mércores, 9 de agosto de 2023

Algúns lugares de axustizamentos na Mariña e o Ortegal

 A toponimia dános por veces pistas moi claras sobre a historia dos nosos lugares e, por tanto, sobre a nosa historia.

É interesante o caso dos topónimos Picota e Rollo que atopamos na nosas bisbarras, e que nos informan da historia dos axustizamentos, e en concreto de lugares nos que se aplicou a pena de morte. 

A Picota, ademais da acepción de cima dun monte", designaba o pau espetado, poste ou columna no que se executaban as sentenzas ignominiosas impostas aos criminosos. O termo "Rollo", voz importada de Castela, xunto co seu uso executivo, era practicamente sinónimo de "picota". A diferenza consistía unicamente en que a Picota podía estar situada en calquera lugar, en canto que o Rollo soamente se erguía nas vilas capital de señorío xurisdicional.

O dicionario de Marcial Valladares (1884) define "rollo" como "A picota, ou forca, feita de pedra e en forma redonda, ou de columna. Era insignia da xurisdición de vila, odiosa para as poboacións." (Cf. Marcial Valladares, 1884). "Diccionario gallego-castellano").

Elixio Rivas rexistrou en Marín o caso do "Outeiro do Rollo", que tamén é chamado "Outeiro da Forca".

 De seguido presentamos unha escolma destes lugares con historia conservada na toponimia, os restos que atopamos na zona da Mariña e do Ortegal.

Antes de continuar, convén notar o feito de este artigo estar baseado en datos exclusivamente toponímicos, polo que deberá de ser constrastado con datos e rexistros históricos que confirmen ou desmintan cada unha das hipóteses.

A CRUZ DO ROLLO (VIVEIRO)

Esta cruz, aínda que actualmente se atope na ponte de Viveiro, indícanos claramente polo nome que foi traída aí desde o lugar onde se facían os axustizamentos . A cruz presenciou execucións de penas de morte, vaia.

A PICOTA (Suegos -- O VICEDO)

No caso que nos ocupa, trátase dun lugar situado preto do curuto de monte,  entre O Folgueiro e Suegos. Por tanto, non queda claro se foi lugar de execucións. A favor desta especulación está o feito de ter sido Suegos un couto específico, con concello nalgunhas épocas.

 A PICOTA (Benquerencia -- BARREIROS)

A acepción desta picota semella claramente a de lugar de execución. De feito, ao pé deste topónimo de Benquerencia atópase o topónimo "Rollo". Ambos os dous, xa que logo, confirman a interpretación mutuamente.

AS PICOTAS (Silán -- MURAS)

Neste caso, as posibeis dúbidas sobre a interpretación de "Picota" son frouxas, pois dáse o feito de que, ao pé desta finca de Silán atópanse "O Cárcere" e mais "A Casa Vella do Concello". Uns topónimos confirman os outros.

Finalmente notar que, aínda que este topónimo estea en plural, isto non é significativo.: o máis probábel o lugar se teña chamado "A Picota" e pasase a chamarse "As Picotas" cando a finca á que dá nome se partillou entre varios propietarios, o cal é un feito recorrente na toponimia.

A PICOTA (lugar da Pena Vaqueira, Roupar --- XERMADE)

Esta "Picota"  atópase no medio da poboación e non se trata dunha cima, así que semella plausíbel pensar que debeu ser  o lugar de axusticiamento.

É de notar a existencia dunha "Picota" na freguesía de Burgás pero atópase na cima dun monte" e ademais ben lonxe dos núcleo de poboación, polo que a acepción de "Picota" nese caso semella encaixar mellor como "picouto, curuto de monte".

A PICOTA (lugar do Burgo, Oirán --- MONDOÑEDO)

Esta "Picota"  atópase moi preto da Igrexa de Oirán, no lugar do Burgo, e non se trata dunha cima, así que tamén semella plausíbel pensar que debeu ser  o lugar de axusticiamento.

O ROLLO (Rececende --- A PONTENOVA)

Este lugar atópase preto de Rececende de Arriba, moi preto do lugar do Pacio. Como noutros casos, suficientemente preto e á vez suficientemente lonxe da poboación para non ter lugar a execución no centro. Por tanto, semella plausíbel pensar que debeu ser  o lugar de axusticiamento, máxime quedando preto do Pacio, que se supón que daquela aínda sería residencia señorial.

O ROLLO (Vilaoudriz --- A PONTENOVA)

Este lugar atópase preto da Igrexa de Viloudriz. Como noutros casos, suficientemente preto e á vez suficientemente lonxe da poboación. Por tanto, semella plausíbel pensar que debeu ser  o lugar de axusticiamento,.

A PICOTA (Bares -- MAÑÓN)

A situación deste microtopónimo queda nun lugar apartado, mais moi preto do Porto de Bares, suficientemente preto e á vez suficientemente lonxe para non ter lugar a execución no centro da poboación. Non queda nun picouto ou cume de monte, polo que emella claro que debe tratarse dun antigo lugar de axustizamento.

O MONTE DA PICOTA (Os Casás -- CERDIDO)

A situación deste microtopónimo queda nun lugar apartado, mais relativamente preto da Igrexa. Como no caso de Bares, suficientemente preto e á vez suficientemente lonxe para non ter lugar a execución no centro da poboación. Porén, aínda que non no cume, si que queda nun monte, polo que non permite descartar que fixese referencia a un curuto de monte e non a un lugar de axustizamento.


venres, 14 de outubro de 2022

Notas curtas da toponimia na Colección diplomática da Catedral de Mondoñedo (parte I)

 



Estas notas identifican a toponimia recollida nun documento do 916 en que o rei Ordoño II (914-924) e a súa esposa Xeloíra conceden ao bispo de Mondoñedo e á súa igrexa a freguesía de Sta. Mª de Mogor e mais a vila de Bares.

.. ecclesiam sancte Marie de Monacorum et villas que in giro sunt seu homines qui regali mee dictioni obedire striti sunt et aliam uillam nomine Uaris ..”

“.. per terminum de aqua de ectario et inde per montem dominicum ast per pennam Iuliani / et per Montarion usque ad illum portum de Delfino atque Sauris siue ostrarias uel diuesas seu piscarias per aquam de Uilare Berilli ..”

A transcrición consultada foi a do P. Enrique Cal, na súa “Colección diplomáticamedieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo”.


Topónimos “coñecidos de vello”

“.. ecclesiam sancte Marie de Monacorum et villas que in giro sunt seu homines qui regali mee dictioni obedire striti sunt et aliam uillam nomine Uaris ..”

A sancte Marie de Monacorum correspóndese coa actual de Sta. Mª de Mogor.

Tamén é claro que a uillam nomine Uaris correspóndese coa actual Bares[1], aínda que non é seguro se se refire ao Porto de Bares ou á Vila de Bares. Talvez á Vila ou ao lugar onde estaba a Igrexa antiga, pois se se referise ao Porto, sería probable que o mencionase o documento como tal, igual que fai co Portum Delfino. Non parece probábel que se trate do lugar onde estivo tamén a vila romana datada entre os séculos IV-VI d.C., pois non se atopou actividade ocupacional clara novamente ata os séculos XV-XVI. Este lugar queda ao pé da praia de Bares, preto do extremo oposto ao Coído, no lugar chamado actualmente A Torre.

Resulta estraño que se refira soamente á uilla e non, como acontece para Mogor, ás “uillas que in giro sunt”, dando a impresión de que non houbese ningunha de arredor. Mais é estraño se temos en conta que a toponimia recolle a existencia de varias uilla alto medievais na freguesía de Bares, como a que debeu ser a actual Vilela. Talvez pertencesen a Mogor. Pero estas son cuestións máis para historiadores.

Con respecto á identificación de Sauris co río Sor, non presenta maior problema, estando documentado na Idade Media como Saurio, Saurem, Soure amais do Sauris deste documento.

Novos topónimos identificados a partir desta lectura

A partir do seguinte parágrafo do documento poden ser identificados outros topónimos:

“.. per terminum de aqua de ectario et inde per montem dominicum ast per pennam Iuliani / et per Montarion usque ad illum portum de Delfino atque Sauris siue ostrarias uel diuesas seu piscarias per aquam de Uilare Berilli ..”

Unha tradución groseira, cos topónimos identificados, sería:

“.. pola linde do Rego de Esteiro e de aí a través de Montedónigo e pola Pena Xeán e polo Alto de Monteirón ata o porto de Delfino e o Sor, e tamén as ostreiras e mais as devesas, e as pesqueiras no Rego de Villabril..”

