domingo, 9 de novembro de 2014

A Moura dos Gallos

Presentamos algúns topónimos para os que non tíñamos atopado referencias publicadas, e que poderían vir do recorrente tema prerromano *kal(l)-, nun senso de "rocha, rochedo", e por tanto da mesma orixe xeralmente atribuída a "Gallaecia" e a "Portu Cale", así como ao apelativo "callau" (do celta caliavo) . 

Por outra banda, os dicionarios rexistran para "galleta" a acepción de "forcada", e para "gallo" a de "rama ou pau bifurcado", derivándoos do latín vulgar galleu 'a modo de galla do carballo' (cf. DCECH). Ás veces danse interpretacións destes topónimos neste sentido de "bifurcación", o cal non cremos que sexa o caso en xeral, senón que cremos seren derivados da raíz prerromana supradita.

Se reparamos nos topónimos "A Galleta", fixámonos que todos eles se rerefen a lugares rochosos na costa. Así, atopamos "A Galleta" en Burela, Arteixo,  e varios en Ferrol e en Ribeira, onde tamén aparece "As Galletas". Alén diso, atopamos un "Os Galletos" en Cariño; en Cedeira atopamos unha parella de pequenos illotes costeiros chamados "A Moura dos Gallos" e "A Cuncagada dos Gallos".
O Galleiro (Vigo)
Asemade, atopamos "Os Galleiros" en Xove e en Ferrol, tamén zonas de costa rochosas, aínda que haxa outros "Galleiro(s)" en zonas do interior.
Xa menos frecuentes,  novamente correspondendo a lugares rochosos costeiros, encontramos "O Gallín" (Ribadeo),  "Ronca das Gallas" (Burela), e talvez tamén "As Nigalliñas de Terra" (O Grove).


Xa pasando a lugares terra adentro, atopamos outra serie de topónimos que non encaixan nun significado de "bifurcación", tais como "O Penedo dos Gallos" no Páramo, o "Monte Gallo" (Palas de Rei), cun penedo claramente visible. Así mesmo, están "O Coto Gallado" e  "O Coto Galludo" en Lousame, "A Gallosa" (Oza dos Ríos) co sufixo abundancial, "Os Galliños" (Muras) nunha zona de monte con penas, o mesmo que "O Chao dos Galleiros" en Muíños, así como "O Galleiro" en Vigo, etc.


Outros topónimos como "O Gallete", "O Gallón" e "Os Gallós",en Muras, igual que "O Rego Galludo" (Ambosores) que tén un compañeiro "As Gallas do Rego" en Xermade. Todos eles semellan esta mesma orixe, mais non temos confirmación visual.
O mesmo ocorrería, polo menos nalgúns dos casos , cos frecuentes topónimos "Galiñeira" (encontramos polo menos 26 en Galicia), "Galiñeiro", "Galiña", como é o caso do cantil rochoso "Punta Galiño" (Xove) e "O Petón do Galiñaceiro" en Muros.

Non pasamos sen mencionar "Callaecia" ou "Porto Cale", aos que se lle atribúe a mesma orixe, así como Callón (en Laracha e en Mañón) e Callobre en Miño (cf. e.g. Cabeza Quiles, "A Toponimia de Galicia", 2014).

É interesante reparar que se conserva viva a versión asturiana destes nomes: X. L. García Arias identificou gayu 'saliente rochoso', que tería a mesma orixe e significado (cf. aquí). Hai tamén un "La Gayuda", uns penascos costeiros perto de Xixón, para a que non concordamos coa interpretación de referilos ao animal gayu 'galo' (cf. aquí).

Por outro lado, si que semellan ter unha etimoloxía latina todas ou parte das múltiples "Pena Gallada",  nun senso de "fendidas, partidas en dúas" -  sería preciso confirmar visualmente.

sábado, 1 de marzo de 2014

Os topónimos Telandriz e Lamateimil

Estudando o topónimo "Teladriz" (Sargadelos, Cervo) topámonos co elemento "Tei". 

