1.
Introdución
O apelido Basanta, común na Mariña luguesa, deu orixe a varios topónimos e microtopónimos, mentres que Basante, menos frecuente, parece estar relacionado.
A súa análise detallada, ata agora pouco abondosa, resulta de notable interese toponomástico polas súas singulares características formais.
2.
Os topónimos Basanta(s)
e Basante(s)
Na toponimia galega rexístranse uns 20 Basanta(s) e 5
Basante(s), a gran maioría microtopónimos, mais tamén hai dúas poboacións:
·
Basante (Magalofes, Fene, A Co)
· A Basanta (A Pedra, Cariño, A Co)
3.
Análise xeográfica
e semántica
A distribución xeográfica dos topónimos Basanta e Basante non amosa padróns relacionados con elementos da paisaxe nin con restos arqueolóxicos.
A metade dos microtopónimos inclúe a forma "de/do Basanta/e", o que apunta a unha posible referencia ao apelido dun posesor. Ademais, os termos "basanta" e "basante", así como as variantes "vasanta" e "vasante", non constan recollidos nos dicionarios galegos nin portugueses.
4.
Distribución
dos apelidos Basanta e Basante
O apelido Basanta está distribuído maiormente polo norte da provincia de Lugo, en particular na Mariña e nas comarcas veciñas. Os datos do CAG apuntan claramente a que o foco do apelido estivo no concello de Cervo.
Os datos do INE, confirman que a maior frecuencia do apelido Basanta dáse na prov. de Lugo.
Tamén están atestados como Vasanta e Vasante, respectivamente. É de notar ademais a existencia dos apelidos Basantas e Basantes, que deben ter a mesma orixe, aínda que son moi infrecuentes e non están rexistrados no CAG.
5.
Rexistros
documentais
Como apelido, aparece rexistrado
Basanta no séc. XIII:
[...] filia que fui de Petro Basanta et Vrraca Furtuniz, [...] -- ano 1240
Tbo. de Lourenzá (CODOLGA)
En 1398 aparece novamente o apelido Basanta nun aforamento na freguesía de Santo Adrao de Lourenzá (cf. PARES).
[...] Vaasco Afonso, Fernan
Vasanta, coengos [...] a. 1425 (CODOLGA)
[...] domno Fernando Basanta , archidiacono de Abiancis [...] a. 1458 (CODOLGA)
No caso do apelido
Basante, este non aparece ata o séc. XV, en Pontevedra:
[...] Gonçalvo de Meira, carniçeiro, e Juan Basante, carpinteiro.
[...] -- ano 1433 (GMH)
6. Interpretacións posíbeis destes topónimos
Existen varias teorías sobre o orixe do apelido Basanta, aínda que sen moito apoio factual.
Coromines (1999) suxire que o apelido provén do País Vasco ou Navarra, aínda que con reservas, xa que non se atopa rexistrado por Mitxelena (1973). No entanto, esta hipótese non se axusta aos atestamentos dos séculos XIII e XIV, todos documentados en Galicia.
Tamén podemos
descartar que a orixe fose nun Basante formado a partir dalgún nome de posesor[1],
xa que Basanta, e non Basante, foi a forma orixinaria, tal como se comproba cos atestamentos antigos indicados. Basanta é, ademais, a forma maioritaria.
Considerando
os datos das seccións anteriores, así como outros datos xeográficos que
comentaremos de seguido, consideramos máis probabel que Basanta e Basante deriven de “Aguas Santas”, que evolucionaría para
*Abasantas e de aí con deglutinación para Basanta.
En efecto, o paso Augas
Santas > *Abasantas sería análogo aos ben atestados de Santa Oalla >
Santa Balla ou San Ioane > Seivane. Outro exemplo na toponimia é o de Malvas (Tui,
Po), documentado nas diferentes fases
evolutivas: como Malones, Maloes ou Malloas [2].
Tamén na antroponimia de orixe xermánica atopamos varios exemplos: Bustarvelle (< BUSTU ARUILDI) (HGN 18.4), Geloira > Elvira, Aloytus > Alvito, etc.
Xa desde *Abasantas, a deglutinación en "A Basanta" é caso análogo ao que aconteceu con Agrela > A Grela ou Ogrobe > O Grove[3], unha reinterpretación como artigo. O paso á forma en singular é tamén común para regularizar co artigo. Para o caso de Basante, a súa evolución a partir de Basanta tamén é explicábel facilmente, por influxo do frecuente sufixo -ante(s).
Esta hipótese tamén encaixa do punto de vista xeográfico: segundo os datos do CAG, todo apunta a que o apelido Basanta tería orixe no concello de Cervo (Lu), que é onde se atopa o lugar d’As Augas Santas, na freg. de Rúa. Pola súa parte, Basante ten pouca frecuencia para definir unha orixe clara no CAG, pero encaixaría que fose en Augasantas, no concello de Rois (A Co), un dos dous concellos nos que ten presenza ese apelido.
7.
Conclusións
Canto á orixe dos
topónimos, remiten ao apelido do posesor do
lugar.
Este estudo amosa tamén como os apelidos, pola súa fixación por escrito, son mesmo máis conservadores que a propia toponimia; neste caso, o apelido Basanta chegou a volverse opaco.
Por outro lado, non é doado precisar se a evolución Augas Santas > Basanta afectou unicamente ao apelido ou tamén ao topónimo, e o lugar se chamou Basanta, pero non quedou rexistrado. Poida que a vinculación destes lugares de Augas Santas ao culto relixioso, e por extensión aos rexistros da Igrexa, favorecese a conservación da forma orixinaria, prevalecendo sobre a evolución formal cara a Basanta.
[1] Tal como aconteceu con Espasante < (uilla) Spasandi.
[2] Cf. (MARTÍNEZ, P., 2018: 30).
[3] Algúns sufriron unha fase
seguinte de deturpación castelanizante, como debeu ser o caso de Lagarea (Ortigueira) < La Garea
< A Garea < *Agaree < (uilla) Dacaredi, do nome de posesor de orixe xermánica Dacaredus (HGNB 63.6).
Lagarea non ven de lagar?
ResponderEliminarDo lagar dos dominicos do Convento de Santa Marta?
Outro mito caído!!
Grazas polo comentario!.
EliminarÉ verdade que a primeira tentación é de interpretalo como derivado de lagar, pero non semella ser o caso. No blog de Toponimia de Ortigueira xa podes atopar a explicación detallada. https://toponimiaortigueira.blogspot.com/2017/03/toponimia-maior-de-ortigueira.html
saúdos