Será que o topónimo "A Pena do Retorno" apunta para algunha lenda presente á hora de batizar o penedo??.
Ao analizar "Retorno", reparamos na frecuencia alta de topónimos "Torno", "Torna" e "Retorno" en toda a comarca e en toda Galiza.
Ao analizar "Retorno", reparamos na frecuencia alta de topónimos "Torno", "Torna" e "Retorno" en toda a comarca e en toda Galiza.
Os tornos e as tornas
Á parte de casos excepcionais, a maioría dos "torno" nada teñen que ver con "turno", senón que estarían asociados ao significado de
"espita", "chorro forte de auga". Estas acepcións están recollidas nos
dicionarios galegos e portugueses (cf. aquí e aquí).
É doado confirmar ese sentido hidronímico observando a toponimia: "Fonte do Torno", "Fonte da
Torna","Fonte das Tornas", "Fontetorne", "A Torna
da Auga", "A Torna da Rega", "Poza do Retorno" e "Ponte do Retorno". Hai tamén un "A Fonte dos Sete
Tornos", que parece confirmar o sentido de "espita".
Aínda que J. L. Pensado e outros relacionan os topónimos "torno" e "torniello" co apelativo "turno" 'rolda, vez' (cf. aquí), cremos que se pode descartar esta interpretación: encaixaría nalgúns casos, por exemplo os turnos de regar prados, mais non coas "Fonte da Torna", por exemplo.
Etimoloxía
Bascuas, ao analizar os derivados da raíz indoeuropea *ter 'frotar, atravesar', trata o tema *tur-, tamén na súa combinación co sufixo
*-no-. Con todo, móstrase moi cauto,
dicindo que "é posible que algún dos 'torno' deriven dun
prerromano *turno" (cf. E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006. caps. 130.1, 130.2). Cita o caso dun "Torno" xa rexistrado no ano 942 en Lobios (Ourense).
Pola súa banda, Francisco Villar
agrupa a maioría dos *tur- como procedentes dunha raíz *ter- 'frotar' (cf. p.235 de F.
Villar. "Estudios de celtibérico y de toponimia prerromana". 1995).
Villar soamente presenta o exemplo de "Torna del Agua" en Ávila (cf. p.
218. Bascuas. ibid.), sen profundizar máis e sen incluír casos galegos.
Pokorny distinguiu dúas raíces *ter-, unha co significado de 'frotar'
e outra co de 'atravesar', en canto que Krahe asociaba todos os hidrónimos
europeos Tar- cunha raíz única *ter- 'rápido, forte'.
Dentro da nosa humilde opinión, o
significado de "atravesar" parece confirmado, tanto na acepción de
"espita", cando atravesa o barril como na acepción de "furar" unha
canle ou represa para que saia a auga a chorro. Outras palabras da mesma raíz
indoeuropea, como "trade", "tarabilla", "traza" (polilla) parecen confirmar este
significado de "atravesar", incluso "tarozo" (por
"atravesar a espiga", ou "o que queda despois de roída").
Por outra banda, o significado de "rápido, forte" que apontaba Krahe
tamén están reflexados, incluíndo a acepción de "chorro" que cita o
dicionario, e obviamente tamén a saída da auga/viño polo "torno"
(espita).
Retorno e Retorna
Os topónimos "O
Retorno" xa semellan máis complicados. Poderían provir nalgúns casos de
"río Torno", como ocorre con outros topónimos "Re-" como "Reirado". Porén, hai máis de 200 topónimos "Retorno", co cal semella moi difícil que
todos proveñan dun"río Torno". Hai tamen varios "A Retorna", en femenino, que dificilmente encaixaría con "(o) río Torna"".
O que sí parece é que os "Retorno" son tamén
hidrónimos: alén de "Poza do Retorno" e "Ponte do
Retorno", outros moitos son en zona de veigas ou de prados.
Cremos, portanto, que este elemento "re-" pode corresponder cun elemento enfático, o mesmo ou similar ao existente no céltico, e que comentaremos noutra entrada de blogue
Outros: as torneiras e a Bitorna
Lembro de primeira man o uso do apelativo "troneiras", referidas á rede de canos de distribución da
auga polos prados. Esta forma sería variante de "torneiras", que X.
L. Franco Grande inclúe no seu dicionario como "derivaciones de un riego
para regar un árbol". Bascuas recolle un "agro tornario" nun
documento de 1009 (cf. p.218. Bascuas. ibid.) ... e indica que o documento
fala dun agro localizado nun entorno de dous muíños, o cal parece reforzar que a palabra que mencionamos foi "torneira" e, por tanto, totalmente relacionada con "torno".
Ningún comentario:
Publicar un comentario