Análise detallada

A aqua de ectario, pese ao erro do copista,  é claro que corresponde co Rego de Esteiro .. non hai outro Esteiro en toda a volta (nin tampouco ningún “eiteiro”).

O Montem dominicum ‘monte do señor’ tamén é doado asocialo co actual Montedónigo.

Canto a Montarion, pode tratarse de Monteirón ou ben do Alto de Monteirón. Dada a situación de ambos os dous, semella máis coherente que corresponda co Alto de Monteirón.

O Portum de Delfino non existe na actualidade nin hai máis constancia documental sobre el. A posible situación deste porto é dficil de delimitar, pero considerando as lindes que marca o documento, debeu estar enfronte de Monteirón. Non semella que fose o actual portocelo de San Fiz, pois non queda enfronte de Monteirón; debeu quedaro nalgún punto entre a actual ponte do Barqueiro e San Fiz. É unha zona que encaixaría que houbese un pequeno porto, pois aí o Sor ten profundidade ao pé de costa. Enfronte, nas Negradas, queda o lugar de Portovedro, que tamén remite por tanto a un antigo porto.

Finalmente,  Uilare Berilli é máis complexo, primeiramente porque é citado nas lindes xa despois de mencionar o Sor, sen indicar en que dirección queda. Tendo en conta a escaseza de regatos neste lado da ría para estableceren as pesqueiras mencionadas, e reparando en que na outra banda da ría queda o Rego de Villabril, a identificación é evidente. Efectivamente, Villabril foi un vilar do que soamente quedan as ruínas, e no rego que por alí pasa encaixa que houbese pesqueiras (aínda que non queda pegada, obviamente).

Villabril estaba aínda habitado a principios do séc. XX. Madoz rexistra que 14 persoas moraban alí por volta do 1850.

O topónimo provén, xa que logo, dun Uillare Berildi, remitindo á antiga posesora altomedieval do lugar, un nome de orixe xermánica (PIEL/KREMER, 1976). Tería evolucionado Uilla(re) Berildi > *Vila(r)brille > *Vilabrille e finalmente para Villabril. Este último paso debeu ser por influxo do castelán, aínda que figuraría xa así atestado no século XVII, con este nome.

Cabo

A identificación presentada amósanos que a toponimia preservouse ben co decorrer dos séculos; todos os topónimos mencionados perviven excepto o Porto Delfino, probablemente pola súa desaparición, non por razóns de preservación do topónimo.

Tamén volve a quedar á luz a pervivencia de demarcacións de parroquias galegas ao longo dos séculos.


Bibliografía e referencias

·       E. CAL, “Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo”.

·       P. MADOZ, 1845-1850. “Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar” 

·       PIEL, J. M. / D. KREMER, 1976. “Hispano-gotisches Namenbuch”.

·       E. RAMIL GONZÁLEZ. “Villa Romana de Bares. Escavación arqueolóxica no xacemento Eirexa-Vella de Bares -Concello de Mañón- (A Coruña). Campaña 1997” in BRIGANTIUM, 2003, vol. 14, pp. 185-224

Recursos Web

        CODOLGA = Corpus Documentale Latinum Gallaeciae.Centro Ramón Piñeiro

        González, X. L. (2014). “Toponimia do Concello deMañón” 

 *      González, X. L. (2014). “Microtoponimia do concello do Vicedo".

        NG = Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia (2004) "Nomenclátor deGalicia: toponimia oficial das provincias, concellos,parroquias e lugares"

 



[1] Permítome insistir en que, dada esta clara mención de Uaris a comezos do séc. X, deberían cuestionarse as hipóteses de Bares provir dun tema prerromano *bar-. A grafía con U- inicial do nome recollido semella clarificadora, ao darse nunha época na cal aínda diferenciaban a pronuncia de /v/ e /b/, polo menos en posición inicio de palabra. A hipótese dunha orixe prerromana hidronímica, no tema *awer- 'auga, mollar, chover, fluxo' semella máis plausible.

Máis comentarios ao respecto, ver BARES (Bares)

luns, 25 de xaneiro de 2021

A Faladora ou a Faladoira ?

A respecto da polémica sobre se o nome correcto da Serra é Faladora ou Faladoira, aporto aquí o meu gran de area, xa publicado no blog sobre toponimia de Mañón, pero é verdade que é máis xeral, ao servir esta serra de límite de varias freguesías, xa "desde tempo inmemorial". 

Primeiramente, indicar que o topónimo foi inicialmente aplicado á pena do mesmo nome, e de aí por extensión a toda a Serra. 
Semántica e gramaticalmente, ambos os dous nomes teñen sentido, se ben semella encaixar mellor a primeira opción. Se for "Faladora",  teríamos unha adxectivación metafórica da pena como axente, indicando que fai ruído, "que fala moito". E se fose "Faladoira" remitiría á acción que presenta o lugar ou se leva a cabo nel (tal como "lavadoiro", "aparcadoiro", etc), indicando que o lugar "fala" ou no lugar "se fala". En calquera dos dous casos o topónimo remitiría ao "bruído" do vento, dun xeito similar á "Punta Roncadoira" (Xove), ao "Monte Bufadoiro" no Vicedo, ou tamén "A Pena que Fala" en Frexulfe (O Valadouro).

Documentalmente é dificil chegar a unha conclusión esmagadora,  pois atopamos ambas as dúas formas. Historicamente a forma claramente predominante é "Faladora", aínda que os documentos son relativamente modernos (1752 e posteriores)En calquera caso, os feito de estaren en castelán a maior parte dos rexistros documentais antigos conservados engade máis néboa ao asunto.

Entre as atestacións existentes atópanse (lista non exhaustiva):
  • O Catastro de Ensenada (1752) atéstaa en varias ocasións como "Faladora":  "Marco de la Faladora" (cf. Catastro das Grañas), ".. por la Pena y Monte da Faladora al marco del propio nombre" (cf. Catastro dos Devesos). No entanto, é verdade que ao ser un documento en castelán queda a dúbida de se era o nome orixinario ou o escribiron xa "traducido" a partir de "Faladoira".
  • Un século despois, figura no Dicionario de Madoz (1845-1850) como "la Faladora".
  • Por outro lado, aparece unha mención a "la Faladoira" en 1880 nun artigo de xeografía (no cal fala de "Conejera" e das illas "Loberas", co cal non parece que sexa artigo con intencións galeguizantes), e volve a aparecer como Faladoira en 1904.
  • Federico Maciñeira, menciónaa como "Faladora", xa no primeiro traballo que fai sobre a estación arqueolóxica das Pontes ou dos dolmens desta serra no 1895.
  • Bernardo Penabade indica as referencias documentais como "Faladora" en Vaamonde Lores, 1897 " Prosas varias", e mais López Cuevillas no número 40 da Revista Nós (1927).
  • Volvemos atopar  "la Faladora" en 1917 nun artigo que tamén menciona "Couzadoiro", e igualmente "La Faladora" en 1933 e 1944. Sería estraño que se fose "Faladoira" non o respetasen nese artigo, toda vez que si o fixeron para Couzadoiro.
  • Xulio Dávila menciónao tamén como "Faladora" en 1931 (cf. "Geografía descriptiva de la comarca de Ortigueira).
  • Dado que podería haber dúbidas por seren en castelán a maioría das atestacións,  tórnase esclarecedor un artigo en "El norte de Galicia", do 23/01/1906 (páx. 2), de J. M. Riguera Monteiro, natural de Ourol e por tanto coñecedor da zona. Ao enumerar unha chea de topónimos da zona (co cal é de supoñer que repararía nos detalles), indica as súas versións, tanto en galego como castelán (Barqueiro, Negradas, Grañas, Xistral/Gistral, Freixo). O feito clave é que menciona "A Faladora" como o seu nome en galego. Semella improbable que fose "Faladoira" e que este autor coñecedor desa toponimia o referise erroneamente.

Infelizmente, se botamos man do resto da toponimia galega, non  se clarifica a cuestión, pois atopamos ambas as solucións; así o Nomenclator rexistra unha "Pena Faladora" en Faro (Viveiro) e, ao contrario, unha "A Faladoira" en Goá (Cospeito) e "Faladoria" en Xuances (Xove). Sería preciso analizar cal é a forma oral que é usada neses topónimos.

Ao non haber conclusión esmagadora, o feito máis determinante debería ser a forma usada oralmente , no cal non hai dúbida, sendo totalmente predominante  "A Faladora". Así o confirma o filólogo Bernardo Penabade, nacido e coñecedor da comarca, que indica que a forma oral  e real sempre foi "Faladora" e non "Faladoira" (cf. Revista Ortegal). 


Tendo en conta o anterior, todo apunta a que o nome orixinario foi "A Faladora", incluíndo os testemuños orais. Ao contrario, non hai razóns de peso para escoller a  forma  "Faladoira", ao ter apenas ocorrencias esporádicas na tradición escrita e oral. O  peso dalgúns dos escritores que a referiron como "Faladoira"  nesgou esa solución e fomentou o seu uso mediático e escrito, pero iso non pode ser motivo de asentar unha forma non tradicional.

sábado, 16 de maio de 2020

O Ferradal e os Ferradás

Para os topónimos "Ferradal" e o seu plural "Ferradás" atopamos máis de medio cento de referencias en Galiza (Nomenclator). Na zona da Mariña e o Ortegal atopámolo desde Ortigueira ata Foz e Alfoz.

Poderíamos pensar nunha relación co "ferrado", a medida tradicional galega de capacidade e  de superficie. Esta é a interpretación do filólogo Gonzalo Navaza, por exemplo [1].
Por outro lado, Nicandro Ares indica  que "O Ferradal parece un derivado de ferrum ‘ferro’, quizabes onde se ‘ferraban’ os cabalos de posta...", así como que "Tamén podería aludir a un terreo de cor de ferro" [2].

Analizados distintos casos, penso que a explicación real deste topónimo é clara e simple:  xa en latín chamaban "ferratae aquae" ás augas ferruxinosas (e.g. Séneca). Eís por tanto as "augas ferradas", de onde "ferradal" funcionaría como abundancial, aludindo a un lugar (fonte, pozo) onde abundan as "augas ferradas".
As referencias a "augas ferradas" danse en Galiza, así como en Portugal as

Por outro lado, non chega que encaixe etimoloxicamente, así que precisamos tamén do traballo "de campo" que o confirme:

Primeiramente vemos que unha parte importante dos topónimos Ferradal e Ferradás están relacionados con fontes, regatos, pozos, lameiros, prados e muíños. En Portugal atopamos a "Fonte das Águas Ferradas" en Izeda (Bragança).

Especialmente clarificadora é a información que recolle o dicionario de Madoz, para a parroquia ourensá de "Fagoaza" (O Barco):
        "Las aguas son buenas, aunque las hay también ferruginosas, especialmente las del barrio de Ferradal"

Tamén Rodríguez Colmenero, nun estudo histórico sobre a Galiza romana, inclúe "Ferradal" entre os topónimos que "detectan explotaciones de hierro" [4].

En Portugal atopamos referencias ás "águas ferradas", así nun libro do séc XVIII menciónase como remedio "as águas ferradas, usadas por muito tempo, mas en pequenas quantidades" [5].

Para rematar, indicar que na comarca de Aliste (Zamora) de fala astur-leonesa con moito vocabulario galego, aínda se mantén vivo o apelativo "ferradal", co significado indicado de nacencia de augas ferreñas ou ferruxinosas (cf. aquí).

En Castropol tamén atopamos o lugar de Ferradal, onde hai un
   "manantial fue utilizado para lavar leprosos, ya que era considerada con propiedades curativas para la piel (cf. aquí).

--- Bibliografía ---

[1]  Gonzalo Navaza Blanco, "Fitotoponimia galega".
[2]  Nicandro Ares Vázquez.  "Estudos de toponimia galega". Volume II.
[3]  Madoz, 1847. "Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de ultramar", Volume 9.
[4] Antonio Rodríguez Colmenero, 1977. "Galicía meridional romana".
[5] Samuel Tissot, 1786. "Aviso ao povo a'cerca da sua saude", Volume 2


sábado, 23 de febreiro de 2019

Un "novo" río Sar e as súas implicacións

A investigación da toponimia semella por veces un puzzle no que, ao encaixar unha peza, de súpeto xorde o encaixe para outras moitas. Neste caso, ocorre cos topónimos Sar e Serantes, tal como veremos.

UN NOVO SAR
Aínda que sexa ben coñecido o río Sar, afluente do Ulla, xa citado por Pomponio Mela no século I, é moito menos o río Sar que desemboca en Esteiro (situado entre Loiba e Mañón), que é xeralmente chamado "río de Esteiro", tamén oficialmente. A antigüidade do topónimo confírmanola o  pequeno afluente que ten, o"Sarela", co antigo diminutivo -ela, que era usado para nomear os afluentes ou a parte alta dos ríos (así, o Sar de Santiago ten igualmente un afluente Sarela, e máis preto, o Sor, ten o Sorela, o Tambre o Tamarela, ou con outro sufixo, o Ulla ten o Ulloa).

RELACIÓN CO LUGAR DE SERANTES
Por outro lado, no veciño concello do Vicedo, non moi lonxe dese río está situada o lugar de "Serantes", un dos múltiplos nomes de poboación chamados Serantes. É coñecido que a terminación -antes figura en topónimos de orixe prerromana, e que varios autores afirman que estes nomes terían  relación con nomes étnicos . O interés deste lugar de "Serantes" reside no feito de estar situado na faldra da montaña, lonxe de ríos e regatos, co cal tería pouco sentido que se refirise a un inexistente río ou regato que pasase por alí, nin tampouco que teña un significado xenérico de "habitantes dos ríos, da ribeira".  Pola contra, unha vez coñecida a súa proximidade ao dito río Sar, podemos ben pensar que se refiría a "oriúndos do val do río Sar que discorre entre Loiba e Mogor (Mañón). Xa que logo, os habitantes iniciais  terían chegado ao actual Serantes hai  talvez máis de 2000 anos e provirían do val do mencionado Sar.

É probable que o outra poboación de Veiga (Ortigueira) chamada tamèn "Serantes" referiría tamén a oriúndos deste río, aínda que puido igualmente estar motivado polo apelido dun antigo posesor do lugar. 

É de clarificar que a forma medieval predominante para estes topónimos é Sarantes, e non Serantes, polo que encaixa que proveñan dunha raíz *sar-, ou tal como postulamos, directamente aludan a poboadores dos vales destes ríos Sar. No caso do Serantes do Vicedo, como indicamos, remitiría a un movemento de poboadores, da ribeira do Sar ata este lugar.

É de notar que non somos os primeiros en interpretar Serantes como xentilicio/etnónimo, pero si en desligalo dunha adscripción directa á hidronimia. Así, Boullón Agrelo interpreta Serantes como 'habitantes do río, da ribeira ou da lagoa"; é dicir, interpreta ese sar- como un hidrónimo pero non necesariamente adscrito a un río concreto -- Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)".

 O carácter de etnónimo parece confirmalo o seu atestamento xa desde tempos romanos:  Leite de Vasconcellos (1931)  falou da lápida de Trás-os-Montes, na antiga Gallaecia, coa inscrición  TRIDIAE MODESTI F. SEURRA TRANSM(INIENSE) 'C' SERANTE. Dado que o "C" invertido é interpretado cun significado  de "castro, poboación", a dita lápida estaría mencionando, xa que logo, un "Castro Serante", reforzando esta idea de nome étnico. Por outro lado, Gonzalo Hermo rexeita a relación destes Serantes con ese SERANTE, indicando que os da toponimia galega eran medievalmente Sarantes. Porén, semella estraña a coincidencia, e tamén pensamos que semella difícil admitir que o proceso que tivo lugar de Sarantes para Serantes non puido ter lugar, adicionalmente para alguns casos, en períodos históricos previos.

Por tanto, esta interpretación que facemos como etnónimo semella probábel. Nesta liña interpretativa, poderíamos levar a que os topónimos Barbantes referiría a "oriúndos do  val do río Barba" e, no caso de Ourantes,  "oriúndos do val do Ouro. Outro tanto ocorrería para Arantes, Barrantes, Cervantes, Cesantes.

RAÍZ ETIMOLÓXICA
É comunmente aceptado que o hidrónimo "Sar" ten a orixe na raíz indoeuropea *ser 'movemento, fluxo',  posiblemente pertencente á hidronimia antigo-europea.
Desembocadura do río Sar, no estremo leste da praia de Esteiro
O nome Serantes derivaría de *ser-anti 'fluínte, corrente'. Esta orixe élle atribuída por varios autores; hai un estudo de G. Hermo, no cal aborda a análise etimolóxica dos topónimos de base Sarand- e Serant- (Serantellos, Serantes). Cf. aquí.
Tamén Boullón Agrelo interpreta Serantes como prelatino, referido a 'habitantes do río, da ribeira ou da lagoa', mais "Sar" derívao da base celta *sar- 'auga' -- cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"

Teña a raíz sar- ofixe antigo-europea ou celta, a interpretación de Serantes é igualmente como nome étnico.