Postulamos para "Teladriz" unha orixe en *"Tei Ledriz", onde "Ledriz" sería a forma evoluída de Leoderici, o xenitivo de Leodericus, nome de orixe xermánica, .. e precedido do elemento "Tei", que interpretamos como "lameiro".

Este controvertido elemento "Tei" está presente en topónimos galegos, maiormente no sur de Lugo, aínda que non restrinxido a estas áreas.
Este elemento "Tei", frecuentemente ligado a formas en xenitivo, tanto de orixe xermánica (Teimende, Teibalte, etc), latina (Teivente, Teilalle, etc) e  árabe (Teicide), foi estudado en detalle por E. Bascuas, quen lle asignou unha orixe na forma antigoeuropea *tag-, cun significado parecido a "lameiro", e derivada da raíz indoeuropea *ta 'derreter, fluír lentamente'. Cf. p. 66 e ss. de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

Por outro lado, é de remarcar que o nome completo deste topónimo é "Prado de Teladriz", co apelativo "prado", que parece reforzar a interpretación de "lameiro" dada por Bascuas.
Deste modo, cando o termo "tei" 'lameiro' chegou a ser opaco, ao topónimo foille añadido "Prado de", significado que xa antes aportaría "tei". Ou sexa, que realmente significaría algo como "prado de prado de Leodoricus", unha tautoloxía.

En resumo, dous topónimos que parecen incluír o elemento "tei", e que parecen reforzar a hipótese de Bascuas de *tage >"tei"="lameiro".

Por outra banda, non podemos deixar de mencionar tamén a interpretación parcialmente alternativa que para "tei" fai Cossué, partindo do estudo de Bascuas e derivándoo como un celtismo, co significado de "casa" (cf. aquí).


venres, 17 de xaneiro de 2014

A Pena do Retorno, o Torno, a Torna e a Bitorna

Será que o topónimo "A Pena do Retorno" apunta para algunha lenda presente á hora de batizar o penedo??.

Ao analizar "Retorno", reparamos na frecuencia alta de topónimos "Torno", "Torna" e "Retorno" en toda a comarca e en toda Galiza. 

Os tornos e as tornas
Á parte de casos excepcionais,  a maioría dos "torno" nada teñen que ver con "turno", senón que estarían asociados ao significado de "espita", "chorro forte de auga". Estas acepcións están recollidas nos dicionarios galegos e portugueses (cf. aquí e  aquí).

É doado confirmar ese sentido hidronímico observando a toponimia: "Fonte do Torno",  "Fonte da Torna","Fonte das Tornas", "Fontetorne", "A Torna da Auga", "A Torna da Rega", "Poza do Retorno" e "Ponte do Retorno". Hai tamén un "A Fonte dos Sete Tornos", que parece confirmar o sentido de "espita". 

Aínda que J. L. Pensado e outros relacionan os topónimos "torno" e "torniello" co apelativo "turno" 'rolda, vez' (cf. aquí), cremos que se pode descartar esta interpretación: encaixaría nalgúns casos, por exemplo os turnos de regar prados, mais non coas "Fonte da Torna", por exemplo.

Etimoloxía
Bascuas, ao analizar os derivados da raíz indoeuropea *ter 'frotar, atravesar', trata o tema *tur-,  tamén na súa combinación co sufixo *-no-. Con todo,  móstrase moi cauto, dicindo que "é posible que algún dos 'torno' deriven dun prerromano *turno" (cf. E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006. caps. 130.1, 130.2). Cita o caso dun "Torno" xa rexistrado no ano 942 en Lobios (Ourense).
Pola súa banda, Francisco Villar agrupa a maioría dos *tur- como procedentes dunha raíz *ter- 'frotar' (cf. p.235 de F. Villar. "Estudios de celtibérico y de toponimia prerromana". 1995). Villar soamente presenta o exemplo de "Torna del Agua" en Ávila (cf. p. 218. Bascuas. ibid.), sen profundizar máis e sen incluír casos galegos. 

Pokorny distinguiu dúas raíces *ter-, unha co significado de 'frotar' e outra co de 'atravesar', en canto que Krahe asociaba todos os hidrónimos europeos Tar- cunha raíz única *ter- 'rápido, forte'.

Dentro da nosa humilde opinión, o significado de "atravesar" parece confirmado, tanto na acepción de "espita", cando atravesa o barril como na acepción de "furar" unha canle ou represa para que saia a auga a chorro. Outras palabras da mesma raíz indoeuropea, como "trade", "tarabilla", "traza" (polilla) parecen confirmar este significado de "atravesar", incluso "tarozo" (por "atravesar a espiga", ou "o que queda despois de roída"). Por outra banda, o significado de "rápido, forte" que apontaba Krahe tamén están reflexados, incluíndo a acepción de "chorro" que cita o dicionario, e obviamente tamén a saída da auga/viño polo "torno" (espita).

Retorno e Retorna
Os topónimos "O Retorno" xa semellan máis complicados. Poderían provir nalgúns casos de "río Torno", como ocorre con outros topónimos "Re-" como "Reirado". Porén, hai máis de 200 topónimos "Retorno", co cal semella moi difícil que todos proveñan dun"río Torno". Hai tamen varios "A Retorna", en femenino, que dificilmente encaixaría con "(o) río Torna"".
O que sí parece é que os "Retorno" son tamén hidrónimos: alén de  "Poza do Retorno" e "Ponte do Retorno", outros moitos son en zona de veigas ou de prados. Cremos, portanto, que este elemento "re-" pode corresponder cun elemento enfático, o mesmo ou similar ao existente no céltico, e que comentaremos noutra entrada de blogue

Outros: as torneiras e a Bitorna
Lembro de primeira man o uso do apelativo "troneiras", referidas á rede de canos de distribución da auga polos prados. Esta forma sería variante de "torneiras", que X. L. Franco Grande inclúe no seu dicionario como "derivaciones de un riego para regar un árbol". Bascuas recolle un "agro tornario" nun documento de 1009 (cf. p.218. Bascuas. ibid.) ... e indica que o documento fala dun agro localizado nun entorno de dous muíños, o cal parece reforzar que a palabra que mencionamos foi "torneira" e, por tanto, totalmente relacionada con "torno".

Por non extendérmonos máis, finalizamos coa "Fonte da Bitorna", aparentemente "bi-torna", con dous 'caños'. Con moita imaxinación, podemos pensar que a fonte xa se tivese dous "tornos" antes de chegar os romanos, e que este prefixo bi- corresponda co prefixo céltico *bi, co mesmo significado que no romance. 

luns, 6 de xaneiro de 2014

As COSTOIRAS que non son costas

Os topónimos Costoira son relativamente frecuntes en Galiza; asi, na Mariña atópanse en Cervo, en Lago (Xove), en Alfoz, en Foz, en Valcarría (Viveiro), etc.

O termo "costoira" debe provir, tal como veremos, do latín medieval custodiaria 'atalaia', '
posto de observación'. A evolución fonética non presentaría maiores problemas. O mesmo caso ocorrería coa variante Costoura. Por outra banda, tamén se rexistran os topónimos Costoia, que neste caso derivan de custodia, e que "engaramallaron" un pouco a cousa, como veremos.

Primeiramente, tanto Sarmiento como J. M. Piel derivaron "Costoira" de custodia, basándose en varios casos de Costoira e Costoura documentados na Idade Media como Custodia (e.g. en Pedrafita Petra Custodia, actual Paracostoira). O profesor Piel defendía a evolucion custodia > costoia > costoira,  como unha  “mera substitucão espontánea do elemento -oia .."... mais esta evolución dá certa vertixe; semella máis económico explicalo como unha reintrodución tardía no galego da forma latina custodia, co que tería evolucionado custodia > *costoida > costoira. O último paso trataríase simplmente dunha disimilación. Dese modo, a outra forma Costoia sería froito dunha introdución previa deste cultismo, posterior tamén ao romance incial, senón tería dado **costoxa.

