Por outra banda, os dicionarios rexistran para "galleta" a acepción de "forcada", e para "gallo" a de "rama ou pau bifurcado", derivándoos do latín vulgar galleu 'a modo de galla do carballo' (cf. DCECH). Ás veces danse interpretacións destes topónimos neste sentido de "bifurcación", o cal non cremos que sexa o caso en xeral, senón que cremos seren derivados da raíz prerromana supradita.
Se reparamos nos topónimos "A Galleta", fixámonos que todos eles se rerefen a lugares rochosos na costa. Así, atopamos "A Galleta" en Burela, Arteixo, e varios en Ferrol e en Ribeira, onde tamén aparece "As Galletas". Alén diso, atopamos un "Os Galletos" en Cariño; en Cedeira atopamos unha parella de pequenos illotes costeiros chamados "A Moura dos Gallos" e "A Cuncagada dos Gallos".
O Galleiro (Vigo) |
Xa menos frecuentes, novamente correspondendo a lugares rochosos costeiros, encontramos "O Gallín" (Ribadeo), "Ronca das Gallas" (Burela), e talvez tamén "As Nigalliñas de Terra" (O Grove).
Xa pasando a lugares terra adentro, atopamos outra serie de topónimos que non encaixan nun significado de "bifurcación", tais como "O Penedo dos Gallos" no Páramo, o "Monte Gallo" (Palas de Rei), cun penedo claramente visible. Así mesmo, están "O Coto Gallado" e "O Coto Galludo" en Lousame, "A Gallosa" (Oza dos Ríos) co sufixo abundancial, "Os Galliños" (Muras) nunha zona de monte con penas, o mesmo que "O Chao dos Galleiros" en Muíños, así como "O Galleiro" en Vigo, etc.
Outros topónimos como "O Gallete", "O Gallón" e "Os Gallós",en Muras, igual que "O Rego Galludo" (Ambosores) que tén un compañeiro "As Gallas do Rego" en Xermade. Todos eles semellan esta mesma orixe, mais non temos confirmación visual.
O mesmo ocorrería, polo menos nalgúns dos casos , cos frecuentes topónimos "Galiñeira" (encontramos polo menos 26 en Galicia), "Galiñeiro", "Galiña", como é o caso do cantil rochoso "Punta Galiño" (Xove) e "O Petón do Galiñaceiro" en Muros.
Non pasamos sen mencionar "Callaecia" ou "Porto Cale", aos que se lle atribúe a mesma orixe, así como Callón (en Laracha e en Mañón) e Callobre en Miño (cf. e.g. Cabeza Quiles, "A Toponimia de Galicia", 2014).
É interesante reparar que se conserva viva a versión asturiana destes nomes: X. L. García Arias identificou gayu 'saliente rochoso', que tería a mesma orixe e significado (cf. aquí). Hai tamén un "La Gayuda", uns penascos costeiros perto de Xixón, para a que non concordamos coa interpretación de referilos ao animal gayu 'galo' (cf. aquí).
Por outro lado, si que semellan ter unha etimoloxía latina todas ou parte das múltiples "Pena Gallada", nun senso de "fendidas, partidas en dúas" - sería preciso confirmar visualmente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario