sábado, 27 de abril de 2013

E se Mogor NON viñese de Monachorum ?


Existen dous "MOGOR" moi coñecidos: un no concello de Mañón e outro no de Marín, Pontevedra, onde os "labirintos". Porén, non son os únicos existentes, e se facemos a análise de todos eles podemos extraer
algunhas conclusións de interés.

Hipótese latina
Do "Mogor" de Mañón consérvanse varios documentos medievais :
  • Nun documento de 912 é citado, en latín, como" .. ecclesiam sancte Marie de Monacorum et villas que in giro sunt .."
  • Nun documento de 1156 é citado "et cautum de Moogorum et de Uaris "
  • Ese documento é reproducido en varias ocasións posteriores, como en 1194  "cautum de Moagorum & de Baris" (cf. E. Florez "España Sagrada"). 
En vista dos supraditos documentos, semella que nos atopamos front da evolución usualvía a perda do -n- intervocálico, dun étimo Monachorum, xenitivo plural de monachum  "monxe". Ou sexa, "cautum Moagorum" sería o "couto dos monxes", sendo un dos poucos exemplos desta conservación da terminación do caso xenitivo plural -orum. Corominas incluso apunta o caso de Manacor (Baleares) como outro topónimo desta orixe.

Ademais, en Mogor de Mañón  hai un pequeno convento actualmente (incluso hai unha "fonte da frádiga", ver aquí).


Logo ... todo claro? Coidamos que non, por varias razóns:

1) Semella moi raro que apenas se preserve para estes topónimos a orixe nun xenitivo plural latino -orum . Cal sería a razón para non existiren máis topónimos relacionados, tendo en conta a abundancia de conventos existentes, así como de leiras, fragas e montes pertencentes a tales conventos ?. Cal sería a razón para  conservar o xenitivo plural latino apenas neste caso e non noutros tipos de posuidores?.

2) Todos os Mogor están situados na costa, non somente os dous anteriores senón os outros tres, non é isto moita casualidade?

3) Moitos dos "Mogor" están localizados en sitios improbables para un convento ou irrelevantes para seren referidos como propiedade dun convento:
  • Á procura de máis Mogor, atopamos "O Mogor de Fóra" e "O Mogor de Terra" en Pantín, Valdoviño. Son dous accidentes costeiros, dous cantís. É moi improbable que houbese un convento alí, nun sitio a rentes do mar, nuns "escollos". Tampouco parece relevante que fosen posesións dos monxes, polo seu baixo valor. Por certo, a presenza do artigo nestes dous topónimos dános a indicar un antigo uso de "mogor" como apelativo, desbotando a posibilidade de seren xenitivo plural.
  • Existe a "Punta de Mogor" en Pontevedra.
  • Existe outro Mogor en Sebardes (cf. aquí)


Visto o anterior, semea improbable a orixe en "monachorum", e parece que os rexistros do topónimo tanto  Monacorum como Moagorum poden ter sido simplemente unha errónea latinización do nome real, talvez dun *monagor, *maugor ou algo polo estilo. O escriba, rexistrou "monachorum" en base a unha falsa interpretación do termo ("interpretatio latina").


Hipóteses prelatinas
Unha hipótese alternativa sería a de topónimo prerromano, relativo a lugar alto ou cantil rochoso.
Topónimos aparentemente relacionados, tanto no significante como no significado, serían os topónimos "Os Mogotes da Gabeira", en Cedeira e en "Os Mogotes dos Aguillós", en Cariño (obviamente), que corresponden a pequenos cantís costeiros, en illotes. 

Cabeza Quiles propón unha base *mok- ou *muk-, "prominencia, altura" e sobre ela explica os dous Mogor galegos máis coñecidos. A vila de Mugardos tamén, talvez, podería ter unha raíz similar (non contrastado). 
Porén, parece improbable que o escriba escribise Monacorum sendo a pronuncia "Mogor", e levase a "interpretatio latina" tan lonxe incluíndo un -n- inexistente. Ademais, a forma rexistrada supradita "moagorum" parece confirmar unha queda de consoante intermedia, posiblemente un -n-.
Como topónimos talvez relacionados podemos citar tamén "Magoira" en Cedeira, e hai un "Penamacor" (tamén transcrito na Idade Media como "Penamocor"). 

Como comentamos xa, semella improbable unha orixe en *mok- sendo que se rexistra monacorum, é improbábel que o escriba "latinizador" incluíse unha sílaba -na- inexistente, o cal parece confirmarse coa forma supradita "moagorum". Por tanto, cremos que é preciso procurar outra raíz prelatina distinta. 
Tendo en conta o anterior, e observada a situación dos  topónimos "Mogor" e "Mogotes",  talvez fose plantexable unha orixe na forma indoeuropea *men- ‘elevarse’, presente en linguas celtas (e.g. córn. meneth, bret. menez ‘monte’, dunha protoforma *mony-yo). 


------
Dado que non vemos relación coa raíz mok-, non mencionamos o peixe "mógaro", tamén chamado "zátaro" (ambos co sufixo celto-latino -aro). Tampouco comentamos o termo sardo mògoro "mota, altura, colina baixa", que relacionan (Pallottino) co albanés magul e co derivado romeno magura 'colina isolada; bosque en sitio alto',  que hai quen relaciona co vasco mokorr 'mota' (cf. aquí)




xoves, 25 de abril de 2013

MALADAS, A MALATA, O MALATO, OS MALATES, MALATE


Estes topónimos teñen unha alta frecuencia na toponimia galega, e cremos teñen unha orixe múltiple, posiblemente tres orixes distintas segundo o caso.

Os topónimos "Malado",  "Malados", poderían significar colono, home libre que traballaba en terra allea. Os correspondentes en feminino ("Malada") e plural ("Maladas") virían de "terra malada", "terra alugada a colonos".
Na Idade Media, os colonos eran tamén chamados "malados" (cf. aquí) En el año de 1056 hubo un juicio en Galicia, por el cual puede deducirse el grande interés que se tomaban los patronos por las personas que tenían bajo su encomienda y protección. Un malado (mallatas) del conde D. Sancho, llamado Tedón, fué un domingo á Villamortaria, cerca del río Arnoya. Habiéndose embriagado, riñó con un siervo ó adscripto del monasterio de Celanova ...

A. Boullón indica o alcume "Malada" atestado en 1165, e indica tamén o significado análogo de 'individuo que está en situación de dependencia con respecto a outro', tal como indica D. Kremer (cf. p.293 de A. Boullón Agrelo, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

O termo "malado" tamén se rexistra no portugués con este significado, así como co de "maladia" (=lugar de malados). Cf. aquí.

Por outro lado, os termos "Malato", "Malate", "Malata", aínda que similar fonética, están relacionados, polo menos nalgúns casos, coa"malatía"  ("lepra"). Así se recolle no dicionario e tamén, para "Cruz do Malate" (Grañas do Sor).

Ademais das dúas acepcións anteriores, hai unha terceira, con tanto peso como as anteriores, que é a de teren unha orixe prerromana,  da raíz indoeuropea *mel 'aparecer, emerxer'. Esta é a hipótese, por exemplo, de F. Villar e B. Prósper (cf. p. 57 de F. Villar, "Vascos, celtas e indoeuropeos. Genes y lenguas"). Esta hipótese é bastante consistente, se temos en conta que encaixa coa morfoloxía requerida. En particular, revisando a toponimia galega, parece confirmarse coa existencia de moitas das combinacións típicas que se dan na hidronimia paleoeuropea, así temos os topónimos "Malante" (Illas Sisargas), co recorrente sufixo -nt-, "Malaña"  con -aña (< *-a-n-ya), "Maluro", "Mallón"(<*Mal-yo-one), etc.

Exemplos de topónimo con -d- están "Maladas" en Riobarba (O Vicedo) e en Covas (Viveiro), "Malados" na Barqueira, "couto de Malados" no concello de Cerdido.

Exemplos con -t- figuran "Os Malates" nas Negradas, en Foz ("Punta das Malates") e en Aranga,  e "Malate" nas Grañas do Sor e en Recemel (As Somozas); "As Malatas" existe tamén en moitos outros concellos galegos (Portocelo, Sumoas, Muras, Morás, Ourol), así como "Malato" en "Fraga do Malato"  en Muras, "A cova do Malato" (Grañas do Sor),  "A Malata" en Xuances,  na Capela, en Cedeira, en Doniños e en Serantes (Ferrol), "O Cal da Malata" en Bares.

