sábado, 23 de febreiro de 2019

Un "novo" río Sar e as súas implicacións

A investigación da toponimia semella por veces un puzzle no que, ao encaixares unha peza, de súpeto xorde o encaixe para outras moitas. Neste caso, ocorre cos topónimos Sar e Serantes, tal como veremos.

UN NOVO SAR
Aínda que sexa ben coñecido o río Sar, afluente do Ulla, xa citado por Pomponio Mela no século I, é moito menos o río Sar que desemboca en Esteiro (situado entre Loiba e Mañón), que hoxe en día é xeralmente chamado "río de Esteiro". A antiguidade do topónimo confírmanola o  pequeno afluente que ten, o"Sarela", co antigo diminutivo -ela, que era usado para os afluentes ou á parte alta dos ríos (así, o Sar de Santiago ten igualmente un afluente Sarela, e máis preto, o Sor, ten o Sorela, o Tambre o Tamarela, ou con outro sufixo, o Ulla ten o Ulloa).

RELACIÓN CO LUGAR DE SERANTES
Por outro lado, no veciño concello do Vicedo, non moi lonxe dese río está situada o lugar de "Serantes", un dos múltiplos nomes de poboación chamados Serantes. É coñecido que a terminación -antes figura en topónimos de orixe prerromana, e que varios autores afirman que estes nomes terían  relación con nomes étnicos . O interés deste lugar de "Serantes" reside no feito de estar situado na faldra da montaña, lonxe de ríos e regatos, co cal tería pouco sentido que se refirise a un inexistente río ou regato que pasase por alí, nin tampouco que teña un significado xenérico de "habitantes dos ríos, da ribeira".  Pola contra, unha vez coñecida a súa proximidade ao dito río Sar, podemos ben pensar que se refiría a "oriúndos do val do río Sar que discorre entre Loiba e Mogor (Mañón). Xa que logo, os habitantes iniciais  terían chegado ao actual Serantes hai  talvez máis de 2000 anos e provirían do val do mencionado Sar.

Non sabemos se o "Serantes" existente na parroquia de Veiga (Ortigueira) referiría tamén a oriúndos deste río ou a outro distinto. Para o caso doutros moitos Serantes, sen dúbida referirían a outros ríos con ese nome, non este de Mogor.

Finalmente, se "Serantes" vén de "Sar", por que non se chama "Sarantes" ? A resposta é que si:  a forma medieval maioritaria dos actuais "Serantes" da xeografía galega era efectivamente "Sarantes".

Nesta liña interpretativa, poderíamos levar talvez a que os topónimos Barbantes referiría a "oriúndos do  val do río Barba" e, no caso de Ourantes,  "oriúndos do val do Ouro. Outro tanto ocorrería para Arantes, Barrantes, Cervantes, Cesantes  e talvez Saldante, no mesmo concello que Saldoiro.

RAÍZ ETIMOLÓXICA
É comunmente aceptado que o hidrónimo "Sar" ten a orixe na raíz indoeuropea *ser- 'movimento, fluxo',  posiblemente pertencente á hidronimia paleoeuropea.
Desembocadura do río Sar, no estremo leste da praia de Esteiro
O nome Serantes derivaría de *ser-anti 'fluínte, corrente'. Esta orixe élle atribuída por varios autores; hai un estudo de G. Hermo, no cal aborda a análise etimolóxica dos topónimos de base Sarand- e Serant- (Serantellos, Serantes). Cf. aquí.
Tamén Boullón Agrelo interpreta Serantes como 'habitantes do río, da ribeira ou da lagoa', e "Sar" derívao non do paleoeuropeo senón da base celta *sar- 'auga' -- cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"

Fose paleoueuropeo ou celta, a interpretación de Serantes é igualmente como nome étnico. De feito,  xa está atestado desde tempos romanos:  Leite de Vasconcellos (1931)  falou da lápida de Trás-os-Montes, na antiga Gallaecia, coa inscrición  TRIDIAE MODESTI F. SEURRA TRANSM(INIENSE) 'C' SERANTE. Dado que o "C" invertido é interpretado cun significado  de "castro, poboación", a dita lápida estaría mencionando, xa que logo, un "Castro Serante", reforzando esta idea de nome étnico.

AGRADECEMENTO
Aproveito esta oportunidade para lle agradecer ao amigo Martín Caínzos pola información da existencia deste hidrónimo Sar, e así dar pé ao encaixe destas pezas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario