domingo, 22 de decembro de 2024

A orixe do apelido Pigueiras

 Segundo o CAG, o apelido Pigueiras concéntrase principalmente na Mariña Occidental e no Ortegal, sendo especialmente frecuente no concello do Vicedo, onde parece ter a súa orixe. Pola forma e significado do apelido, todo indica que procede dun antigo topónimo, aínda que, curiosamente, o Nomenclátor non recolle actualmente ningunha poboación co nome de Pigueiras.



Por sorte, a historia deixa pegadas: no chamado Real de Leigos do Catastro de Ensenada para Rio Barba (entre os anos 1762 e 1764), atopamos polo menos tres casas situadas no lugar das Pigueiras (consultable en PARES). 



Resulta cando menos sorprendente que un núcleo habitado hai 250 anos poida desaparecer por completo, ata o punto de non perdurar nin como microtopónimo.


A resposta está no propio Nomenclátor, se reparamos na existencia dun núcleo de poboación en Río Barba (O Vicedo)  denominado Espigueiras. Este nome non é máis que unha reinterpretación do orixinario As Pigueiras, que acabou mudando probabelmente entre finais do século XVIII e comezos do XIX. De feito, xa no Dicionario de Madoz de 1840 figura rexistrado como "Espigueira".

Sobre o significado, As Pigueiras alude a un lugar onde se obtiña a pez 'substancia resinosa extraída do piñeiro e outras coníferas' (Estraviz). Estas pegueiras consistían nun tipo de foxo ou forno de adobe, onde se fundía a resina dos piñeiros e doutras árbores (cf. Documental).

Na toponimia galega atopamos con frecuencia nomes como O Pegueiro, A Pegueira, As Pigueiras ou Os Pigueiros —o Nomenclátor, por exemplo, rexistra O Pegueiro en Ortigueira, que, como o resto de formas en masculino, seguramente aluda ao oficio dos seus antigos habitantes.

Unha vez máis, vese outra mostra de que os apelidos tenden a conservar formas máis antigas ca a propia toponimia, xa que se fixaron por escrito moito antes e quedaron, así, “fosilizados” na lingua.

Ningún comentario:

Publicar un comentario