xoves, 25 de abril de 2013

MALADAS, A MALATA, O MALATO, OS MALATES, MALATE


Estes topónimos teñen unha alta frecuencia na toponimia galega, e cremos teñen unha orixe múltiple, posiblemente tres orixes distintas segundo o caso.

Os topónimos "Malado",  "Malados", poderían significar colono, home libre que traballaba en terra allea. Os correspondentes en feminino ("Malada") e plural ("Maladas") virían de "terra malada", "terra alugada a colonos".
Na Idade Media, os colonos eran tamén chamados "malados" (cf. aquí) En el año de 1056 hubo un juicio en Galicia, por el cual puede deducirse el grande interés que se tomaban los patronos por las personas que tenían bajo su encomienda y protección. Un malado (mallatas) del conde D. Sancho, llamado Tedón, fué un domingo á Villamortaria, cerca del río Arnoya. Habiéndose embriagado, riñó con un siervo ó adscripto del monasterio de Celanova ...

A. Boullón indica o alcume "Malada" atestado en 1165, e indica tamén o significado análogo de 'individuo que está en situación de dependencia con respecto a outro', tal como indica D. Kremer (cf. p.293 de A. Boullón Agrelo, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

O termo "malado" tamén se rexistra no portugués con este significado, así como co de "maladia" (=lugar de malados). Cf. aquí.

Por outro lado, os termos "Malato", "Malate", "Malata", aínda que similar fonética, están relacionados, polo menos nalgúns casos, coa"malatía"  ("lepra"). Así se recolle no dicionario e tamén, para "Cruz do Malate" (Grañas do Sor).

Ademais das dúas acepcións anteriores, hai unha terceira, con tanto peso como as anteriores, que é a de teren unha orixe prerromana,  da raíz indoeuropea *mel 'aparecer, emerxer'. Esta é a hipótese, por exemplo, de F. Villar e B. Prósper (cf. p. 57 de F. Villar, "Vascos, celtas e indoeuropeos. Genes y lenguas"). Esta hipótese é bastante consistente, se temos en conta que encaixa coa morfoloxía requerida. En particular, revisando a toponimia galega, parece confirmarse coa existencia de moitas das combinacións típicas que se dan na hidronimia paleoeuropea, así temos os topónimos "Malante" (Illas Sisargas), co recorrente sufixo -nt-, "Malaña"  con -aña (< *-a-n-ya), "Maluro", "Mallón"(<*Mal-yo-one), etc.

Exemplos de topónimo con -d- están "Maladas" en Riobarba (O Vicedo) e en Covas (Viveiro), "Malados" na Barqueira, "couto de Malados" no concello de Cerdido.

Exemplos con -t- figuran "Os Malates" nas Negradas, en Foz ("Punta das Malates") e en Aranga,  e "Malate" nas Grañas do Sor e en Recemel (As Somozas); "As Malatas" existe tamén en moitos outros concellos galegos (Portocelo, Sumoas, Muras, Morás, Ourol), así como "Malato" en "Fraga do Malato"  en Muras, "A cova do Malato" (Grañas do Sor),  "A Malata" en Xuances,  na Capela, en Cedeira, en Doniños e en Serantes (Ferrol), "O Cal da Malata" en Bares.

En conclusión, talvez non sexa cuestión de elexirmos unha das tres interpretacións alternativas senón de elexir as tres: talvez a realidade sexa unha mestura das tres orixes: parece innegable a probabilidade da orixe prerromana, tanto morfolóxica como semánticamente soportada, e tamén parece evidenciada a orixe en ' enferm(o/a) de malattia' para outros casos. A de 'servos, colonos' está documentado como apelativo, e parece haber algunha en topónimo, como ocorre no caso do documentado "couto de Malados" no concello de Cerdido. Ese couto foi na Idade Media propiedade de Gómez Pérez das Mariñas. 


5 comentarios:

  1. Un pequeño inciso, en Grañas do Sor o Malate es una finca en la que antaño había una cruz de piedra, ahora desaparecida, dicha finca se conocía con el nombre de "Cruz do Malate" y la cruz era conocida también como "Cruz del Leproso", lo que da otro significado a la palabra Malate, se asocia a un mal a una enfermedad.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas polo interesante comentario, xa o puxen como hipótese alternativa. Xavier Moure recolle a mesma acepción en Maladas (Riobarba). Con todo, o topónimo pudo ter existido previamente, antes de producirse unha asociación popular do topónimo con este significado novo, unha vez se perdeu o significado orixinario.

    ResponderEliminar
  3. ¿Me podes mandar o teu correo?, quero facerche unhas preguntas

    ResponderEliminar
  4. Hola, boa tarde. O Couto de Malados é o nome antigo que tiña a parroquia de San Antón da Barqueira, que é do concello de Cerdido e non do de Ortigueira.

    ResponderEliminar
  5. Ola, moitas grazas polos teus comentarios, tes toda a razón, xa fica correxido. Tomara as referencias dunha páxina con erro.
    Saúdos e grazas de novo.

    ResponderEliminar