En conclusión, talvez non sexa cuestión de elexirmos unha das tres interpretacións alternativas senón de elexir as tres: talvez a realidade sexa unha mestura das tres orixes: parece innegable a probabilidade da orixe prerromana, tanto morfolóxica como semánticamente soportada, e tamén parece evidenciada a orixe en ' enferm(o/a) de malattia' para outros casos. A de 'servos, colonos' está documentado como apelativo, e parece haber algunha en topónimo, como ocorre no caso do documentado "couto de Malados" no concello de Cerdido. Ese couto foi na Idade Media propiedade de Gómez Pérez das Mariñas. 


Río SOR - posibeis etimoloxias

A etimoloxía do topónimo Sor, como a da maioría dos demáis "ríos maiores", remóntanos á prehistoria.

A "Sor" élle asignada unha orixe prerromana, paleoeuropea, derivada da raíz indoeuropea *ser-, cun significado de "fluxo, corrente" (cf. p. 40 de E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega")
Hai quen apunta unha orixe no proto-indoeuropeo *seu- ('virar' IEW: 2741) - relacionado co lituano siaũras (*seu-ro-) 'estreito'. 

A mención máis antiga é do ano 747, co nome SaureEís todas as mencións recollidas para o río Sor: 


"ripa Saure, sancte Marie de Saure" 747, "in Saure ecclesiam S. Marie" 897, "Ripa de Saur" 897, "Sauris" 916, "in Saure" 998, "aqua de Saur" 1092, 1099, "in face Saure" 1095, "usque in finem Sauri" 1103, "usque in Sauri" 1110, "ripa de Saur" 1120, 1160  "flumen Saurium" 1128, "S. Michael de Sauro" 1128, "inter ambos Souros, et per aquam de Sor" 1225, 1227; "entre ambolos Sores" 1305 (cf. Bascuas)

Tería por tanto evoluído: Saure > Saur > Sour > Sor, seguindo a evolución normal, incluíndo o paso /ou/>/o/ : cando o diptongo [ow] é trabado por una consonante homosilábica, esta tende a provocar a monoptongación (cf. P. Martínez Lema aquí).

Tamén se rexistra, e.g. en 1688, a transcrición "Sol", "Riveras del Sol", o cal pode apontar a unha vacilacion Sor/Sol na pronuncia (fenómeno común) ou ben descoñocemento do escriba ao asocialo a un nome similar coñecido (cf. aquí). 

Existe outro rio "Sor", afluente do rio Sorraia, en Portugal.

mércores, 24 de abril de 2013

domingo, 7 de abril de 2013

Punta de PREGUNTOIRO (SAN FIZ, MAÑÓN)



PREGUNTOIRO é unha pequena "punta" trazada polos meandros do río Sor, na parroquia de San Fiz, Mañón. Preto desta punta acredítase a antiga existencia dun castro, do que parece ficar aínda vestixios.

Do cuestionamento da orixe e motivación deste topónimo, lévamos a unha posible interpretación para máis dunha ducia de ocorrencias en Galiza e en Portugal.

Algunhas ocorrencias de Preguntoiro e Preguntouro

É interesante observar a frecuencia deste topónimo en Galiza, moitas veces en topografías relacionadas con "promontorios", ao borde do mar ou na ría:
  • "Preguntoiro" en San Miguel de Reinante,  
  • En Sanxenxo outro "Preguntoiro", tamén nunha pequena península. 
  • "O Preguntouro", unha península en Beluso (Bueu).
  • "A Chan do Preguntouro", en Donón, Cangas. Neste sítio, un rechán á beira dun promontorio mariño, tería habido un asentamento do Calcolítico. Cfr. aquí.
  • Praia de Preguntoiro en Vilaxoán.
Por outro lado, outros Preguntoiro atópanse no interior, co cal a hipótese de "promontorio" parecería que se eslúe.

Como curiosidade, indicar que o dicionario de Filgueira Valverde (1926) define Preguntoiro como Lugar donde se publicaban los pregones". Aínda que encaixe para o caso do de Santiago, resulta complicado crer que os pregoeiros fosen a lugares deshabitados a dar pregóns.


