sábado, 27 de abril de 2013

E se Mogor NON viñese de Monachorum ?


Existen dous "MOGOR" moi coñecidos: un no concello de Mañón e outro no de Marín, Pontevedra, onde os "labirintos". Porén, non son os únicos existentes, e se facemos a análise de todos eles podemos extraer
algunhas conclusións de interés.

Hipótese latina
Do "Mogor" de Mañón consérvanse varios documentos medievais :
  • Nun documento de 912 é citado, en latín, como" .. ecclesiam sancte Marie de Monacorum et villas que in giro sunt .."
  • Nun documento de 1156 é citado "et cautum de Moogorum et de Uaris "
  • Ese documento é reproducido en varias ocasións posteriores, como en 1194  "cautum de Moagorum & de Baris" (cf. E. Florez "España Sagrada"). 
En vista dos supraditos documentos, semella que nos atopamos front da evolución usualvía a perda do -n- intervocálico, dun étimo Monachorum, xenitivo plural de monachum  "monxe". Ou sexa, "cautum Moagorum" sería o "couto dos monxes", sendo un dos poucos exemplos desta conservación da terminación do caso xenitivo plural -orum. Corominas incluso apunta o caso de Manacor (Baleares) como outro topónimo desta orixe.

Ademais, en Mogor de Mañón  hai un pequeno convento actualmente (incluso hai unha "fonte da frádiga", ver aquí).


Logo ... todo claro? Coidamos que non, por varias razóns:

1) Semella moi raro que apenas se preserve para estes topónimos a orixe nun xenitivo plural latino -orum . Cal sería a razón para non existiren máis topónimos relacionados, tendo en conta a abundancia de conventos existentes, así como de leiras, fragas e montes pertencentes a tales conventos ?. Cal sería a razón para  conservar o xenitivo plural latino apenas neste caso e non noutros tipos de posuidores?.

2) Todos os Mogor están situados na costa, non somente os dous anteriores senón os outros tres, non é isto moita casualidade?

3) Moitos dos "Mogor" están localizados en sitios improbables para un convento ou irrelevantes para seren referidos como propiedade dun convento:
  • Á procura de máis Mogor, atopamos "O Mogor de Fóra" e "O Mogor de Terra" en Pantín, Valdoviño. Son dous accidentes costeiros, dous cantís. É moi improbable que houbese un convento alí, nun sitio a rentes do mar, nuns "escollos". Tampouco parece relevante que fosen posesións dos monxes, polo seu baixo valor. Por certo, a presenza do artigo nestes dous topónimos dános a indicar un antigo uso de "mogor" como apelativo, desbotando a posibilidade de seren xenitivo plural.
  • Existe a "Punta de Mogor" en Pontevedra.
  • Existe outro Mogor en Sebardes (cf. aquí)


Visto o anterior, semea improbable a orixe en "monachorum", e parece que os rexistros do topónimo tanto  Monacorum como Moagorum poden ter sido simplemente unha errónea latinización do nome real, talvez dun *monagor, *maugor ou algo polo estilo. O escriba, rexistrou "monachorum" en base a unha falsa interpretación do termo ("interpretatio latina").


Hipóteses prelatinas
Unha hipótese alternativa sería a de topónimo prerromano, relativo a lugar alto ou cantil rochoso.
Topónimos aparentemente relacionados, tanto no significante como no significado, serían os topónimos "Os Mogotes da Gabeira", en Cedeira e en "Os Mogotes dos Aguillós", en Cariño (obviamente), que corresponden a pequenos cantís costeiros, en illotes. 

Cabeza Quiles propón unha base *mok- ou *muk-, "prominencia, altura" e sobre ela explica os dous Mogor galegos máis coñecidos. A vila de Mugardos tamén, talvez, podería ter unha raíz similar (non contrastado). 
Porén, parece improbable que o escriba escribise Monacorum sendo a pronuncia "Mogor", e levase a "interpretatio latina" tan lonxe incluíndo un -n- inexistente. Ademais, a forma rexistrada supradita "moagorum" parece confirmar unha queda de consoante intermedia, posiblemente un -n-.
Como topónimos talvez relacionados podemos citar tamén "Magoira" en Cedeira, e hai un "Penamacor" (tamén transcrito na Idade Media como "Penamocor"). 

Como comentamos xa, semella improbable unha orixe en *mok- sendo que se rexistra monacorum, é improbábel que o escriba "latinizador" incluíse unha sílaba -na- inexistente, o cal parece confirmarse coa forma supradita "moagorum". Por tanto, cremos que é preciso procurar outra raíz prelatina distinta. 
Tendo en conta o anterior, e observada a situación dos  topónimos "Mogor" e "Mogotes",  talvez fose plantexable unha orixe na forma indoeuropea *men- ‘elevarse’, presente en linguas celtas (e.g. córn. meneth, bret. menez ‘monte’, dunha protoforma *mony-yo). 


------
Dado que non vemos relación coa raíz mok-, non mencionamos o peixe "mógaro", tamén chamado "zátaro" (ambos co sufixo celto-latino -aro). Tampouco comentamos o termo sardo mògoro "mota, altura, colina baixa", que relacionan (Pallottino) co albanés magul e co derivado romeno magura 'colina isolada; bosque en sitio alto',  que hai quen relaciona co vasco mokorr 'mota' (cf. aquí)




2 comentarios:

  1. E con isto terá que ver, pola vía da gheada, outra praia das Rías Baixas que lle chaman "Major"?

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois posiblemente si. ¿poderías dar máis información relativa a onde se atopa, etc?
      moitas grazas polo teu aporte.

      Eliminar