luns, 1 de xullo de 2013

Regos do Aro e Arovello

Nas comarcas da Mariña e do Ortegal, encontrámonos con certa frecuencia co topónimo "Aro", en particular "Rego do Aro". Así o encontramos en  San Román (O Vicedo), en Viveiro, en Ourol, en Muras e no Valadouro. Tamén atopamos topónimos relacionados como "A costa do Aro" en Cedeira e "Arovello" en Mañón.


Probable orixe prerromana

Tendo en conta os múltiples "rego de Aro", e unha vez descartadas outras opcións (ver seguintes parágrafos),  lévanos a asociar este topónimo "Aro" cun tema da hidronimia prerromana , en concreto co tema puro *ar-, de orixe paleoeuropea, derivado da raíz indoeuropea *er- 'moverse', e amplamente estudado por E. Bascuas (cf. E. Bascuas p. 24 e ss. de "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 

É interesante reparar no río "Guadiaro", en Andalucía, cun significado de "río Aro", derivado dun "wādī Āru", do árabe wad 'río'  máis un "aro"  probablemente tamén antigoeuropeo, coa orixe tamén no tema *ar (ver nota1).

Rivas Quintas interpreta "aro" coa acepción antiga de "campo, vale pequeno" en Marín, e coa acepción aínda actual de "agra, polígono de cultivos" nas Negradas (cf. Frampas II). É importante notar que o paso dun sentido hidronímico para o de "agro" é doado, tal como explica E. Bascuas (cf. Bascuas, ibidem).

No caso do topónio "Arovello", podemos interpretar "vello" co significado romance de "antigo", ou tamén, dado que nos atopamos na presencia dun hidronimo, poderíamos aventurar unha orixe na raíz indoeuropea *wel   'facer xirar', presente noutros topónimos como "Ulla" ou "Veleia" (cf. Bascuas, ibidem). Alternativamente, podería vir do céltico *belio, do indoeuropeo *bhel, "brillante".


Outras hipóteses de orixe prerromana

Cremos descartábel a orixe na forma indoeuropea *an(n),  moi produtiva no Noroeste peninsular na creación de derivados léxicos e toponímicos de contido hidronímico (así, "Ares", na Coruña, a partir de Anaris e  Ombre, Pontedeume, de Anobre. Cfp. 805 aquí) e estudada por Bascuas, que vincula ese tema *an(n)- co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’
O feito de descartar esta hipótese é por haber topónimos similares fóra do ámbito galego-portugués, fóra da área de caída do -n- intervocálico: así temos "Río del Aro" (Limpias) e Aro (Laredo), así como "El Aranzal" (Castro-Urdiales), e o xa indicado Guadiaro (< wadi Aro), para os que, obviamente, non encaixa unha orixe na raíz *an.

Así mesmo, cremos improbábel que o topónimo "Aro"  derive da tamén raíz indoeuropea *arg- 'brillante', xa que non observamos casos de simplificación do conxunto -rg- para -r- . Se estivermos equivocados, "Arovello" viría de *Argobelio, coa raíz *arg- "brillante" e a raíz *belio, do indoeuropeo *bhel, "brillante". Este parece tamén ser o caso do topónimo leonés "Agroviejo", referente a un lugar situado ao pé dun arroio, nun estreito val rodeado de alturas escarpadas. Cf. aquí.
Porén, nesta hipótese non resulta probábel a perda do "g" e,  de feito, temos o topónimo "Arganzo" no mesmo concello, que non perdeu o "g".

Outras hipóteses descartadas

O termo "aro" podería derivar de "agro", así sería *"Rego do Agro". Esta redución agro>aro non sería estraña, e ademais encaixaría en parte dos casos que mencionamos. No entanto, non encaixa nalgúns topónimos "Aro" que se atopan en zonas de pedregais.  Alén diso, o termo "agro" semella pouco específico, excesivamente xenérico como para que caracterizase con frecuencia un rego ou río.

Unha hipótese alternativa sería explicalo a partir de "adro"; esta redución adro>aro tampouco sería estraña, de feito ocorre noutros topónimos similares. Así, indicaría a antiga existencia dunha capela na zona en cuestión. Isto talvez encaixaría no caso de "Arovello",  e en xeral nos casos de "aro" correspondentes con entidades de poboación (aínda que non se coñeza a antiga existencia de ningunha ermida alí), ou no "Rego de Aro" de Viveiro ... pero non sempre os "aros" indicados están en zonas poboadas, senón maiormente en zonas deshabitadas, co cal esta hipótese tampouco parece probábel.
Tamén podería vir do significado de "asa" ou "arandela". Isto talvez encaixaría como topónimo anecdótico nalgún caso illado, aínda que non coa frecuencia en que ocorre. Outro significado recollido polos dicionarios é o de "planta da familia das aráceas, cunha folla similar á do tabaco", do cal tampouco parece que esta poida ser a orixe nun topónimo tan relativamente frecuente.

------

(*)Nota1: a respecto do río "Guadiaro", hai quen deriva "Aro" do semítico hrs 'ouro' (cf. pp. 295-299 de  J. A. Correa "El hidrónimo Guadiaro" en "Acta Palaeohispanica 13" . 2013"). Porén, non vemos ningunha razón para rexeitar unha orixe paleoeuropea, a mesma que tiña Barbesula, o outro nome deste mesmo río en latín. Semella máis coherente esta hipótese paleoeuropea para ambos nomes, en vez de ir á procura dunha interpretación fenicia nun caso e paleoeuropea no outro.