sábado, 18 de novembro de 2017

O Xistral

Illustration Meum athamanticum0.jpg
Meum athamanticum
(wikipedia)

O topónimo XISTRAL recólleo o Nomenclator en varios puntos da xeografía galega, entre outros en Muras, Cervo, Fene,  Sarria, Palas de Rei e en Pol.

O sufixo -al xa nos leva a interpretalo como un lugar onde abunda a "xistra". A complicación resulta das varias aceptións existentes para "xistra". E enfecto, se revisamos os distintos dicionarios de galego atopamos varias (DdD):

  • a planta "pirixel de monte", de nome científico Meum athamanticum
  • variante de "xostra", xota, vara delgada (daí o termo "xistrazo", golpe con vara delgada).
  • Vento frío do norte con ráfagas de chuvia e neve.

Navaza  inclúe o topónimo Xistral na súa obra de "Fitotoponimia galega", recollendo as tres interpretacións indicadas, aínda que sen se decantar por ningunha.

A hipótese de abundancial de "xistra" no sentido da planta meum xa fora dada por Sarmiento para este topónimo. Sarmiento menciona o topónimo Xistral como "Sistral" no século XVIII ("Acaso de ahí el monte Sistral" (Sarmiento, 1754).

Por outro lado, Corominas tamén analizou "xistra", aínda que na acepción de "vento frío" (cf. DCEH s.v. "hielo").

Unha revisión polo miúdo na toponimia do concello de Muras dános as chaves para  unha interpretación segura dabondo. En particular dous topónimos :
1)  "A Camposa da Xistra" (na Balsa). Sendo unha camposa, interpretar que tivese moito "meum" é doado, pois esa planta "é unha planta de pastizais, que moitas veces se atopa na pedra caliza, nos distritos montañosos de Europa Occidental e Europa Central. Por outro lado, unha camposa chea de xostras sería estraño.
2)  "Entrelosxistrás" (no Viveiró): un lugar situado entre xistrais é practicamente imposíbel interpretalo como que estea entre "conxuntos de ventos fríos".

Así, os dous topónimos permítennos, por descarte, concluír que a acepción máis probable é a de 'lugar onde abunda a xistra, o meum '.
Obviamente, non podemos asegurar que os demais "Xistral" teñan igual motivación, pero semella o máis probable.

Por outra banda, aínda que  E. Rivas recollese para "xistral" a acepción de "canteira de xistra ou lousa" (cf. Frampas), esta acepción atestouna soamente en Terra de Queixa (Ourense), relativamente lonxe de Muras, polo que cremos non aplicable.

Hai un dicionario que tamén recolle para "xistra" outra planta, a chamada cancereixo ou capudre, Sorbus aucuparia (Losada, 1992). Non estando en ningún outro dicionario, entendemos que é unha acepción pouco estendida e, por tanto, debemos descartar que aplicase a todos os Xistrais mencionados.

Finalmente, Cabeza Quiles  interpétaa como variante de "Xestal" (cf. p. 437, F. Cabeza, 2000.), con -r- reforzatoria non etimolóxica. Porén, xa Sarmiento no século XVIII  como "Sistral", para abandonar esta hipótese. Tamén Piel (1968: 183) considerou a posibilidade dunha antiga forma *geněstra (cf. J. M. Piel, 1968. " Beiträge zur spanischen und portugiesischen Phytotoponomastik").

-----------
Cabeza , F., 2000. "Os nomes da terra: topónimos galegos"
Losada, E. et al., 1992. "Nomenclatura vernácula da flora vascular galega"
Sarmiento, F., 1754-1758. "Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables", ed. de J. L. Pensado (1986).