AGRADECEMENTO
Aproveito esta oportunidade para lle agradecer ao amigo Martín Caínzos pola información da existencia deste hidrónimo Sar, e así dar pé ao encaixe destas pezas.

domingo, 10 de febreiro de 2019

O Gregorio e mais A Gorgoria


Atopamos o topónimo "A Gorgoria" en San Román (O Vicedo) e mais en
 Foz. Hai cadanseu "O Gregorio", na Insua (Ortigueira), nas Somozas e en Riós. Todos os anteriores poderíamos interpretalos como referencias a antigos propietarios de dito nome e, sen atestamento histórico que probe o contrario, é imposible de rexeitar tal interpretación.
Porén, semellan ter unha frecuencia excesivamente alta tantos Gregorio e Gorgoria".

Por outra banda, é interesante reparamos na existencia dunha ducia de "A Gorga", así como "As Gorgas", e os correspondentes diminutivos "A Gorguiña" e "A Gorgua". Tamén atopamos formas abundanciais en "A Gorgosa" e "O Gorgal", coas variantes "O Guergal". Atópase tamén un Gargacido en Cariño, probablemente deturpación de Gorgacido.

Logo, que é gorga? os dicionarios de galego referen por "gorga" o nome de varias plantas, entre elas a tamén chamada "barbas de raposo", polo que poderíamos relacionar gorga e gorgal con ditas planta. Pero de aí non derivaría "gorgoria".
Felizmente, Sarmiento deunos unha pista no século XVIII co rexistro da acepción "gorgo" como  hidrónimo ("... es gorgo en gallego un remanso de agua, sitio propio para que a él vayan a desovar las salmonas").
Esta acepción recollida por Sarmiento parece guiarnos por bon camiño interpretativo se asociamos "Gorgoira" cos hidrónimos rematados en -oira, tales como "Viloira", "Fontoira" e certamente "As Oiras" (Alfoz). En efecto, E. Bascuas analizou este topónimo As Oiras dentro da serie de hidrónimos derivados da raíz *awer- 'fluír', relativa a correntes de auga (cf. pp. 178-179 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014). 

Volvendo ao tema "gorg-" que atopamos nos mencionados topónimos, estaría relacionado cos apelativos do latín tardío gurga 'pantano' e gurgulione 'borbollón' O apelativo "gorgollón" está rexistrado nos dicionarios galegos como 'chorro de auga que brota con forza e ruído, chapuzón'. Proviría do tema antigo-europeo *gur-g-, do cal tamén deriva "gorgullo", "gorga", etc, tema formado a partir da raíz indoeuropea *gwer- "tragar" (cf. p. 326-341, E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega")

Hai outro dato importante que reforza a anterior interpretación de "gorg-": sendo ben coñecida a oscilación entre as vogais o/a na hidronimia paleoeuropea, poderíamos esperar tamén a existencia de "garga". En efecto: atopamos máis dunha ducia de topónimos "A Garga" en Galiza, moitos deles claros hidrónimos como "Ponte da Garga", Rego da Garga ou Muíño da Garga. Tamén atopamos "gargacido", o abundancial de "garga" en Cariño. Igualmente relacionado é o hidrónimo "Fonte do Gargalón", presente en tres lugares da provincia de Ourense, así como "A Cavaxe do Gargalón", que semella un tautónimo e designa unha valgada. O apelativo galego "gargalo" 'pescozo' tería a mesma orixe, así como "garguelo" 'terreo máis ben de rocha descuberta e en pendente'. E mesmo o apelativo hispano "garganta", que Corominas postula como de orixe onomatopeica, mais que Bascuas inclúe, certamente, neste conxunto (cf. p. 330 do mesmo libro), indicando a orixe no indoeuropeo *gwrg-nt- que Pokorny asigna para o antigo irlandés bragae 'pescozo'.

En resumo do anterior, o topónimo Gorgoira sería un composto do antedito tema hidronímico gorg-/garg- co tamén comentado tema hidronímico "oira".
Entre outros topónimos relacionados atopamos "O Gargacido" (Cariño"), outra variante de abundancial de "garga", e igualmente os topónimos Gargallón e Gargalán. Tamén atopamos múltiplas A Gurgulla, Fonte Gurgullón, Os Gurgullos, simplemente variantes na escrita.

Por outra banda, deixamos de lado a planta "gorga" (herba do raposo), pero tamén tería a mesma orixe etimolóxica, tal como explica Bascuas (cf. p. 336 do mesmo libro). Igualmente o apelativo "gorgón" 'salmón pequeno', ten a mesma orixe e supoñemos que orixinada pola presenza deste peixe nas fervenzas, bulindo con elas. Moitos outros do léxico común como "gorgorexar/gorgolexar" teñen igual orixe.

--------
Nota 0: sendo de orixe paleouropea, a súa extensión vai moito alén da xeografía galega, así atopamos por exemplo un río Gorgos en Alacante.

Nota 1: Cremos que os topónimos "A Gorxa", "A Gorxiña", "O Gorxal" derivarían directamente do apelativo "gorxa" que, en última instancia, deriva do latín gurges 'remuíño', e este á súa vez tamén da mesma raíz indoeuropea *gwer-


Nota 2: o topónimo Górgola tamén semella relacionado.

sábado, 18 de novembro de 2017

O Xistral

Illustration Meum athamanticum0.jpg
Meum athamanticum
(wikipedia)

O topónimo XISTRAL recólleo o Nomenclator en varios puntos da xeografía galega, entre outros en Muras, Cervo, Fene,  Sarria, Palas de Rei e en Pol.

O sufixo -al xa nos leva a interpretalo como un lugar onde abunda a "xistra". A complicación resulta das varias aceptións existentes para "xistra". E enfecto, se revisamos os distintos dicionarios de galego atopamos varias (DdD):

  • a planta "pirixel de monte", de nome científico Meum athamanticum
  • variante de "xostra", xota, vara delgada (daí o termo "xistrazo", golpe con vara delgada).
  • Vento frío do norte con ráfagas de chuvia e neve.

Navaza  inclúe o topónimo Xistral na súa obra de "Fitotoponimia galega", recollendo as tres interpretacións indicadas, aínda que sen se decantar por ningunha.

A hipótese de abundancial de "xistra" no sentido da planta meum xa fora dada por Sarmiento para este topónimo. Sarmiento menciona o topónimo Xistral como "Sistral" no século XVIII ("Acaso de ahí el monte Sistral" (Sarmiento, 1754).

Por outro lado, Corominas tamén analizou "xistra", aínda que na acepción de "vento frío" (cf. DCEH s.v. "hielo").

Unha revisión polo miúdo na toponimia do concello de Muras dános as chaves para  unha interpretación segura dabondo. En particular dous topónimos :
1)  "A Camposa da Xistra" (na Balsa). Sendo unha camposa, interpretar que tivese moito "meum" é doado, pois esa planta "é unha planta de pastizais, que moitas veces se atopa na pedra caliza, nos distritos montañosos de Europa Occidental e Europa Central. Por outro lado, unha camposa chea de xostras sería estraño.
2)  "Entrelosxistrás" (no Viveiró): un lugar situado entre xistrais é practicamente imposíbel interpretalo como que estea entre "conxuntos de ventos fríos".

Así, os dous topónimos permítennos, por descarte, concluír que a acepción máis probable é a de 'lugar onde abunda a xistra, o meum '.
Obviamente, non podemos asegurar que os demais "Xistral" teñan igual motivación, pero semella o máis probable.

Por outra banda, aínda que  E. Rivas recollese para "xistral" a acepción de "canteira de xistra ou lousa" (cf. Frampas), esta acepción atestouna soamente en Terra de Queixa (Ourense), relativamente lonxe de Muras, polo que cremos non aplicable.

Hai un dicionario que tamén recolle para "xistra" outra planta, a chamada cancereixo ou capudre, Sorbus aucuparia (Losada, 1992). Non estando en ningún outro dicionario, entendemos que é unha acepción pouco estendida e, por tanto, debemos descartar que aplicase a todos os Xistrais mencionados.

Finalmente, Cabeza Quiles  interpétaa como variante de "Xestal" (cf. p. 437, F. Cabeza, 2000.), con -r- reforzatoria non etimolóxica. Porén, xa Sarmiento no século XVIII  como "Sistral", para abandonar esta hipótese. Tamén Piel (1968: 183) considerou a posibilidade dunha antiga forma *geněstra (cf. J. M. Piel, 1968. " Beiträge zur spanischen und portugiesischen Phytotoponomastik").

-----------
Cabeza , F., 2000. "Os nomes da terra: topónimos galegos"
Losada, E. et al., 1992. "Nomenclatura vernácula da flora vascular galega"
Sarmiento, F., 1754-1758. "Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables", ed. de J. L. Pensado (1986).