sábado, 15 de xuño de 2024

Mil topónimos de castros e corgas

 

 Mil topónimos de castros e corgas

Este artigo resume un traballo publicado na web, que analiza un milleiro de topónimos galegos pertencentes ás series rematadas en -oiro/a e en -ouro/a (cf. Fontoira, Viloira, Viloura). 

Os resultados poden ser extrapolados a topónimos foráneos, tanto portugueses como doutras zonas do norte peninsular con sufixacións equivalentes en-oro/a, -orio/a (cf. Hontoria, Montoro).


Introdución

Presentamos varias series topónimos que en moitos casos aluden a castros:

  • -            Moitos dos topónimos en –oira, –oiro, –oura e –ouro.
  • -            Parte dos Ouro e derivados (Fonte do Ouro, Oural, Ourela, Ouraño, etc).
  • -            Un subconxunto dos Obra.

Conxuntamente analizamos os derivados do apelativo *aur(i)a, considerados por Bascuas como procedentes da raíz hidronímica indoeuropea *awer-‘humedecer, mollar, fluír’. Estes topónimos confluíron na forma cos previamente mencionados, tal como veremos.

 

Observacións iniciais

Un feito importante, xa indicado por Bascuas, é que a palabra prerromana auria conservou un valor léxico no romance, ata polo menos a Alta Idade Media. Así, atestamentos medievais de Fonte Auria, Valle Auria, Villa Auria, correspondentes coas actuais Fontoira, Valoura, Viloura. Tamén usos nominais:

[..] per illos cubos, per illa aurea [= auria] et per coto de Villar [..], a. 1128[1].

 

Bascuas atribúe a aura/auria un valor hidronímico xenérico, por veces auga, outras regato, etc. Porén, un significado xenérico non semella congruente. A modo de exemplo, sería estraño que unha Fonte Auria remitise a unha Fonte “da auga”, nin un Riboira a un Río “da auga’.

Se o uso da voz aura perdurou no romance, entón debía ter un significado concreto, e non apenas un significado hidronímico xenérico.

 

Na análise destes topónimos  –oira/o, -oura/o, descartados aqueles non relacionados, como moitas das formas co sufixo -doiro  (Lavadoiro, Nacedouro, Cantadoira), quedou case dun milleiro para os que estudamos a súa situación. Despois dunha primeira revisión, usando os mapas do PTG, identificamos dous padróns de situación:

1) Confírmase un padrón xeográfico no que encaixan unha parte dos topónimos,  que é o de cursos de auga en pendente, con ladeiras relativamente pronunciadas, aos que nos referiremos como ‘corgas’.

 

2) Tamén se observa outros que non encaixan no padrón de corgas nin incluso no xenérico de hidrónimos, senón que están determinados pola súa situación ao pé de castros. Noutras palabras, remiten a unha ‘fonte do castro’, ‘chan do castro’, etc, aludindo á súa situación próxima.

 

Exemplos da toponimia relacionada 

  Os casos Aurela, Orela, Ourelo, A Urela

Para os topónimos Aurela, preséntase claramente a homonimia indicada previamente, entre castro e corga:

  • O PTG rexistra 18 topónimos Aurela que se corresponden claramente con  corgas, moitos deles en lugares non propicios para castros.
  • Pola contra, hai 23 topónimos, incluíndo Aurela, As Orelas, así como unha A Urela do Castro e un Ourelo, todos eles remiten claramente a castros, dada a súa situación nos castros.

Malia presentaren unha base léxica aparentemente idéntica, deben ter orixes etimolóxicas distintas.

 




Fontoira, Fontedoira

 O PTG rexistra uns 13 Fontoira e un Fontedoira. A maioría, 8 dos casos, quedan preto de castros e non teñen corga próxima. Por outro lado, hai 3 casos que quedan no nacemento dunha corga, sen castro preto, co cal é clara a alusión á corga que alí comeza.

 




Fontoira (Manín, Lobios, Ou)







Reboira, Riboira

Os topónimos Reboira, Riboira, Reboiro, Riboiro, Riboiras, Reboiras, Reboirais son frecuentes, o PTG rexistra unhas 57 ocorrencias[2], incluíndo as formas específicas Reboures e Rebuiras.

O primeiro elemento destas formacións debe ser Rivu ou Ripa. Aludirán, xa que logo, a un rego ou a unha ribada preto de castro ou de corga.

 


Se examinamos a situación, nun 56% das ocorrencias pódese identificar claramente o castro ao que remiten, noutro 15% a corga, en canto un 30% é incerto ou sen corga nin castro. Parte dos casos excepcionais poden explicarse como aludindo a apelidos (de feito, o CAG rexistra os apelidos Reboiras, Reboiro e Reboeiro). Outros casos, como moitas veces, o non coñecemento de castros próximos non exclúe que non os houbese. 


                                                         Reboiro (Nullán, As Nogais) 

 





Langoira, Langoiro, Lengoira, Longoira, Lungoira

Atopamos 19 topónimos con estas denominacións, a gran maioría son Langoira e a variante Langoeira, e os outros 6 restantes coas formas  Longoira, Lungoira e Lengoira. 

En canto á situación, 17 dos 19 están en lugares chans e alongados, e cun castro nun dos estremos. Os outros 2 casos son incertos. Ningunha das 19 ocorrencias ten unha corga preto.

 Deben, pois, aludir a *Longa ou *Longo do castro, chaeiras ou longueiros que rematan nun castro.


 




 


Lendoiro

A poboación de Lendoiro (Cecebre, Cambre, A Co) atópase xusto a leste do Castro de Pravío, cun rego por medio que non é corga. Non debe ser outra cousa máis que un *Alén do oiro ‘á outra banda do (río do) castro’.

 

Viloira, Viloura

O PTG rexistra tres núcleos de poboación Viloira e un Viloura.

  • No caso de Viloura (l. de Castrelos, Vigo, Po), ten a leste o Castro do Piricoto, e non existe ningunha corga preto.
  • Igualmente Viloira (l. de Viloira, O Barco de Valdeorras, Ou) queda preto do Castro da Escrita nun coto a SW. Tampouco existe ningunha corga preto.
  • Polo contrario, no caso de Viloira (l. de Requeixo, Chantada, Lu), esta queda ao pé dunha corga, sen ningún castro preto identificado.
  • Finalmente, Viloira (l. de Santalla de Bardaos, O Incio, Lu) queda preto dunha corga pronunciada a oeste, polo que debeu referir á corga. O castro de Santalla queda xa máis lonxe, non semella que aludise a el.

 

Camoira, As Camoiras

O PTG rexistra catro ocorrencias, todas en vales ou altos chans, lonxe de corgas e preto de castros:

  • As Camoiras (l. de Vilalvite, Friol, Lu), nun val, a nordeste está o Castro da Rodela.
  • Camoira (l. de Camoira, Lugo, Lu), en lugar chan; a  wikipedia rexistra un castro xusto a norte da igrexa, na Castronela Os Fornos.
  • Camoira (l. de Aguas Santas, Palas de Rei, Lu), nun val,  a sur está o Monte do Castro.
  • Noutra freguesía queda A Chousa de Camoira (O Mato, Palas de Rei, Lu), nun val; a sur dela está O Castro.

 

Viadoiro, Lamboira, Cantoiro, Angradoira

Ao pé do Castro de Vilaronte queda Viadoiro (l. de Vilaronte, Foz, Lu), sen corgas preto. Debe remitir por tanto a unha *Vía do Oiro ‘Camiño do castro’.

Ao pé do Castro Canzobre atópase A Lamboira (Morás, Arteixo, A Co) e, neste mesmo concello as terras As Lamboiras (Arteixo, Arteixo, A Co) quedan ao pé do Castro das Penouqueiras. Nos dous casos son terras maiormente chás, e sen corgas próximas. Deben provir dunha *Lomba-Oira ‘a lomba preto do castro’. O paso de *Lomboira para Lamboira explícase talvez por etimoloxía popular, co alcume “lamboira”, xa rexistrado por Valladares, ou pola vacilación /a/-/o/ en formas prelatinas, non só nas da hidronimia.[3]

Tamén A Cortiña do Cantoiro (Nogueira, Montederramo, Ou) queda ao pé dunhas terras Castrelos, e sen corgas. Debe tratarse dun *Canto do Oiro ‘canto (recuncho) preto do castro’.

No caso de Angradoira (Leiro, Abegondo, A Co), podemos interpretalo como *Angra do castro, xa que seguindo a "angra" (retorta, enseada) onde se sitúa, chégase por zona chá ao Castro de Leiro.

 

Oural

Se a voz aura perdurou no romance, é natural que tivese as formacións derivadas típicas, con sufixos latinos, entre elas aurale > oural. É un caso análogo ao dos topónimos Rial[4], O Regueiral, Os Arroxais[5].

Poderíamos postular para Oural, xa que logo, un “Lugar no que se orixinan corga(s)”. De feito, a maioría dos topónimos Oural están ligados a cotos e lugares no alto. No entanto, hai veces que se ve que a corga acaba tomando tamén o nome de Oural, transvase común na toponimia.

 


Lamas de Oural (Espiño, A Veiga, Ou) tamén encaixa no padrón de situarse preto dunha corga.

O mapa mostra Coto Oural (As Estacas, Fornelos de Montes, Po), preto do comezo dunha corga.

 

 

 




A Chan de Oural (Araúxo, Lobios, Ou): requeixo nun couce, a leste discorre a Corga de Teixugueiras  e a oeste a corga Río de Lobios. É interesante a presenza próxima d’O Dourado e A Chan Dourada, preto de corgas, que deben provir dun O (Monte) d’Ourada e A Chan d’Ourada respectivamente. Os tres topónimos confírmanse mutuamente.

 

 

 





Os Ourales
(Castro, Cerdedo Cotobade, Po). A localización é análoga ao caso d’Os Riás (Olveira, Ribeira, A Co), formacións en plural a partir de  aura” e “rivu” respectivamente.






 Ouralla


No caso da Fonte Ouralla (Covelo, Viana do Bolo, Ou), vemos a formación co sufixo diminutivo/despectivo, que encaixa ao ser unha corga curta (actualmente máis aínda ao desaugar no encoro).


 

Breadouro

As terras chamadas Breadouro (Coruxo, Vigo, Po) quedan ao pé da praia, sen ningunha corga preto. Enfronte queda a Illa de Toralla, a cal estaba unida no pasado con esta praia por unha pequena barra de area.

En vista do anterior, e sabendo que na Illa de Toralla houbo un castro[6], inferimos que Breadouro corresponde cunha antiga *Vereda de Orio, aluden a esta vrea,  unha barra de area que permitía cruzar ata o castro da illa. Esta hipótese reafírmaa o feito de que a praia á beira da que se atopa Breadouro chámase Praia do Vao. 

A Fraga do Ouro, A Bouza do Ouro

O PTG rexistra A Fraga do Ouro (Requiás, Muíños, Ou) e A Bouza do Ouro (Mociños, Quintela de Leirado, Ou), ambos os dous ao pé de corgas e sen ningún castro preto. Remiten, por tanto, ao aurio (corga) ao pé do que se atopan. 

Fonte do Ouro

No caso das Fonte do Ouro, xúntanse as connotacións mitolóxicas de fontes e de ouro, polo que semella probábel que unha parte destes topónimos remitan ás abundantes lendas, mitos e anécdotas relacionados.

Con todo, das aproximadamente 46 Fonte de Ouro, Fonte do Ouro, Fontouro e Fontoura que rexistra o PTG, aproximadamente 1/3 delas quedan á beira de corgas ou na nacente de corga, e outro terzo preto de castros.

Esta interpretación que facemos desmitifica, xa que logo, boa parte das fontes do ouro e remíteas a elementos tanxíbeis existentes, sen relación co metal homónimo. Parece que, por veces, o topónimo creou a lenda, e non ao contrario.

 

A Corga do Ouro, O Regodouro, Rego do Ouro, Redouro

Das catro ocorrencias, tres delas quedan preto dunha corga, en canto que o Rego do Ouro (Moreira, Castroverde, Lu) discorre por lugar chan e debe remitir ao castro A Croa situado augas arriba, non moi lonxe[7].



O Regodouro (l. do Freixo, As Pontes de García Rodríguez, A Co) é o nome dun casal, que o tomou do Rego do Ouro, tal como se ve no mapa.

 

 

 

 

 

 

  

 

O Carrozo de Ouro

O dicionario rexistra a voz carrozo como  “Torrenteira”, “Torrente entre montes” (cf. DdD). Este significado é coherente coa situación d'O Carrozo de Ouro (Lousada, Pedrafita do Cebreiro, Lu), pois atópase preto do nacente dunha pequena corga. Por riba está a Pena da Fonte do Ouro.

 

O Pozo do Ouro

No caso do Pozo do Ouro (A Capela, A Capela, A Co)  queda xusto ao pé do Castro de Bretoña, logo é clara a referencia ao castro.

Polo contrario, O Pozo do Ouro (Burgueira Oia, Po) queda ao pé dunha corga, en canto que o castro máis próximo (Castro da Cividá) queda lonxe.

 

A Cunca de Ouro, Agro Douro

Estes topónimos quedan tamén ao pé de corgas.

A Cunca de Ouro (Santa Marta de Meilán, Riotorto, Lu) é unha pequena bacía ao pé da corga Rego de Cagaleixos.

Igualmente Agro Douro (Rarís, Teo, A Co) queda preto da corga Rego da Pía, sen castro próximo.

 

Agro Douro (Rarís, Teo, A Co)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  

 

O Cabo do Ouro, A Canteira do Con do Ouro, A Pedra do Ouro

Trátase de tres “Ouro” que remiten a castros:

  •         Cabo do Ouro (Loureda, Boqueixón, A Co) queda, tal como nos indica o nome, pegado a onde remata un castro, neste caso o Castro da Eirexa.
  •         A Canteira do Con do Ouro (O Grove, O Grove, Po) ten unha canteira ao sur. O mapa indica, xusto onde o topónimo, un Castro Xaniño.
  •         A Pedra do Ouro (Morás, Arteixo, A Co) queda preto do Castro de Canzobre; podemos conxecturar que aluda á existencia dunha pedrafita que marcase lindes do castro.

 

O Ouriño, Ourín, Rebourín

Outros tres que remiten a castros:

  •         Ouriño (l. de Rodís, Cerceda, A Co) o mapa marca “Castro” a oeste.
  •         Ourín (l. de San Martiño de Asperelo, Rodeiro, Po) ao pé do castro da Veiga dos Castros.
  •         Tamén as terras Rebourín (Riomol, Castroverde, Lu) tamén preto de castro e sen relación con corgas.

 

Rego da Uranza, O Ouraño

O Rego da Uranza (Carnota, Carnota, A Co) trátase claramente dunha corga e non hai castro preto. Igualmente O Ouraño (Prado de Limia, Muíños, Ou)  queda nunha corga clara, a Corga de Varedo[8].

Para A Uranza, que na forma orixinaria debeu ser *Aurantia, superpóñense os sufixos -nt- e -ia, ambos os dous típicos da lingua da hidronimia.[9] No caso do Ouraño, a forma orixinaria *Auranio inclúe unha sufixación frecuente en topónimos galegos de orixe prelatina, como Caamaño, Bermaño, Viaño.

Son coherentes, por tanto, as sufixacións que presentan, pois estas son frecuentes na lingua da hidronimia.

 

Ouroxo, Auroxal, Os Ouroxales, Rego do Ourixario

Ningún deles queda preto de castros, e todos remiten a corgas:

  •  As terras Ouroxo (Corvelle, A Pastoriza, Lu) quedan nunha ladeira, xusto nunha corga clara.
  •   No caso de Auroxal (Boazo, A Teixeira, Ou), está situado xusto no nacemento dunha corga. 
  • Tamén Os Ouroxales (Golmar, A Laracha, A Co) quedan ao pé dunha corga. Teñen un segundo sufixo latino en -ALE.
  •  Igualmente o Rego do Ourixario trátase dunha corga e non queda preto de ningún castro. É de notar a conservación semiculta do sufixo -ARIO. Pode ter a orixe na formación *Ouroxario. O paso a Ourixario sería a típica palatalización do vocalismo pretónico, tal como ocorre en Foxoa > Fixoa, ou Toxoso > Tixoso[10]. 

Deben ser derivados de Aur(i)a ‘corga’, coa sufixación en -oxo como, por exemplo Montoxo.

Outros topónimos relacionados con castros: A Obra, Obra, Obra de Paño

No conxunto de topónimos Obra conflúen primeiramente aqueles que remiten ao apelativo común; outros parecen aludir á Obra Pía. Hai un terceiro grupo deles que poderían ser solucións diverxentes da serie de topónimos en –(o)bre galegos. De feito, Villar (1991: 487) incluíu algúns deles nesa serie.

Os topónimos A Obra (l. de Foxás, Touro, A Co) e Obra  (l. de Obra, Vila de Cruces, Po) quedan en meandros contiguos, ao pé de cadanseu castro no coto.

O Prado da Obra (Duarría, Castro de Rei, Lu) atópase preto do Castro de Duarría e non ten corgas preto.

Obra de Paño (l. de Lubre, Bergondo, A Co), queda moi preto do Castro de Lubre e sen ningún curso de auga significativo próximo. O sintagma “de Paño” debe tratarse dunha reinterpretación doutra forma que descoñecemos, co final en -año, típico de formacións de orixe prelatina.

Estas variantes Obra fronte Obre (Obre, Paderne, A Co), preto do Castro de Obre, son explicábeis como hipercorreccións da relaxación do -a final, fenómeno relativamente frecuente na toponimia galega (cf. Pedride, Mexilloíde, Valincobe).

 

 



[1]  (Bascuas 2014: 145).

[2] Na realidade, filtramos por coherencia as duplicidades, pois ás veces o PTG rexistra varias veces o mesmo topónimo, ou incluso un grupo deles, como Fonte da Reboira ao pé dun Reboira, nestes casos contabilízanse unha soa vez.

[3] Cf. S.v. “lamboira”, DdD.

[4] Uns 350 recollidos no PTG.

[5] O topónimo Arroxo, así como as formas en diminutivo Arroxoá, Roxoá, Rexoá etc son relativamente frecuentes. Trátase obviamente dunha variante de arroio, o mesmo que a parella Laia/Laxa, ou Foio/Foxo.

[6] Cf. wikipedia, https://gl.wikipedia.org/wiki/Vila_romana_de_Toralla.

[7] Descoñecemos se está recoñecido oficialmente, pero no mapa de relevo (mapa gris) identifícase claramente como castro.

[8] Hai un erro de  desprazamento da etiqueta do PTG e o mapa: O Ouraño queda preto do Coto de Varedo, segundo o mapa.

[9] Para as formas -antia, vid, p. ex. (MORALEJO, 2005).

[10] Para máis detalles ver (MARTÍNEZ, 2016)

Ningún comentario:

Publicar un comentario