domingo, 8 de maio de 2016

Collendo na Piaguda fóra dos piagos

Aínda non sendo este un artigo de toponimia, non  podíamos deixar a "piaguda" enterrada na lama. 
A piaguda, miñoca de mar, é nome común da Mariña luguesa para a Nereis diversicolorcoñecida como eficaz cebo para a robaliza e para o munxe.

O apelativo "piaguda", tan sonoro, semellaría a primeira vista relacionado con "piago", topónimo frecuente para ríos e zonas costeiras.

Un "piago" (tamén "peago", "pego"), do latín pelagus 'pozo',  é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río. Foi definido por Piel como "sítio fundo do mar ou de um rio" (PIEL, 1945) - Nos tempos dos teares e do liño, tamén eran chamados peagos os lugares onde mergullaban o liño).


Volvendo coa piaguda,  o sufixo -uda (latín -uta) é coñecido que actúa  xerando adxectivos aumentativos, tais como "narigudo" 'con moito nariz', "bicudo 'con moito bico', peludo 'de moito pelo', e así "barbudo, forzudo, teimudo e centos doutros. 

Piaguda, "Nereis diversicolor".
Cremos plausíbel supoñer unha forma adxectival latina *pediculuta  'con moitos peíños'. 
Xa que logo, "piaguda" viría de "(miñoca) piaguda", "miñoca con moitos pés". En efecto, unha das diferenzas coa  miñoca de terra é que a piaguda tén unha forma de "cempés".

A evolución tería sido pediculuta > peeguuda > peaguda > piaguda, coa perda do -d- e -l-  intervocálicos e sonorización do -t-, seguida pola disimilación -ee- > -ea- e finalmente un peche da vogal átona inicial (igual que con peago > piago). 

Finalmente, notar a existencia dun parente etimolóxico: piollo, do latín pedicŭlus,

--
 PIEL, J., 1945. "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945. 



3 comentarios:

  1. Onte entereime deste blog, lendo El Progreso, e dado que me gusta o tema dos topónimos, sin ser ningún entendido, pois hoxe mesmo fago a miña primeira visita.

    O meu comentario ten só como motivo sinalar que na Mariña luguesa, a PIAGUDA coñécese co nome de XORRA, efectivamente moi usada polos pescadores de cana para a captura de robaliza, sargo, ...

    Un saúdo e noraboa por regalarnos información sobre a nosa toponomia, tema esquecido, coma tantos outros, da nosa cultura.

    ResponderEliminar
  2. Onte entereime deste blog, lendo El Progreso, e dado que me gusta o tema dos topónimos, sin ser ningún entendido, pois hoxe mesmo fago a miña primeira visita.

    O meu comentario ten só como motivo sinalar que na Mariña luguesa, a PIAGUDA coñécese co nome de XORRA, efectivamente moi usada polos pescadores de cana para a captura de robaliza, sargo, ...

    Un saúdo e noraboa por regalarnos información sobre a nosa toponomia, tema esquecido, coma tantos outros, da nosa cultura.

    ResponderEliminar
  3. Ola Vicente,
    Moitas grazas polo teu comentario, é moi reconfortante ver que hai interese pola toponimia, e axúdame de motivación para continuar con este traballo.
    Con respecto a "xorra": si, tes toda a razón, "piaguda" posiblemente teña un uso máis restrinxido do que "xorra".
    Ademais deses dous apelativos, no dicionario de sinónimos atopamos outros como por exemplo "senrada", "serrada", "ensenrada". E, por suposto, os máis xerais de "miñoca" ou "mioca".
    Saúdos e grazas novamente!

    ResponderEliminar