Outra hipótese sería a dunha orixe en Costa + -oira, pertencendo ao subconxunto de topónimos en -oira como Fontoira, Valoira, Riboira,  (en Portugal e nunha zona galega reducida dáse a variante -oura:  Portouro, Montouro), para os que non hai explicación sinxela. Figuran atestadas por exemplo "Fonte Aurea", que autores como Bascuas interpretan certas terminacións -oira, -oiro como provintes dun paleoeuropeo *auria / *aurio. (no entanto, Almeida Fernandes desbota "fonte aurea" como “mero eruditismo tabeliónico”).

Por outra banda, de volta para "costoira", se observamos os paralelismos na área castelá, en transcricions de documentación antiga castelá, atópase "Custiera", que se pode interpretar como ‘atalaya’. Así, García Andreva cita varios casos, por exemplo "Alia vinea de illa custiera de Faia Abolvalitez" 
(c. 1010) (cf. F. García, 2011. "Aportaciones filológicas a la documentación emilianense altomedieval").
Na mesma liña, na documentación emilianense do século XIII está rexistrado "custidiera" (cf. C. GARCÍA TURZA, e J. GARCÍA TURZA, 1996. "Una nueva visión de la lengua de Berceo a la luz de la documentación emilianense del siglo XIII": 161-162). Isto parece reforzar definitivamente a hipótese inicial, pois Custiera non semella máis que a forma paralela a Costoira pero en castelán (cf. lavadoiro - lavadero).


domingo, 5 de xaneiro de 2014

Zaipa Mirakhi

Na parroquia de Miraz (Xermade),  atópase A ZAIPA, atractivo e particular topónimo, que non parece ser de berce latina. Alén de "Zaipa" encóntrase, ademais, a "medoña da Zaipa" así como o "Rego de Zaipa".

Poderíamos pensar nunha orixe no xermánico sala, posible orixe dos "Saa" e "Sá" galegos, ainda que apenas chegamos a ningures por esta vía. 
Por vía latina tampouco chegamos a ningures, logo pola via Appia vaiamos mais atrás no tempo: Zaipa pode derivar dun termo prerromano *Sal-ap-p-ya 'charca, arroio da charca, lagoa'. Encaixa, pois tanto a raíz indoeuropea *sal- 'sal, auga estancada' como a raíz *ap- 'auga, río' están razonablemente representadas na nosa toponimia (así por exemplo Seaia <*Sel-awia, Salime <*Sal(l)-ime).
A evolución de *Salappya para Zaipa non presentaría problemas, incluíndo a evolución s- > z-, que aconteceu en moitos outros casos (zaramago, zugar, ..).

Afortunadamente, o Nomenclator rexistra en Barreiros un "Zapia", e ao rente del "A Veiga de Zapia" (Ribadeo), que parecen aliñarse coa hipótese hidronímica. Neste caso, Zapia preservou o ditongo de -apia sen metáteses,  o cal é relativamente común naquela zona.

Estaría relacionado coa antiga cidade de Salapia, na Puglia italiana, a cal foi citada por Pokorny e interpretada do mesmo modo. Atopamos tamén atestado "Salappio" en Italia, totalmente correspondente coa orixe postulada para "Zaipa", apenas mudando o xénero.

En resumo, a derivación de *Salappya,encaixa tanto fonética como semanticamente, e é coherente e aliñado con outras ocorrencias similares. 

É interesante o topónimo Sarapia, en Trabada, ao pé do río Eo, que xunto á forma -apia, esta vez tén o elemento "Sar-", tamén frecuente en hidrónimos paleoeuropeos, e derivada da raíz indoeuropea *ap- 'auga, río'.  Están, por tanto, estreitamente relacionados, e semellan explicarse mutuamente.

