sábado, 27 de setembro de 2025

A Gatariza ou A Cateriza ?

 A Gatariza é unha poboación da freguesía das Negradas (O Vicedo). A súa interpretación etimolóxica presenta complexidades que invitan a superar as explicacións máis directas.

A interpretación semántica tradicional

A hipótese tradicional deste topónimo ten sido a de "lugar onde se xuntan os gatos" (ben o gato montés, ben a garduña). Esta interpretación foi defendida, por exemplo, por Elixio Rivas Quintas (cf. E. Rivas, 2007. "Natureza, Toponimia e fala").

En efecto, a análise morfolóxca permitiría interpretar o topónimo como presentando o sufixo -iza, do lat. -icea, co infixo -r- con valor conectivo. Trataríase dun mecanismo derivativo ben presente na toponimia,  como Abellariza, Cabalariza, Cabreiriza, Vacariza, Ovellariza, Cocheriza, Porcariza ('cortello'), ou Rateriza ('abundancia de bichos'). Tamén Villariza e Villarizas deben provir de Abellariza ('colmeal').

Obxeccións á interpretación zoomórfica

No entanto, esta lectura presenta dificultades estruturais:

* Singularidade tipolóxica: Gatariza constitúe un unicum dentro da toponimia galega, sen paralelos documentados noutras áreas do dominio lingüístico.

* Diverxencia fonética: a forma viva na fala é Cateriza, non Ghatariza. Nunha zona de gheada esperariamos esta última realización se o étimo fose efectivamente Gatariza.

* Inadecuación referencial: o espazo xeográfico designado non presenta as características orográficas nin ecolóxicas dun hábitat natural propicio para gatos feros ou garduñas.

Estes problemas convidan a explorar vías interpretativas alternativas.

A hipótese de nome de posesor

Unha explicación máis consistente semella ligar o topónimo coas formacións toponímicas construídas a partir de antropónimos xermánicos rematados en -ricus (< protoxermánico rīkz 'rei, señor').

Estes antropónimos aparecen sistematicamente na documentación notarial altomedieval cunha forma xenitiva latina en -rici para expresar a posesión da uilla (unidade de explotación agrícola). Este mecanismo derivativo deu lugar a formacións toponímicas en -iz , moi frecuentes na toponimia galega. Así, a modo de exemplo, o Nomenclátor rexistra Gomariz (< Gomarici), Beariz (< Viarici), Baldriz (< Balderici), Xavariz (< Sauarici), Gondriz, Gundriz (< Gunderici), Guitiriz (< Uitterici), Xerdiz (< Seserici).

Ademais da evolución anterior, dáse unha solución alternativa -ice > iça > iza, atestado para o topónimo A Covariza (Friol): Nicandro Ares atopouno documentado no ano 1019, como villa Queirici (xenitivo de Quedericus):

     "in valle Nallare, villa Queirici" (TSO 1 115)

A esta solución alternativa pertencerían unha serie de paralelos estruturais presentes na toponimia galega: Gomariza (< Gomarici), Beariza (< Viarici), Baldariza (< Balderici), A Esmorisa (< Ermorici),  Xabariza (< Sauarici). 

A esta serie poderían pertencer tamén  unhas terras A Sariza (Viana do Bolo), que poden esconder un *Ansariza < Ansarici, así como outros casos nos que se debe tratar dun plural secundario: As Carizas (Dumbría) debe esconder unha falsa segmentación de As-carizas (< Ascarici) a partir dun Ascariza. Do mesmo modo, As Xarizas (Santiso) < Axariza < Anxariza < Ansarici, e As Parizas (Fene) de Espariza (< Esparici), ou As Gorizas (Ribadeo) dun Goiriza (< Goderici). 

Tamén debe ser o caso de Artariza (<*Artarice < Artarici xenitivo de Artaricus, do  proto-xermánico *Hardarīkaz) en Lourenzá.

Non debe ser o caso de Gandariza, que debe tratarse dunha "(terra) gandariza" 'con características de gándara', máis que de Gunderici. Igualmente Chafarizas debe tratarse do plural de chafariza 'fonte' máis do que provir de Sauarici.

Interpretación para A Gatariza

Seguindo este modelo interpretativo, A Gatariza, ou máis ben a forma común na fala "A Cateriza", remontaría a unha base altomedieval Guetirice ou Quetirice, a partir dunha primitiva uilla Uittirici; ou sexa, "a granxa de Uittericus".

O antropónimo xermánico Uittericus integra ben na onomástica persoal da época e explica topónimos análogos como Guitiriz ou o portugués Quetriz (distrito de Viseu) u Betrigo (Viveiro). 

Na evolución fonética -rice > -riça > -riza puido estar presente a ultracorrección do topónimo fronte ao fenómeno da relaxación da terminación vogálica (moi frecuente na toponimia, cf. e.g. Edrada > Edrade, *Casateita > Casateite,..). Deste modo, a evolución sería Quitirice> Queterice > Queteriza > Catariza > A Catariza.

Poderíamos pensar nunha explicación alternativa, a partir dunha formación moi común na toponimia galega, consistente no paso a unha forma feminina para adxectivar as terras dunha persoa. Así As Martizas ← "As terras de Martiz". Deste modo, A Cateriza ← *A terra de Quitiriz. Porén, o apelido Quitiriz ou similar non está presente, nin hai ningún topónimo Quitiriz ou similar na zona que puidese dar lugar a un alcume detoponímico, polo que esta alternativa semella descartábel.

Consideracións complementarias

Cómpre sinalar que o sufixo -iza adquire por veces valor abundancial aplicado a fitónimos: Aviariza, Nabariza, Fabariza, Pomariza, Trigariza, Salgueiriza, Ameneiriza, Silveiriza, Hortariza, Pastoriza. Porén, resulta improbábel que Gatariza aluda a unha hipotética abundancia de "herba gateira" (Nepeta cataria) ou valeriana.

Cabo

A análise da Gatariza ilustra como a reinterpretación semántica popular pode enmascarar orixes etimolóxicas complexas. O que aparenta ser un sinxelo topónimo zoomórfico revela, após unha análise polo miúdo, unha posíbel orixe antroponímica ligada á organización territorial altomedieval. 

É igualmente significativo o influxo que un escriba puido ter á hora de fixar a forma estándar dun topónimo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario