domingo, 10 de febreiro de 2019

O Gregorio e mais A Gorgoria


Atopamos o topónimo "A Gorgoria" en San Román (O Vicedo) e mais en
 Foz. Hai cadanseu "O Gregorio", na Insua (Ortigueira), nas Somozas e en Riós. Todos os anteriores poderíamos interpretalos como referencias a antigos propietarios de dito nome e, sen atestamento histórico que probe o contrario, é imposible de rexeitar tal interpretación.
Porén, semellan ter unha frecuencia excesivamente alta tantos Gregorio e Gorgoria".

Por outra banda, é interesante reparamos na existencia dunha ducia de "A Gorga", así como "As Gorgas", e os correspondentes diminutivos "A Gorguiña" e "A Gorgua". Tamén atopamos formas abundanciais en "A Gorgosa" e "O Gorgal", coas variantes "O Guergal". Atópase tamén un Gargacido en Cariño, probablemente deturpación de Gorgacido.

Logo, que é gorga? os dicionarios de galego referen por "gorga" o nome de varias plantas, entre elas a tamén chamada "barbas de raposo", polo que poderíamos relacionar gorga e gorgal con ditas planta. Pero de aí non derivaría "gorgoria".
Felizmente, Sarmiento deunos unha pista no século XVIII co rexistro da acepción "gorgo" como  hidrónimo ("... es gorgo en gallego un remanso de agua, sitio propio para que a él vayan a desovar las salmonas").
Esta acepción recollida por Sarmiento parece guiarnos por bon camiño interpretativo se asociamos "Gorgoira" cos hidrónimos rematados en -oira, tales como "Viloira", "Fontoira" e certamente "As Oiras" (Alfoz). En efecto, E. Bascuas analizou este topónimo As Oiras dentro da serie de hidrónimos derivados da raíz *awer- 'fluír', relativa a correntes de auga (cf. pp. 178-179 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014). 

Volvendo ao tema "gorg-" que atopamos nos mencionados topónimos, estaría relacionado cos apelativos do latín tardío gurga 'pantano' e gurgulione 'borbollón' O apelativo "gorgollón" está rexistrado nos dicionarios galegos como 'chorro de auga que brota con forza e ruído, chapuzón'. Proviría do tema antigo-europeo *gur-g-, do cal tamén deriva "gorgullo", "gorga", etc, tema formado a partir da raíz indoeuropea *gwer- "tragar" (cf. p. 326-341, E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega")

Hai outro dato importante que reforza a anterior interpretación de "gorg-": sendo ben coñecida a oscilación entre as vogais o/a na hidronimia paleoeuropea, poderíamos esperar tamén a existencia de "garga". En efecto: atopamos máis dunha ducia de topónimos "A Garga" en Galiza, moitos deles claros hidrónimos como "Ponte da Garga", Rego da Garga ou Muíño da Garga. Tamén atopamos "gargacido", o abundancial de "garga" en Cariño. Igualmente relacionado é o hidrónimo "Fonte do Gargalón", presente en tres lugares da provincia de Ourense, así como "A Cavaxe do Gargalón", que semella un tautónimo e designa unha valgada. O apelativo galego "gargalo" 'pescozo' tería a mesma orixe, así como "garguelo" 'terreo máis ben de rocha descuberta e en pendente'. E mesmo o apelativo hispano "garganta", que Corominas postula como de orixe onomatopeica, mais que Bascuas inclúe, certamente, neste conxunto (cf. p. 330 do mesmo libro), indicando a orixe no indoeuropeo *gwrg-nt- que Pokorny asigna para o antigo irlandés bragae 'pescozo'.

En resumo do anterior, o topónimo Gorgoira sería un composto do antedito tema hidronímico gorg-/garg- co tamén comentado tema hidronímico "oira".
Entre outros topónimos relacionados atopamos "O Gargacido" (Cariño"), outra variante de abundancial de "garga", e igualmente os topónimos Gargallón e Gargalán. Tamén atopamos múltiplas A Gurgulla, Fonte Gurgullón, Os Gurgullos, simplemente variantes na escrita.

Por outra banda, deixamos de lado a planta "gorga" (herba do raposo), pero tamén tería a mesma orixe etimolóxica, tal como explica Bascuas (cf. p. 336 do mesmo libro). Igualmente o apelativo "gorgón" 'salmón pequeno', ten a mesma orixe e supoñemos que orixinada pola presenza deste peixe nas fervenzas, bulindo con elas. Moitos outros do léxico común como "gorgorexar/gorgolexar" teñen igual orixe.

--------
Nota 0: sendo de orixe paleouropea, a súa extensión vai moito alén da xeografía galega, así atopamos por exemplo un río Gorgos en Alacante.

Nota 1: Cremos que os topónimos "A Gorxa", "A Gorxiña", "O Gorxal" derivarían directamente do apelativo "gorxa" que, en última instancia, deriva do latín gurges 'remuíño', e este á súa vez tamén da mesma raíz indoeuropea *gwer-


Nota 2: o topónimo Górgola tamén semella relacionado.

1 comentario:

  1. Sen outra cousa que motivo informativo; hai un baixo que non descobre ,entre as Pedras Meas e a Punta da Bandexa na beiramar de Céltigos, que lle chaman os mariñeiros AS GÓRGOLAS OU GORGOLAS. Bo sitio de peixe por certo e parabéns polo blog unha vez máis

    ResponderEliminar