É atractivo pensar que algún dos "Rego de Sapo(s), moi frecuente na toponimia galega, puido tratarse dunha reformulación dunha forma prerromana Salapp-, a mesma raíz que tería Zapia.

Outros Topónimos similares

É interesante tamén notar o topónimo "Zapicos" na Rigueira (Xove), que corresponde a unha zona de prados, non ben lonxe do comentado "Zapia" en Barreiros (porén, neste caso podería indicar unha pertencente a unha familia apelidada Zapico).

Tamén é importante reparar na existencia de "A Zalaroia", un núcleo de poboación na parroquia de Momán. No caso de Zalaroia tamén podemos aventurar unha orixe en *sal(l)-ar-owia, composto que incluiría a mesma raíz *sal-, xunto con "*aroia", que viría tamén dun elemento hidronímico paeloeuropeo, neste caso *ar-u-, estudado por Bascuas (cf. p. 40 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). Neste caso, dáse unha xeminación do "-l-", o que non ocorre no supradito "Zaipa".

luns, 1 de xullo de 2013

Regos do Aro e Arovello

Nas comarcas da Mariña e do Ortegal, encontrámonos con certa frecuencia co topónimo "Aro", en particular "Rego do Aro". Así o encontramos en  San Román (O Vicedo), en Viveiro, en Ourol, en Muras e no Valadouro. Tamén atopamos topónimos relacionados como "A costa do Aro" en Cedeira e "Arovello" en Mañón.


Probable orixe prerromana

Tendo en conta os múltiples "rego de Aro", e unha vez descartadas outras opcións (ver seguintes parágrafos),  lévanos a asociar este topónimo "Aro" cun tema da hidronimia prerromana , en concreto co tema puro *ar-, de orixe paleoeuropea, derivado da raíz indoeuropea *er- 'moverse', e amplamente estudado por E. Bascuas (cf. E. Bascuas p. 24 e ss. de "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 

É interesante reparar no río "Guadiaro", en Andalucía, cun significado de "río Aro", derivado dun "wādī Āru", do árabe wad 'río'  máis un "aro"  probablemente tamén antigoeuropeo, coa orixe tamén no tema *ar (ver nota1).

Rivas Quintas interpreta "aro" coa acepción antiga de "campo, vale pequeno" en Marín, e coa acepción aínda actual de "agra, polígono de cultivos" nas Negradas (cf. Frampas II). É importante notar que o paso dun sentido hidronímico para o de "agro" é doado, tal como explica E. Bascuas (cf. Bascuas, ibidem).

No caso do topónio "Arovello", podemos interpretar "vello" co significado romance de "antigo", ou tamén, dado que nos atopamos na presencia dun hidronimo, poderíamos aventurar unha orixe na raíz indoeuropea *wel   'facer xirar', presente noutros topónimos como "Ulla" ou "Veleia" (cf. Bascuas, ibidem). Alternativamente, podería vir do céltico *belio, do indoeuropeo *bhel, "brillante".


Outras hipóteses de orixe prerromana

Cremos descartábel a orixe na forma indoeuropea *an(n),  moi produtiva no Noroeste peninsular na creación de derivados léxicos e toponímicos de contido hidronímico (así, "Ares", na Coruña, a partir de Anaris e  Ombre, Pontedeume, de Anobre. Cf. p. 805 aquí) e estudada por Bascuas, que vincula ese tema *an(n)- co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’. 
O feito de descartar esta hipótese é por haber topónimos similares fóra do ámbito galego-portugués, fóra da área de caída do -n- intervocálico: así temos "Río del Aro" (Limpias) e Aro (Laredo), así como "El Aranzal" (Castro-Urdiales), e o xa indicado Guadiaro (< wadi Aro), para os que, obviamente, non encaixa unha orixe na raíz *an.

