domingo, 22 de decembro de 2024

A orixe do apelido Pigueiras

 

Segundo o CAG, o apelido Pigueiras distribúese pola Mariña Occidental e o Ortegal; a maior frecuencia rexístrase no concello do Vicedo, polo que alí debeu ter a orixe.

Este apelido, dada a súa forma e significado, debe provir dun topónimo, pero o Nomenclátor de Galicia non rexistra ningunha poboación con este nome.


Por sorte, quedou documentado no chamado Real de Leigos do Catastro de Ensenada para Rio Barba (anos1762-1764), onde se rexistran polo menos tres casas no lugar das Pigueiras (cf. PARES):


O curioso, a priori, é que un núcleo habitado hai 250 anos desaparecese sen deixar rastro, incluída a microtoponimia.


A resposta dáa o Nomenclator, se reparamos na existencia dun núcleo de poboación en Río Barba (O Vicedo) chamado Espigueiras, que non é máis que unha reinterpretación do orixinario As Pigueiras.

Esta reinterpretación e consecuente cambio do topónimo aconteceu no final do séc XVII ou no comezo do XIX, pois no Dicionario de Madoz (1840) xa figura  co nome de "Espigueira" (sic).

En canto ao significado, As Pigueiras alude a un lugar onde se obtiña a pez ‘substancia resinosa extraída do piñeiro e doutras plantas coníferas’ (Estraviz). Estas pegueiras eran un estilo de foxo ou de forno de adobe, onde se fundía a resina obtida dos piñeiros e doutras árbores (cf. Documental)

Na toponimia galega son relativamente frecuentes O Pegueiro, A Pegueira, As Pigueiras, Os Pigueiros. Como nomes de poboación, o Nomenclator rexistra O Pegueiro (Ortigueira, A Co), que debe aludir ao oficio do posesor ou fundador do lugar.

Os apelidos son aínda máis conservadores que a toponimia, debido á súa fixación por escrito, "fosilizan" máis aínda.


domingo, 1 de decembro de 2024

A curiosa orixe de Basanta e Basante

1.    Introdución

O apelido Basanta, común na Mariña luguesa, deu orixe a varios topónimos e microtopónimos, mentres que Basante, menos frecuente, parece estar relacionado. 

A súa análise detallada, ata agora escasa, pode ser de interese toponomástico debido ás súas peculiares características formais.

2.    Os topónimos Basanta(s) e Basante(s)

Na toponimia galega rexístranse uns 20 Basanta(s) e 5 Basante(s),  a gran maioría microtopónimos, mais tamén hai dúas poboacións:

·                Basante (Magalofes, Fene, A Co)

·                A Basanta (A Pedra, Cariño, A Co) 

3.    Análise xeográfica e semántica

Os topónimos Basanta e Basante non seguen patróns asociados a elementos da paisaxe ou restos arqueolóxicos. 

A metade dos microtopónimos inclúe a forma "de/do Basanta/e", o que apunta a unha posible referencia ao apelido dun posesor. Ademais, os termos "basanta" e "basante", así como as variantes "vasanta" e "vasante", non aparecen rexistrados en dicionarios galegos nin portugueses.


4.    Distribución dos apelidos Basanta e Basante



O apelido Basanta está distribuído maiormente polo norte da provincia de Lugo, en particular na Mariña e nas comarcas veciñas. Os datos do CAG apuntan claramente a que o foco do apelido estivo no concello de Cervo.
  



Por outro lado, o apelido Basante ten unha distribución escasa, tanto en Galiza como fóra. Apenas aparece no concello Rois (A Co), así como no veciño de Brión (CAG).






 Os datos do INE, confirman que a maior frecuencia do apelido Basanta dáse na prov. de Lugo.

Tamén están atestados como Vasanta e Vasante, respectivamente. É de notar ademais a existencia dos apelidos Basantas e Basantes, que deben ter a mesma orixe, aínda que son moi infrecuentes e non están rexistrados no CAG.

5.    Rexistros documentais

 Non atopamos ningún atestamento medieval de ningún dos topónimos.

Como apelido, aparece rexistrado Basanta no séc. XIII:

[...] filia que fui de Petro Basanta et Vrraca Furtuniz, [...] a. 1240 Tbo. de Lourenzá (CODOLGA)

En 1398 aparece novamente o apelido Basanta nun aforamento na freguesía de Santo Adrao de Lourenzá (cf. PARES).

 Xa no século XV, aparece Fernando Basanta (por veces como Fernando Vasanta).

[...]  Vaasco Afonso, Fernan Vasanta, coengos [...] a. 1425 (CODOLGA)

[...] domno Fernando Basanta , archidiacono de Abiancis [...] a. 1458 (CODOLGA) 

No caso do apelido Basante, este non aparece ata o séc. XV, en Pontevedra:

[...] Gonçalvo de Meira, carniçeiro, e Juan Basante, carpinteiro. [...]  a. 1433 (GMH)  

6.    Interpretacións dos topónimos Basanta e Basante 

Existen varias teorías sobre o orixe do apelido Basanta, aínda que sen moito apoio factual. 

Coromines (1999) suxire que o apelido provén do País Vasco ou Navarra, aínda que con reservas, xa que non se atopa rexistrado por Mitxelena (1973). No entanto, esta hipótese non se axusta aos atestamentos dos séculos XIII e XIV, todos documentados en Galicia. 

Tamén podemos descartar que a orixe fose nun Basante formado a partir dalgún nome de posesor[1], xa que  Basanta, e non Basante, foi a forma orixinaria, tal como se comproba cos atestamentos antigos indicados. Basanta é, ademais, a forma maioritaria.

Considerando os datos das seccións anteriores, así como outros datos xeográficos que comentaremos de seguido,  pensamos que o máis probábel é que Basanta e Basante teñan a orixe en  “Aguas Santas”, que evolucionaría para *Abasantas e de aí con deglutinación para Basanta.

En efecto, o paso Augas Santas > *Abasantas sería análogo aos ben atestados de Santa Oalla > Santa Balla ou San Ioane > Seivane. Outro exemplo na toponimia é o de Malvas (Tui, Po),  documentado nas diferentes fases evolutivas:  como Malones, Maloes ou Malloas [2]. Tamén na antroponimia de orixe xermánica atopamos varios exemplos: Geloira > Elvira, Aloytus > Alvito, etc. Igualmente aconteceu en voces como audire > *auire > ouvir,  ou caule > couve.

Xa desde *Abasantas, a deglutinación en "A Basanta" é  caso análogo ao que aconteceu con Agrela > A Grela ou Ogrobe > O Grove[3]unha reinterpretación como artigo. O paso á forma en singular é tamén común para regularizar co artigo. Para o caso de Basante, a súa evolución a partir de Basanta tamén é explicábel facilmente, por influxo do frecuente sufixo -ante(s).

Esta hipótese tamén encaixa do punto de vista xeográfico: segundo os datos do CAG, todo apunta a que o apelido Basanta tería orixe no concello de Cervo (Lu), que é onde se atopa o lugar d’As Augas Santas, na freg. de Rúa. Pola súa parte, Basante ten pouca frecuencia para definir unha orixe clara no CAG, pero encaixaría que fose en Augasantas, no concello de Rois (A Co), un dos dous concellos nos que ten presenza ese apelido.

 

7.    Conclusións

 O estudo mostra que o apelido Basanta debe aludir a oriúndos do lugar das Augas Santas (freg. de Rúa, Cervo, Lu), e que o apelido Basante debeu derivar de Basanta, quer do mesmo ou talvez do lugar de Augasantas (Rois, A Co).

Canto á orixe dos topónimos,  remiten ao apelido do posesor do lugar.

Este estudo mostra tamén as trazas máis conservadoras que teñen os apelidos fronte á toponimia, dado o seu carácter hereditario; neste caso, chegou ata o punto de se volver opaco o apelido.

Por outro lado, non queda claro se a evolución Aguas Santas > Basanta se deu soamente no apelido ou se tamén aconteceu para o topónimo, e o lugar se chamou Basanta, pero non quedou rexistrado. Talvez a ligazón destes lugares Augas Santas co culto, e por tanto coa Igrexa e os rexistros escritos, influíu no mantemento da forma orixinaria Augas Santas, que se acabaría impondo á solución máis evolucionada “Basanta”.

 ---------------    ------------------  ------------------  -----------------

  (nota: este artigo é un resumo do artigo publicado en Academia)


[1] Tal como aconteceu con Espasante < (uilla) Spasandi.

[2] Cf. (MARTÍNEZ, P., 2018: 30).

[3] Algúns sufriron unha fase seguinte de deturpación castelanizante, como debeu ser o caso de Lagarea (Ortigueira) < La Garea < A Garea < *Agaree < (uilla) Dacaredi, do  nome  de  posesor  de  orixe  xermánica Dacaredus (HGNB 63.6).