Interpretación en base ao padrón que seguen as diferentes localizacións

A observación dos distintos Preguntoiro, incluíndo as variantes Preguntoira, Preguntouro e Preguntoiros, Perguntouro lévanos a varias conclusións:

  • Non se circunscriben a unha área determinada, senón que aparecen por toda a xeografía galega. Así mesmo, atopamos un Perguntouro en Portugal
  • a gran maioría destes topónimos levan artigo, sinal de que debeu ser un apelativo común nalgún momento do galego
O estudo pormenorizado da localización de todos os topónimos "Preguntoiro" coñecidos, así como das variantes Preguntoira, Preguntouro e incluso un portugués Perguntouro, revélanos que dos dezaseis identificados, trece deles 
aluden a un saínte de terra que "entra" na auga, tanto os saíntes costeiros ou na ría, como aquelas penínsulas que conforman as confluencias de dous ríos ou ben nalgún caso meandros pronunciados. 

En resumo: preguntoiro = "saínte" de terra na auga, ben por dar ao mar ou á ría, ou ben por ser o río o que rodea o lugar conformando o lugar como "saliente".

Os detalles disto dámolos no fondal deste artigo.

A etimoloxía

Volvendo á etimoloxía, poderíamos pensar que proveñen de "promontoiro" (latín promontorium) e ter mudado debido á "etimoloxía popular". Así, existe un "Punta Promontoiro" en Cedeira e outra na Cabana (Ferrol). No entanto, é pouco probable a coincidencia da mesma deturpación en tantos "preguntoiro"e que xa na Idade Media tivesen derivado todos eles para "perguntoiro".

En efecto, algúns deles xa están atestados como "Perguntoiro" ou Priguntoiro desde moi antigo. O "Preguntoiro" de Santiago é rexistrado co nomes "Precuntorio" en 1149, "Preguntorio" en 1215 e 1260,  "Priguntorio" en 1233 (cfr. ITGM).  En  1261 rexístrase un "Preguntoyro" doado ao bispado de Mondoñedo, talvez o de S Miguel de Reinante.

Buscando un pouco, aínda que non atopamos nada nos dicionarios de latín ao uso, si se atopa en Du Cange que recolleu no latín medieval unha voz que encaixa perfectamente:
        PRÆCUTORIUM, f. Promontorium. Carpesanus Comment. suorum temporum apud Marten. tom. 5. Ampl. Collect. col. 1253

A evolución præcutorium > preguntoiro é case a normal no galego, excepto o engadido do -n-, por irremediable reanálise por asociación a "pregunta", e de aí o mantemento do t ao non quedar xa intervocálico.

Para o topónimo "Preguntoira", podemos pensar nunha forma de colectivo, de varios preguntoiros, igual que tamén existe o lugar "Os Preguntoiros".

Semanticamente, estaríamos fronte a unha extensión da aplicación do termo, pasando "terreo que entra na auga", ben na do mar ou ben na do río.

 == Apéndice: Detalles das localizacións ====
Tres están dan nome claramente a salientes costeiros
  •   A Veiga de Preguntoiro (Reinante, Barreiros - Lu),
  •   Punta do Preguntouro (Cangas - PO)
  •   O Preguntoiro (Porto do Son  A Co)    
Dous tamén dan nome claramente a salientes costeiros, pero dentro da ría:
  •  A Punta do Preguntoiro (Mañón- A Co), saliente na confluencia entre a ría e o río Sor
  •  O Preguntoiro (Foz), na punta da confluencia entre os rios centiño e Masma

Un ten situación incerta pero probablemente se tratase dun saliente:
  •  Priguntoiro na Vila de Ortigueira, atestado no século XV. Desde este lugar, un barqueiro provía pasaxe para o outro lado da ría. É probable que fose un saliente de modo que o traxecto fose o máis curto posible.

Cinco fican en salientes de terras formados pola confluencia de dous ríos ou regatos:

  • O Preguntadoiro (Somede, As Pontes -A Co), nun meandro do Eume, medio pechado polo rego do Cabalar
  • Preguntoiro (As Cortes, Paradela -Lu), situadas no medio dunha confluencia de ríos, forma un pico, aínda que o toponimo concreto non está situado no mesmo pico
  • A Preguntoira (Ribas de Miño, Páramo - Lu) , preto do Miño, nunha zona que fai certo saínte, entre a desembocadura de dous regatos
  • Rego do Preguntoiro (Xudán, A Pontenova -Lu) - desauga no rego de Xudán
  • Os Preguntoiros (Capela, A Capela - A Co) - preto da confluencia entre o río Teixido e o Eume

Dous casos que non son confluencia de ríos pero situados no interior dunnha curva pronunciada (meandro) do río, creando unha percepción similar:
  • O Preguntoiro (Rebordechán, Crecente - Po), nun meandro pronunciado (aínda que non refire á mesma punta do meandro)
  • Fonte do Perguntouro (Portugal), nun meandro pronunciado do río Sousa.
Finalmente tres incertos
  • O Preguntoiro (Ortoá, Sarria - Lu) - terras non lonxe dun río, con meandro pouco pronunciado, non hai confluencias
  • O Preguntoiro (Orizón, Castro de Rei - Lu) - non moi do río. Non hai meandro, aínda que conflúen dous ríos non moi lonxe
  • Rúa do Preguntoiro (Santiago) - está nunnha parte máis elevada pero descoñezo a situación de regatos orixinaria.





Pena da CATAVERNA: posibles etimoloxías

Pena da Cataverna, ao fondo
A Pena da CATAVERNA está localizada no concello do Vicedo, no cordal que separa as parroquias das Negradas e do Vicedo (ver aquí localizacion).

Como topónimos posiblemente relacionados, existen varios Catabois, así como Catasol en Bares, CatasoisCatapeixe, Catarou, Catallo, etc. 


1) Alternativa prelatina

Significaría algo como "cima do monte por riba dos ameneiros" ou "cima do monte por riba do río".

O elemento "cata-" podería vier de *kat(t)-,  das bases alternantes kat(t)-, kot(t)-, para as que Rivas Quintas indica un significado de "punta, muñón, prominencia". Cf. E. Rivas Quintas, "Lingua galega, niveis primitivos", 1994

En canto ao segundo elemento ("verna") , podería identificarse coa raíz indoeuropea *awer- "auga, río, chuvia" (Pokorny IEW 78-81). De feito, dela procede o termo céltico *uernā "ameneiro", que pervive como verna no catalán, occitano e piemontés, verne, vergne no francés, gwern no bretón, etc. Este tema léxico parece ser abondoso na toponimia galega, como o medieval Vernesga (nome dun afluente do río Ferreira actualmente "Río de Perros"), "Bernesga" (nome dun afluente do río Esla). Cf. P.  Martínez Lema. "Toponimia, etimoloxía e fontes documentais: os exemplos de Arosa e Brens ". 2012.
Entre os topónimos actuais galegos relacionados, posiblemente estaría "Bernés" (en Neda nas Somozas) e Vernes (Carballo) ... sen esquecer "O Prado de Bernedo", en Pedrafita. Este topónimo, cuxa grafía correcta sería "Vernedo", co sufixo abundancial -edo, o mesmo que "toxedo", "biduedo".

Por tanto, se a relacionamos con uerno, "Cataverna" significaría "terras en encosta, por riba dos amieiros". Alternativamente, se o relacionamos directamente con *awer-n-  levaríanos a algo como "cima do monte riba do esteiro", o cal é certo.
Coincidencia ou non, na zona chá xa máis embaixo da faldra da montaña, aínda existe un "O Amidal", que indica abundancia de amieiros ou ameneiros.

2) Alternativa latina

O termo latino captare relaciónase co atual "observar", daí  a (improbable) hipótese de derivar de *capta averna. 'observa o inferno' (?!). Tamén hai quen os relaciona co latín tardío e medieval captare  'cazar', aínda que somente encaixan algúns topónimos.

Encaixarían "Catabois" (Catabueyes no Bierzo) 'punto de onde se observan os bois'. Encaixa tamén Catalobos  (Valladolid), Catapeixe (Pontevedra), e Catasol (Bares, Pontevedra). No caso de "Catasol", posiblemente non teña que ver co astro "sol" senón reinterpretación dun Cottu Sauli, ou incluso con Cottu Sauri (antigo nome do río Sor). Tampouco parecen encaixar con este significado  Catarou, Catarón,  Cataúde,  Catallo, nin tampouco CatasueiroCatarufe. Tampouco encaixa o "Alto de Catapreiro", orixinado sobre "Cata-pedreiro",  difícil que se tratase de "observar pedreiros".

3) Outra alternativa 

Na Toscana hai os termos  "cataverna" e "calaverna", como sinónimo de "caverna". Porén, neste caso non  hai nin parace que houbese cova ningunha (cf. aquí).