Así mesmo, cremos improbábel que o topónimo "Aro"  derive da tamén raíz indoeuropea *arg- 'brillante', xa que non observamos casos de simplificación do conxunto -rg- para -r- . Se estivermos equivocados, "Arovello" viría de *Argobelio, coa raíz *arg- "brillante" e a raíz *belio, do indoeuropeo *bhel, "brillante". Este parece tamén ser o caso do topónimo leonés "Agroviejo", referente a un lugar situado ao pé dun arroio, nun estreito val rodeado de alturas escarpadas. Cf. aquí.
Porén, nesta hipótese non resulta probábel a perda do "g" e,  de feito, temos o topónimo "Arganzo" no mesmo concello, que non perdeu o "g".

Outras hipóteses descartadas

O termo "aro" podería derivar de "agro", así sería *"Rego do Agro". Esta redución agro>aro non sería estraña, e ademais encaixaría en parte dos casos que mencionamos. No entanto, non encaixa nalgúns topónimos "Aro" que se atopan en zonas de pedregais.  Alén diso, o termo "agro" semella pouco específico, excesivamente xenérico como para que caracterizase con frecuencia un rego ou río.

Unha hipótese alternativa sería explicalo a partir de "adro"; esta redución adro>aro tampouco sería estraña, de feito ocorre noutros topónimos similares. Así, indicaría a antiga existencia dunha capela na zona en cuestión. Isto talvez encaixaría no caso de "Arovello",  e en xeral nos casos de "aro" correspondentes con entidades de poboación (aínda que non se coñeza a antiga existencia de ningunha ermida alí), ou no "Rego de Aro" de Viveiro ... pero non sempre os "aros" indicados están en zonas poboadas, senón maiormente en zonas deshabitadas, co cal esta hipótese tampouco parece probábel.
Tamén podería vir do significado de "asa" ou "arandela". Isto talvez encaixaría como topónimo anecdótico nalgún caso illado, aínda que non coa frecuencia en que ocorre. Outro significado recollido polos dicionarios é o de "planta da familia das aráceas, cunha folla similar á do tabaco", do cal tampouco parece que esta poida ser a orixe nun topónimo tan relativamente frecuente.

------

(*)Nota1: a respecto do río "Guadiaro", hai quen deriva "Aro" do semítico hrs 'ouro' (cf. pp. 295-299 de  J. A. Correa "El hidrónimo Guadiaro" en "Acta Palaeohispanica 13" . 2013"). Porén, non vemos ningunha razón para rexeitar unha orixe paleoeuropea, a mesma que tiña Barbesula, o outro nome deste mesmo río en latín. Semella máis coherente esta hipótese paleoeuropea para ambos nomes, en vez de ir á procura dunha interpretación fenicia nun caso e paleoeuropea no outro.


mércores, 26 de xuño de 2013

Francos, O Franco, Francelos, Franza, Pena de Francia

O topónimo "Francos", bastante frecuente en Galicia e noutras zonas peninsulares.
Algún deles é extraordinariamente antigo, así xa no ano hai atestado un "Villam de Francos" no século VI (cf. "Documentos do Tombo Vello de Lugo", in Estudios Mindonienses", núm 27, 2011), ou sexa, na época sueva, moito antes por tanto nese caso das repoboacións da Reconquista).
O topónimo é interpretado, segundo o caso e o autor, en base a tres hipóteses principais:

1)  Inmigrantes francos:  na Idade Media, o termo "franco" indicaba "forasteiro", non específicamente da Galia, senón en xeral "alén dos Pirineos". Chegaban convocados en moitas ocasións polos monarcas ante a escasez de habitantes do norte peninsular para repoboar as terras tomadas aos musulmáns durante a "Reconquista".
O exemplo supradito do século VI non encaixa, obviamente, neste caso.

