UN NOVO SAR
É ben coñecido o río Sar, afluente do Ulla, xa citado por Pomponio Mela no século I.
O amigo Martín Caínzos informoume da existencia dun outro hidrónimo Sar, o río Sar que desemboca en Esteiro (situado entre Loiba e Mañón). A antigüidade do topónimo confírmanola o pequeno afluente que ten, o"Sarela", co antigo diminutivo -ela, que era usado para nomear os afluentes ou a parte alta dos ríos (así, o Sar de Santiago ten igualmente un afluente Sarela, e máis preto, o Sor, ten o Sorela, o Tambre o Tamarela, ou con outro sufixo, o Ulla ten o Ulloa).
En efecto, revisando documentación, xa Luís Monteagudo recollera a súa existencia nun artigo (cf. Luis Monteagudo, 1999. "Hidronimia gallega"). Porén, non recolle o afluente Sarela que indicamos.
O nome oficial actual é "río de Esteiro", remitindo ao esteiro (estuario) no que desemboca. É interesante ver que xa desde o século X aparece como Río de Esteiro (cf. X. L. González, "Anotacións sobre algúns topónimos na Colección diplomática ..". Xa que logo, os dous nomes levan convivindo máis de dez séculos.
RELACIÓN CO LUGAR DE SERANTES
Por outro lado, no veciño concello do Vicedo, non moi lonxe dese río está situada o lugar de "Serantes", un dos múltiplos nomes de poboación chamados Serantes. É coñecido que a terminación -antes figura en topónimos de orixe prerromana, e que varios autores afirman que estes nomes terían relación con nomes étnicos . O interés deste lugar de "Serantes" reside no feito de estar situado na faldra da montaña, lonxe de ríos e regatos, co cal tería pouco sentido que se refirise a un inexistente río ou regato que pasase por alí, nin tampouco que teña un significado xenérico de "habitantes dos ríos, da ribeira". Pola contra, unha vez coñecida a súa proximidade ao dito río Sar, podemos ben pensar que se refiría a "oriúndos do val do río Sar que discorre entre Loiba e Mogor (Mañón). Xa que logo, os habitantes iniciais terían chegado ao actual Serantes hai talvez máis de 2000 anos e provirían do val do mencionado Sar.
É de clarificar que a forma medieval predominante para estes topónimos é Sarantes, e non Serantes, polo que encaixa que proveñan dunha raíz *sar- e, como postulamos, directamente aludan a poboadores dos vales destes ríos Sar. No caso de Serantes do Vicedo, como indicamos, remitiría a un movemento de poboadores, da ribeira do Sar ata este lugar. Igual referencia a oriúndos deste río puido ter a poboación de Serantes (Veiga, Ortigueira), aínda que puido provir do apelido dun antigo posesor do lugar.
O carácter de etnónimo parece confirmalo o seu atestamento xa desde tempos romanos: Leite de Vasconcellos (1931) falou da lápida de Trás-os-Montes, na antiga Gallaecia, coa inscrición
TRIDIAE MODESTI F. SEURRA TRANSM(INIENSE) 'C' SERANTE.
Dado que o "C" invertido é interpretado cun significado de "castro, poboación", a dita lápida estaría mencionando, xa que logo, un "Castro Serante", reforzando esta idea de nome étnico.
Similarmente, Boullón Agrelo interpreta Serantes como xentilicio/etnónimo, referido a 'habitantes do río, da ribeira ou da lagoa'; ou sexa, sen remitir a un río concreto (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Por tanto, esta interpretación que facemos como etnónimo semella probábel. Nesta liña interpretativa, poderíamos levar a que os topónimos Barbantes referiría a "oriúndos do val do río Barba" e, no caso de Ourantes, "oriúndos do val do Ouro. Outro tanto ocorrería para Arantes, Barrantes, Cervantes, Cesantes.
Por outro lado, Gonzalo Hermo rexeitou a relación destes Serantes con ese antigo SERANTE, da lápida de Trás-os-Montes, indicando que os da toponimia galega figuran como Sarantes na Idade Media. Porén, semella difícil desligalos e admitir que a vacilación de Sarantes <> Serantes non puido acontecer similarmente en períodos históricos previos.
É comunmente aceptado que o hidrónimo Sar ten a orixe na raíz indoeuropea *ser 'movemento, fluxo', posibelmente pertencente á hidronimia antigo-europea.
Desembocadura do río Sar, no estremo leste da praia de Esteiro |
Xa que logo, Serantes derivaría de *ser-anti 'fluínte, corrente'. Esta orixe élle atribuída por varios autores; hai un estudo de G. Hermo, no cal aborda a análise etimolóxica dos topónimos de base Sarand- e Serant- (Serantellos, Serantes). Cf. aquí.
Tamén Boullón Agrelo interpreta Serantes como prelatino, referido a 'habitantes do río, da ribeira ou da lagoa', mais "Sar" derívao da base celta *sar- 'auga' -- cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"
Teña a raíz sar- orixe antigo-europea ou celta, non muda a interpretación de Serantes como nome étnico.
Tamén Boullón Agrelo interpreta Serantes como prelatino, referido a 'habitantes do río, da ribeira ou da lagoa', mais "Sar" derívao da base celta *sar- 'auga' -- cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"
Teña a raíz sar- orixe antigo-europea ou celta, non muda a interpretación de Serantes como nome étnico.