primeiro traballo que fai sobre a estación arqueolóxica das Pontes ou dos dolmens desta serra no 1895.
  • Bernardo Penabade indica as referencias documentais como "Faladora" en Vaamonde Lores, 1897 " Prosas varias", e mais López Cuevillas no número 40 da Revista Nós (1927).
  • Volvemos atopar  "la Faladora" en 1917 nun artigo que tamén menciona "Couzadoiro", e igualmente "La Faladora" en 1933 e 1944. Sería estraño que se fose "Faladoira" non o respetasen nese artigo, toda vez que si o fixeron para Couzadoiro.
  • Xulio Dávila menciónao tamén como "Faladora" en 1931 (cf. "Geografía descriptiva de la comarca de Ortigueira).
  • Dado que podería haber dúbidas por seren en castelán a maioría das atestacións,  tórnase esclarecedor un artigo en "El norte de Galicia", do 23/01/1906 (páx. 2), de J. M. Riguera Monteiro, natural de Ourol e por tanto coñecedor da zona. Ao enumerar unha chea de topónimos da zona (co cal é de supoñer que repararía nos detalles), indica as súas versións, tanto en galego como castelán (Barqueiro, Negradas, Grañas, Xistral/Gistral, Freixo). O feito clave é que menciona "A Faladora" como o seu nome en galego. Semella improbable que fose "Faladoira" e que este autor coñecedor desa toponimia o referise erroneamente.

Infelizmente, se botamos man do resto da toponimia galega, non  se clarifica a cuestión, pois atopamos ambas as solucións; así o Nomenclator rexistra unha "Pena Faladora" en Faro (Viveiro) e, ao contrario, unha "A Faladoira" en Goá (Cospeito) e "Faladoria" en Xuances (Xove). Sería preciso analizar cal é a forma oral que é usada neses topónimos.

Ao non haber conclusión esmagadora, o feito máis determinante debería ser a forma usada oralmente , no cal non hai dúbida, sendo totalmente predominante  "A Faladora". Así o confirma o filólogo Bernardo Penabade, nacido e coñecedor da comarca, que indica que a forma oral  e real sempre foi "Faladora" e non "Faladoira" (cf. Revista Ortegal). 


Tendo en conta o anterior, todo apunta a que o nome orixinario foi "A Faladora", incluíndo os testemuños orais. Ao contrario, non hai razóns de peso para escoller a  forma  "Faladoira", ao ter apenas ocorrencias esporádicas na tradición escrita e oral. O  peso dalgúns dos escritores que a referiron como "Faladoira"  nesgou esa solución e fomentou o seu uso mediático e escrito, pero iso non pode ser motivo de asentar unha forma non tradicional.