Estas notas identifican a toponimia recollida nun documento do 916 en que o rei Ordoño II (914-924) e a súa esposa Xeloíra conceden ao bispo de Mondoñedo e á súa igrexa a freguesía de Sta. Mª de Mogor e mais a vila de Bares.
“.. ecclesiam sancte Marie de Monacorum et villas que in giro sunt seu homines qui regali mee dictioni obedire striti sunt et aliam uillam nomine Uaris ..”
A
transcrición consultada foi a do P. Enrique Cal, na súa “Colección diplomáticamedieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo”.
Topónimos “coñecidos de vello”
“.. ecclesiam sancte Marie de Monacorum et
villas que in giro sunt seu homines qui regali mee dictioni obedire striti sunt
et aliam uillam nomine Uaris ..”
A sancte Marie de Monacorum correspóndese coa actual de Sta. Mª de Mogor.
Tamén é claro que a uillam nomine Uaris correspóndese coa
actual Bares[1], aínda
que non é seguro se se refire ao Porto de Bares ou á Vila de Bares. Talvez á Vila ou ao lugar onde estaba a Igrexa antiga, pois se se referise ao Porto,
sería probable que o mencionase o documento como tal, igual que fai co Portum
Delfino. Non parece probábel que se trate do lugar onde estivo tamén a vila
romana datada entre os séculos IV-VI d.C., pois non se atopou actividade
ocupacional clara novamente ata os séculos XV-XVI. Este lugar queda ao
pé da praia de Bares, preto do extremo oposto ao Coído, no lugar chamado
actualmente A Torre.
Resulta
estraño que se refira soamente á uilla e non, como acontece para Mogor,
ás “uillas que in giro sunt”, dando a impresión de que non houbese
ningunha de arredor. Mais é estraño se temos en conta que a toponimia recolle a
existencia de varias uilla alto medievais na freguesía de Bares, como a
que debeu ser a actual Vilela. Talvez pertencesen a
Mogor. Pero estas son
cuestións máis para historiadores.
Con respecto
á identificación de Sauris co río Sor, non presenta maior problema,
estando documentado na Idade Media como Saurio, Saurem, Soure amais do Sauris
deste documento.
Novos topónimos identificados a partir desta lectura
A partir do seguinte parágrafo do documento poden ser identificados outros topónimos:
“.. per terminum de aqua de ectario et inde per
montem dominicum ast per pennam Iuliani / et per Montarion usque
ad illum portum de Delfino atque Sauris siue ostrarias uel
diuesas seu piscarias per aquam de Uilare Berilli ..”
Unha
tradución groseira, cos topónimos identificados, sería:
“.. pola linde do Rego de Esteiro e de aí a través de
Montedónigo e pola Pena Xeán e polo Alto de Monteirón ata o porto de Delfino e
o Sor, e tamén as ostreiras e mais as devesas, e as pesqueiras no Rego de
Villabril..”
Análise detallada
A aqua
de ectario, pese ao erro do copista, é claro que corresponde co Rego de Esteiro .. non hai outro
Esteiro en toda a volta (nin tampouco ningún “eiteiro”).
O Montem
dominicum ‘monte do señor’ tamén é doado asocialo co actual Montedónigo.
Canto a Montarion,
pode tratarse de Monteirón ou ben do Alto de Monteirón. Dada a
situación de ambos os dous, semella máis coherente que corresponda co Alto de
Monteirón.
O Portum
de Delfino non existe na actualidade nin hai máis constancia documental
sobre el. A posible situación deste porto é dficil de delimitar, pero
considerando as lindes que marca o documento, debeu estar enfronte de
Monteirón. Non semella que fose o actual portocelo de San Fiz, pois non
queda enfronte de Monteirón; debeu quedaro nalgún punto entre a actual
ponte do Barqueiro e San Fiz. É unha zona que encaixaría que houbese un
pequeno porto, pois aí o Sor ten profundidade ao pé de costa. Enfronte, nas Negradas, queda o lugar de Portovedro, que tamén remite por
tanto a un antigo porto.
Finalmente, Uilare Berilli é máis complexo, primeiramente porque é
citado nas lindes xa despois de mencionar o Sor, sen indicar en que dirección queda. Tendo en conta a escaseza de
regatos neste lado da ría para estableceren as pesqueiras mencionadas, e reparando en que na outra banda da ría queda o Rego de Villabril, a
identificación é evidente. Efectivamente, Villabril foi un vilar do que
soamente quedan as ruínas, e no rego que por alí pasa encaixa que houbese
pesqueiras (aínda que non queda pegada, obviamente).
Villabril
estaba aínda habitado a principios do séc. XX. Madoz rexistra que 14 persoas moraban alí por volta do 1850.
O topónimo
provén, xa que logo, dun Uillare Berildi, remitindo á antiga posesora altomedieval do lugar, un nome de orixe xermánica (PIEL/KREMER, 1976). Tería evolucionado Uilla(re) Berildi > *Vila(r)brille > *Vilabrille e finalmente para Villabril. Este último paso debeu ser por influxo do castelán, aínda que figuraría xa así atestado no século XVII, con este nome.
Cabo
A identificación presentada amósanos que a toponimia preservouse ben co decorrer dos séculos; todos os topónimos mencionados perviven excepto o Porto Delfino, probablemente pola súa desaparición, non por razóns de preservación do topónimo.
Tamén volve a quedar á luz a pervivencia de demarcacións de parroquias galegas ao longo dos séculos.
Bibliografía e referencias
· E. CAL, “Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo”.
·
P. MADOZ, 1845-1850. “Diccionario
geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar”
· PIEL, J. M. / D. KREMER, 1976. “Hispano-gotisches Namenbuch”.
· E. RAMIL GONZÁLEZ. “Villa Romana de Bares. Escavación arqueolóxica no xacemento Eirexa-Vella de Bares -Concello de Mañón- (A Coruña). Campaña 1997” in BRIGANTIUM, 2003, vol. 14, pp. 185-224
Recursos Web
•
CODOLGA = Corpus Documentale Latinum Gallaeciae.Centro Ramón Piñeiro
• González, X. L. (2014). “Toponimia do Concello deMañón”
* González, X. L. (2014). “Microtoponimia do concello do Vicedo".
• NG = Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia (2004) "Nomenclátor deGalicia: toponimia oficial das provincias, concellos,parroquias e lugares"
[1] Permítome
insistir en que, dada esta clara mención de Uaris a comezos do séc. X, deberían
cuestionarse as hipóteses de Bares provir dun tema prerromano *bar-. A grafía
con U- inicial do nome recollido semella clarificadora, ao darse nunha época na
cal aínda diferenciaban a pronuncia de /v/ e /b/, polo menos en posición inicio
de palabra. A hipótese dunha orixe prerromana hidronímica, no tema *awer-
'auga, mollar, chover, fluxo' semella máis plausible.
Máis comentarios ao respecto, ver BARES (Bares)
Ningún comentario:
Publicar un comentario