sábado, 9 de novembro de 2013

O Balearte e os vascos


O topónimo "O Balearte" designa un illote na costa de Bares, no concello de Mañón. É un topónimo interesante pola súa especial morfoloxía: apenas se encontran poucos máis -arte na toponimia galega, alén de un Duarte e moitos Alemparte, que teñen explicación clara.

Para Balearte, podemos aventurar unha orixe un tanto extraña pero explicable: do vasco balearte, cun significado de 'entre as baleas'. Morfolóxica e semánticamente non ofrece problemas: o apelativo balea ten o mesmo significado en vasco que en galego. A terminación -arte, é a mesma que en topónimos como Mugarte 'terreo entre dous terrapléns' ou Lasarte 'terreo entre arroios'.

O significado de "entre baleas" encaixa ben, tendo en conta que Balearte é un illote, nunha costa na que abundaba no pasado a pesca da balea, e que esta pesca da balea foi iniciada na Idade Media polos vascos, que estableceron bases para esta actividade en todo o Cantábrico, incluíndo o porto de Bares.

Xa  desde 1286 hai documentada actividade baleeira no porto de Prioiro (Ferrol). Bares e San Cibrao  aparecen citados en 1291, e continúan coa actividade baleeira ata o século XVIII.
De Burela hai documentos ao respecto de 1527, de Nois, Rinlo no comezo do século XVII, e pouco despois Portocelo e Morás (1635), etc.
Nos primeiros tempos, do século XIII ao XV, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida maiormente por pescadores vascos. Desde a década de 1550 constátase en San Cibrao, Bares, etc, actividade baleeira local. 
A finais do século XVI os galegos tiñan desprazado totalmente ós baleeiros vascos.
Cf. aquí.


Tería, por tanto, unha orixe medieval, posiblemente dos séculos XV ou XVI.

Porén, tampouco se pode desbotar a procedencia do apelativo "baluarte", quer pola forma do illote ou por un significado metafórico de "amparo, defensa", tal como ocorre en varios topónimos "Baluarte" que atopamos en Cospeito, en Cambre, en San Sadurniño e en Ferrol.