mércores, 9 de agosto de 2023

Algúns lugares de axustizamentos na Mariña e o Ortegal

 A toponimia dános por veces pistas moi claras sobre a historia dos nosos lugares e, por tanto, sobre a nosa historia.

É interesante o caso dos topónimos Picota e Rollo que atopamos na nosas bisbarras, e que nos informan da historia dos axustizamentos, e en concreto de lugares nos que se aplicou a pena de morte. 

A Picota, ademais da acepción de cima dun monte", designaba o pau espetado, poste ou columna no que se executaban as sentenzas ignominiosas impostas aos criminosos. O termo "Rollo", voz importada de Castela, xunto co seu uso executivo, era practicamente sinónimo de "picota". A diferenza consistía unicamente en que a Picota podía estar situada en calquera lugar, en canto que o Rollo soamente se erguía nas vilas capital de señorío xurisdicional.

O dicionario de Marcial Valladares (1884) define "rollo" como "A picota, ou forca, feita de pedra e en forma redonda, ou de columna. Era insignia da xurisdición de vila, odiosa para as poboacións." (Cf. Marcial Valladares, 1884). "Diccionario gallego-castellano").

Elixio Rivas rexistrou en Marín o caso do "Outeiro do Rollo", que tamén é chamado "Outeiro da Forca".

 De seguido presentamos unha escolma destes lugares con historia conservada na toponimia, os restos que atopamos na zona da Mariña e do Ortegal.

Antes de continuar, convén notar o feito de este artigo estar baseado en datos exclusivamente toponímicos, polo que deberá de ser constrastado con datos e rexistros históricos que confirmen ou desmintan cada unha das hipóteses.

A CRUZ DO ROLLO (VIVEIRO)

Esta cruz, aínda que actualmente se atope na ponte de Viveiro, indícanos claramente polo nome que foi traída aí desde o lugar onde se facían os axustizamentos . A cruz presenciou execucións de penas de morte, vaia.

A PICOTA (Suegos -- O VICEDO)

No caso que nos ocupa, trátase dun lugar situado preto do curuto de monte,  entre O Folgueiro e Suegos. Por tanto, non queda claro se foi lugar de execucións. A favor desta especulación está o feito de ter sido Suegos un couto específico, con concello nalgunhas épocas.

 A PICOTA (Benquerencia -- BARREIROS)

A acepción desta picota semella claramente a de lugar de execución. De feito, ao pé deste topónimo de Benquerencia atópase o topónimo "Rollo". Ambos os dous, xa que logo, confirman a interpretación mutuamente.

AS PICOTAS (Silán -- MURAS)

Neste caso, as posibeis dúbidas sobre a interpretación de "Picota" son frouxas, pois dáse o feito de que, ao pé desta finca de Silán atópanse "O Cárcere" e mais "A Casa Vella do Concello". Uns topónimos confirman os outros.

Finalmente notar que, aínda que este topónimo estea en plural, isto non é significativo.: o máis probábel o lugar se teña chamado "A Picota" e pasase a chamarse "As Picotas" cando a finca á que dá nome se partillou entre varios propietarios, o cal é un feito recorrente na toponimia.

A PICOTA (lugar da Pena Vaqueira, Roupar --- XERMADE)

Esta "Picota"  atópase no medio da poboación e non se trata dunha cima, así que semella plausíbel pensar que debeu ser  o lugar de axusticiamento.

É de notar a existencia dunha "Picota" na freguesía de Burgás pero atópase na cima dun monte" e ademais ben lonxe dos núcleo de poboación, polo que a acepción de "Picota" nese caso semella encaixar mellor como "picouto, curuto de monte".

A PICOTA (lugar do Burgo, Oirán --- MONDOÑEDO)

Esta "Picota"  atópase moi preto da Igrexa de Oirán, no lugar do Burgo, e non se trata dunha cima, así que tamén semella plausíbel pensar que debeu ser  o lugar de axusticiamento.

O ROLLO (Rececende --- A PONTENOVA)

Este lugar atópase preto de Rececende de Arriba, moi preto do lugar do Pacio. Como noutros casos, suficientemente preto e á vez suficientemente lonxe da poboación para non ter lugar a execución no centro. Por tanto, semella plausíbel pensar que debeu ser  o lugar de axusticiamento, máxime quedando preto do Pacio, que se supón que daquela aínda sería residencia señorial.

O ROLLO (Vilaoudriz --- A PONTENOVA)

Este lugar atópase preto da Igrexa de Viloudriz. Como noutros casos, suficientemente preto e á vez suficientemente lonxe da poboación. Por tanto, semella plausíbel pensar que debeu ser  o lugar de axusticiamento,.

A PICOTA (Bares -- MAÑÓN)

A situación deste microtopónimo queda nun lugar apartado, mais moi preto do Porto de Bares, suficientemente preto e á vez suficientemente lonxe para non ter lugar a execución no centro da poboación. Non queda nun picouto ou cume de monte, polo que emella claro que debe tratarse dun antigo lugar de axustizamento.

O MONTE DA PICOTA (Os Casás -- CERDIDO)

A situación deste microtopónimo queda nun lugar apartado, mais relativamente preto da Igrexa. Como no caso de Bares, suficientemente preto e á vez suficientemente lonxe para non ter lugar a execución no centro da poboación. Porén, aínda que non no cume, si que queda nun monte, polo que non permite descartar que fixese referencia a un curuto de monte e non a un lugar de axustizamento.


1 comentario:

  1. ('rollo' en gallego es el resultado fonético de rótulum: cultismo 'rótulo'; en francés: 'rôle': lista de miembros, en particular, pobres beneficiarios de alguna ayuda alimentaria : nombre en una lista, papel en una representación, de donde los modernos 'juegos de rol'; Santiago de Goiriz, en el Camino antes de Villalba, es una parroquia con doce 'roldes', o circumscripciones, con sus fiestas cada una; y precisamente hay muchas cruces en los caminos que llevan a la parroquia y al cementerio, donde se detenían en las conducciones de difuntos a hacer rezos. No sé si en las grandes poblaciones podría darse su uso como lugar de ejecución, pero no creo que fuese tan común)

    ResponderEliminar