domingo, 7 de abril de 2013

Pena da CATAVERNA: posibles etimoloxías

Pena da Cataverna, ao fondo
A Pena da CATAVERNA está localizada no concello do Vicedo, no cordal que separa as parroquias das Negradas e do Vicedo (ver aquí localizacion).

Como topónimos posiblemente relacionados, existen varios Catabois, así como Catasol en Bares, CatasoisCatapeixe, Catarou, Catallo, etc. 


1) Alternativa prelatina

Significaría algo como "cima do monte por riba dos ameneiros" ou "cima do monte por riba do río".

O elemento "cata-" podería vier de *kat(t)-,  das bases alternantes kat(t)-, kot(t)-, para as que Rivas Quintas indica un significado de "punta, muñón, prominencia". Cf. E. Rivas Quintas, "Lingua galega, niveis primitivos", 1994

En canto ao segundo elemento ("verna") , podería identificarse coa raíz indoeuropea *awer- "auga, río, chuvia" (Pokorny IEW 78-81). De feito, dela procede o termo céltico *uernā 'ameneiro', que pervive como verna no catalán, occitano e piemontés, verne, vergne no francés, gwern no bretón, etc. Este tema léxico parece ser abondoso na toponimia galega, como o medieval Vernesga (nome dun afluente do río Ferreira actualmente "Río de Perros"), "Bernesga" (nome dun afluente do río Esla). Cf. P.  Martínez Lema. "Toponimia, etimoloxía e fontes documentais: os exemplos de Arosa e Brens ". 2012.
Entre os topónimos actuais galegos relacionados, posiblemente estaría "Bernés" (en Neda nas Somozas) e Vernes (Carballo) ... sen esquecer "O Prado de Bernedo" (Pedrafita) e Bernidos (Toques). Estes topónimos, con sufixo abundancial -edo/-ido, o mesmo que "toxedo", "biduedo", biduído.

Por tanto, se a relacionamos con uerno, "Cataverna" significaría "terras en encosta, por riba dos amieiros". Alternativamente, se o relacionamos directamente con *awer-n-  levaríanos a algo como "cima do monte riba do esteiro", o cal é certo.
Coincidencia ou non, na zona chá xa máis embaixo da faldra da montaña, aínda existe un "O Amidal", que indica abundancia de amieiros ou ameneiros.

2) Alternativa latina

O termo latino captare relaciónase co atual "observar", co que poderíamos interpretalo como *capta averna 'observa o inferno' (?!). Tamén hai quen os relaciona co latín tardío e medieval captare  'cazar', aínda que somente encaixan algúns topónimos.

Encaixarían "Catabois" (Catabueyes no Bierzo) 'punto de onde se observan os bois'. Encaixa tamén Catalobos  (Valladolid), Catapeixe (Pontevedra), e Catasol (Bares, Pontevedra). No caso de "Catasol", posiblemente non teña que ver co astro "sol" senón reinterpretación dun Cottu Sauli, ou incluso con Cottu Sauri (antigo nome do río Sor). Tampouco parecen encaixar con este significado  Catarou, Catarón,  Cataúde,  Catallo, nin tampouco CatapaioCatasueiroCatarufe. Tampouco encaixa o "Alto de Catapreiro", orixinado sobre "Cata-pedreiro",  difícil que se tratase de "observar pedreiros".

3) Outra alternativa 

Na Toscana hai os termos  "cataverna" e "calaverna", como sinónimo de "caverna". Porén, neste caso non  hai nin parace que houbese cova ningunha (cf. aquí).



Ningún comentario:

Publicar un comentario