2) territorios (ou vilas de) francos: vilas ou territorios con franquicias, privilexos e exencións fiscais que recibiron os seus poboadores. Orixinariamente viría de privilexios dados a poboadores "francos" (de alén dos Pirineos) para fomentar o seu establecimento nas zonas conquistadas aos musulmáns, como ocorre no caso da "Villafranca" navarra, para o cal se conservan documentos (foros) indicando tais privilexios.
O exemplo supradito do século VI tampouco encaixa, obviamente, neste caso.

3) terreos ou montes francos,  "mancomunais", de "propiedade colectiva". Por veces á beira dalgúns ríos, e que están a campo para a libre circulación e para o pastoreo do gado. Un exemplo, fóra de Galiza, dáse no País Basco, onde existen os "Montes de francos".
O exemplo supradito do século VI tampouco encaixa, obviamente, neste caso.

As tres hipóteses están documentadas, quer directamente en Galiza ou noutras zonas do Norte peninsular.

É importante remarcar a existencia de dous "Vilar de Francos", que polo menos, para eses dous casos, parecen rexeitar o terceiro significado, de "mancomunais". Estes dous topónimos están localizados un na parroquia de Artes,  Carballo (A Coruña), e outro na parroquia de "Francos", en Baralla (Lugo).

"Francos" no senso de "poboadores provintes de alén dos Pirineos".

Francisco Marsá indica que no xigantesco trasego de pobos que interviron nas diferentes fases da Reconquista, os emigrantes de alén dos Pirineos eran coñecidos xenericamente como «francos», e convocados en moitas ocasións polos monarcas ante a falta de cristiáns do norte peninsular para repoboar as terras tomadas aos musulmáns. A presenza deste colectivo, representado polo topónimo "franco", é notábel nas provincias de Burgos, Cáceres, Coimbra, A Coruña, Lugo, Oviedo e Porto (cf. Francisco Marsá, «Toponimia de Reconquista», Enciclopedia Lingüística Hispánica, Madrid, 1960, p. 635.) especialmente no período comprendido entre 1055 e 1212 segundo García de Cortázar (J. A. García de Cortázar, Barcelona, 2004, «Resistencia frente al Islam, reconquista y repoblación en los reinos hispanocristianos», Historia de la Lengua Española, coordinación de Rafael Cano, p. 251.)
No entanto, Marsá, para o caso de Cataluña, suliña as tres acepcións do termo "franco": "de orixe alén dos Pirineos", "extranxeiro en xeral", e "libre, exento", este último significado a partires do século X xa rexistrado en Cataluña (cf. Francisco Marsá, «Toponimia de Reconquista», Enciclopedia Lingüística Hispánica, Madrid, 1960, p. 125-126.)

Reforzando a primeira hipótese, indicar que existen tamén "Franza" (e.g. en Xove) e "Francia" (e.g. en Ortigueira), así como varias "Pena de Francia", alén do topónimo Francelos (Ourense, xa rexistrado como Francellos en 993).
O apelido "Francos", de feito, abonda en Galiza e en Asturias, especialmente na provincia da Coruña. Cf. aquí.

Insistimos, porén, que o exemplo supradito do século VI (pre-reconquista) non encaixa, obviamente, neste caso.

"Francos" como "libres, exentos"

O orixinal "Foro de  Jaca" era un "foro de francos", sendo o seu propósito atraer poboación de alén dos Pirineos para unha localidade , mediante a garantía da súa liberdade e da súa consideración en plano de igualdade cos cabaleiros, así como mediante a protección da propiedade privada e a facilidade da súa adquisición. Este termo, "franco", confúndese xa na súa mesma orixe etimolóxica cun senso xurídico de "libre" ou "exento", xa que este é o significado último da palabra xermánica frank da que deriva. Ademais, no caso dos reinos de Aragón e Navarra, os dereitos e liberdades das vilas francas fóronse estendendo tamén aos poboadores autóctonos que acodiron a poboalas e que pasaban a ser tratados como francos.
Insistimos, novamente, que o exemplo supradito do século VI (pre-reconquista) non encaixa, obviamente, neste caso.