Segundo o CAG, o apelido Pigueiras distribúese pola Mariña Occidental e o Ortegal; a maior frecuencia rexístrase no concello do Vicedo, onde semella ter a súa orixe.
Semella tratarse dunha referencia a un topónimo, pero o Nomenclátor de Galicia non rexistra ningunha poboación con este nome.
Por sorte, quedou documentado no chamado Real de Leigos do Catastro de Ensenada para Rio Barba (anos1762-1764), onde se rexistran polo menos tres casas no lugar das Pigueiras (cf. PARES):
A resposta dáa o Nomenclator se reparamos na existencia dun núcleo de poboación en Río Barba (O Vicedo) chamado Espigueiras, que non é máis que unha reinterpretación do orixinario As Pigueiras.
Trátase dunha reinterpretación antiga, pois no Dicionario de Madoz (1840) xa figura co nome de "Espigueira" (sic).
En canto ao significado deste topónimo, considerando que pegueiro fai referencia a un vendedor de pez (‘substancia resinosa extraída do piñeiro e doutras plantas coníferas’, cf. Estraviz), As Pigueiras aludiría a un lugar onde se extraía pez ou, tratándose dun núcleo de poboación, á profesión dos seus antigos habitantes. Na toponimia galega son relativamente frecuentes O Pegueiro, A Pegueira, As Pigueiras, Os Pigueiros. Como nomes de poboación, o Nomenclator rexistra O Pegueiro (Ortigueira, A Co).
Como xa se indicou no artigo sobre Basanta, os apelidos son aínda máis conservadores que a toponimia, debido á súa fixación por escrito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario